A memoria agochada nos montes

Neste foro falamos de Historia de Galicia, antiga ou actual: desde o celtismo ata a Memoria Histórica, etc. Os temas relativos ás historias persoais ou familiares dos emigrados, as súas vivencias na emigración teñen outro espazo en "Historias da nosa emigración".
cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

A memoria agochada nos montes

Mensagempor cachafeiro » domingo, 19 jul 2009, 01:39

O guerrilleiro 'Curuxás': a memoria agochada nos montes

Curuxás, o guerrilleiro que non cazou Franco
Carlos Parrado

Carlos Parrado completa a visión canónica do fenómeno guerrilleiro en Galicia cun completo retrato de Ramón Rodríguez Varela, ?Curuxás?, un daqueles homes que continuaron na guerrilla antifranquista a loita do bando que perdera a Guerra Civil hai agora 70 anos
Ramón Rodríguez Varela, Curuxás, foi un dos últimos guerrilleiros antifranquistas que quedaba no monte, tras máis de 30 anos desde que, en 1936 e tras defender a legalidade republicana na Coruña, se agochara xunto a outros compañeiros das minas de San Finx (Lousame). Morreu, de forma natural, en 1967. Un ano despois, Mario de Langullo, O Pinche, exíliase a Francia tras unha rocambolesca saída desde a comarca de Trives. Son estes os últimos estertores dunha loita que comezara tras o golpe do 36 contra o goberno da II República. Foron moitos os homes ?e tamén algunha muller? os que optaron por fuxir cara aos montes e alí agocharse da barbarie que no verán dese ano aconteceu en Galicia. Case todos, ao igual que fixera Curuxás, defenderan ao goberno coas poucas armas das que dispuñan, defensa que non durou máis aló dunha semana ou, no mellor dos casos, dúas. O temor de ser asasinados fixo que ningún deles regresase aos seus fogares. Deste xeito, como ben sinala Carlos Parrado, as covas, as palleiras e algunhas poucas casas de enlaces ?xente de extrema confianza? constituíron os únicos lugares onde agardar o desenlace dos acontecementos.

Ao igual que Curuxás, moitos dos fuxidos eran militantes de partidos de esquerda e sindicatos de clase: PSOE, CNT, PCE, UGT..., e, como non, foron estes os primeiros que tentaron poñerse á fronte da defensa da legalidade; xa que logo, serán os que nutrirán maioritariamente as partidas dos fuxidos. Carlos Parrado sinala como xa no mesmo verán de 1936, xentes da Ulloa, Melide, Palas de Rei ou Viveiro comezan a organizarse para nun primeiro momento sobrevivir e agardar acontecementos. Entre eles había cargos políticos destacados pertencentes ás diferentes tendencias republicanas. É o caso de José Ouro Arias, Ouro de Leilón, do que fai unha completa análise o propio Parrado; este, como outros, ante o cariz preocupante da situación refúxiase no monte e, pasado un tempo, preséntase ás novas autoridades; outros non correrán a mesma sorte. Así, o doutor Vega Barrera, símbolo da República en Lugo, laiarase no cárcere de non ter fuxido a tempo xunto a outros que si o fixeron: será fusilado en outubro de 1936.

Carlos Parrado a través deste estudo vai desentrañando as liñas de actuación dos escapados, a súa evolución desde os primeiros días até converterse en guerrilleiros, xa que ningún deles, cando en xullo do 36 se refuxiaron nos montes, cría que co tempo pertencerían a unha organización armada como foi a guerrilla. Os problemas que suceden entre os guerrilleiros, o interese do PCE por controlar as partidas e a non aceptación destas directrices por algúns, tamén son analizadas; é o caso de José Neira, de Viveiro, asasinado por outros guerrilleiros tras ser acusado de ?traidor? pola cúpula comunista. Porén, o apoio da sociedade aos fuxidos foi fundamental para que resistisen tanto tempo nas condicións en que o fixeron; illados das súas familias, os enlaces, as casas de acollida ou, incluso, a quinta columna dentro das forzas de seguridade da ditadura, contribuíron a que algúns deles como Curuxás se mantivesen até os anos sesenta en liberdade. Isto foi unha constante ao longo do franquismo e logo apreciable na transición; resulta significativo que nos concellos da montaña luguesa o triunfo das opcións de esquerda nas diversas citas electorais desde o ano 1977 sexa case unha constante.

Memoria oral
No libro lévase a cabo unha exhaustiva análise da figura de Curuxás, desde os tempos de mineiro en San Finx, até os últimos intres da súa vida ?reprodúcese a que foi a última conversa de Ramón cos seus protectores, Ramiro e Manuela, no concello de Toques?. E isto sen manter unha soa conversa co protagonista; a memoria oral dos que o coñeceron, incluso intimamente, axuda a construír o personaxe, non só atendendo aos aspectos máis recoñecibles, senón tamén aos psicolóxicos: como pensaba, como se relacionaba, como entendía e reflexionaba sobre a política, etc. Incluso aos sentimentos: a anécdota da morte do can Moro é, neste aspecto, moi significativa.

Este interesante ensaio completa a visión que desde os anos oitenta temos do fenómeno guerrilleiro en Galicia a través das peripecias vitais dun dos perseguidos, que traspasou a liña da realidade para converterse nun mito. Carlos Parrado centra, con acerto, ao personaxe.



Curuxás, o guerrilleiro que non cazou Franco
Carlos Parrado
A Nosa Terra, 2009

http://www.xornal.com/imprimir/guerrill ... 72345.html


Alexandra Cachafeiro Camiña

Voltar para “Historia de Galicia e memoria histórica”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 2 visitantes