"Dende a noite de pedra"

Neste foro falamos de Historia de Galicia, antiga ou actual: desde o celtismo ata a Memoria Histórica, etc. Os temas relativos ás historias persoais ou familiares dos emigrados, as súas vivencias na emigración teñen outro espazo en "Historias da nosa emigración".
cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

"Dende a noite de pedra"

Mensagempor cachafeiro » quinta, 21 mai 2009, 14:48

Hogano terra de moito prado e pasto, aínda locen rexos os carballos, pouco eucalipto: Abellá, Frades, onde o 21 de abril de 1947 a Garda Civil cerca un grupo de guerrilleiros. Matan a Manuel Ponte Pedreira, Manuel Díaz Pan e ao Asturiano, de quen se tardou aínda tempo en coñecer o seu nome, Manuel Rodríguez. Todos os tres membros da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia da que Ponte era comandante.

Hai algúns anos que, de boca a boca, e na actualidade tamén a través de correos electrónicos, familia e amigos, entre os máis dilixentes os coñecidos Mero e Mini, Pedrón de Ouro deste ano que andamos, convocan para lembrar o cabodano.

Este 2009 xuntámonos algo máis de 30 persoas o 25 de abril, que cadraba en sábado o aniversario da revolución dos cravos portuguesa, 4 días e 62 anos máis tarde de que en Fontao, a mesma
aldea onde nacera Ponte, comunista, guerrilleiro, xastre ambulante de profesión como o fora seu pai, asasinaran os tres guerrilleiros. Alí deixamos chantada unha pedra que reproduce a bandeira da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia, e que pon, en letras vermellas: "O día 21 de abril de 1947 aquí morreron Manuel Ponte Pedreira, Manuel Díaz Pan e Manuel Rodríguez o Asturiano, en defensa da liberdade. 25 de abril de 2009.

Houbo varias intervencións, alguén falou do soño da República Galega, resoaron versos de Ferrín:

"E no medio do exército popular e furtivo,
representando ás xentes de cada día, un home
con sintaxe perfecta de río ou de cabalo,
dixo que non ao fascio e atrincherou os altos
herdos que recibimos no reducto das
águias,
E por tras dil as clases do traballo mercado:
mariñeiros, labregos -lenta patria!-, operarios
apoiaron a rubia rebelión da montaña".

Asistiron curiosas ao acto media ducia de vacas frisonas, aínda que seguramente xa nacionalizadas galegas, que xa serían elas de varias xeracións atrás das nadas no país. Despois dunha peza de gaita de Raúl Galego, que tamén nos guiou co seu instrumento para que cantásemos o himno, levamos caraveis ao cemiterio de Abellá, ao único panteón sen cruz cristiana, onde repousan os cadáveres dos tres guerrilleiros. Máis intervencións, máis versos de Ferrín, unha estrofa que lle gustaba especialmente ao irmán de Díaz Pan, que asistía cada ano ao acto e que finou hai menos dun mes.

"Dende a noite de pedra que cantou Celso Emilio,
dende a cadea, dende a sotana e a tralla,
reclamamos que voolas, compañeiro da ialba.
Comandante caído, Ponte, rebezo, chaira
do
corazón. Qué volva a reinar nos curutos
a espranza guerrilleira, a rebelión armada"

Os e as que tiñamos lecer fomos, a seguir, degustar as troitas na acolledora taberna que ten aberta Benigna Gómez Gómez, filla do represaliado alcalde republicano de Mesía Antonio Gómez Carreiro.

Na sobremesa, Benigna, a nosa amable taberneira, sentouse a tomar café con nós, para acompañármonos e para lle deixar claro unha vez máis aos seareiros cales son as súas simpatías ideolóxicas, que escoran cara a esquerda en terras de dereitas. Gozou con todo@s nosoutr@s da conversa e das cántigas que, alternándose ou a dúo, Mini e Miro Casabella interpretaron. .

Para rematar, unha derradeira nota sobre a subvención da pedra que ficou chantada na aldea de Fontao, a carón da casa onde asasinaron os compañeiros da guerrilla. Antes de xantar, alguén contou os comensais.
Botou as contas e díxonos: "tocamos a tanto por cabeza, por riba do prezo da comida, a pedra hai que pagala". E así fixemos.

Estou moi contento de ter sido un dos participantes do acto.

Saúde e Memoria,

Xosé Luís Santos Cabanas

Debemos agradecer ao Sr. Cabanas por permitirnos reproducir a crónica, que tan amablemente mandounos.

Alexandra Cachafeiro Camiña

cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

"Dende a noite de pedra"

Mensagempor cachafeiro » quinta, 21 mai 2009, 15:38

Moitas veces pregúnteme de onde sacaba a miña nai esa forza increible para afrontar calquera tipo de problemas: económicos, fisicos, familiares, etc.
Logo, ao ir crecendo, atopei en min esa mesma forza.
Ao longo dos anos fun coñecendo historias familiares, ou de paisanos, onde sempre era a muller galega a que se destacaba ante as eventualidades da vida, todo enfrontábano, todo o resolvian, nunca se crebaban.
Ao entrar a este marabilloso mundo de internet, e tratando de entender as calamidades sufridas por unha guerra tan sucia e por unha ditadura agobiente, sempre atopaba historias de mulleres, historias desgarradoras de nais, irmás, esposas, fillas, que sempre estaban ali, presentes, en pé, sacando adiante fogares que habian quedado mutilados, mutilados de homes, de pais, de irmáns, de fillos.
Xa publiquei varias historias de mulleres galegas.
O estoicismo da nai de Manuel Díaz Pan non é "unha historia mais", é outra historia mais.

Contou Francisco Díaz Pan que o seu irmán lle dixo á nai antes de morrer: "Mamá, se me matan, non chores, que eu morro feliz. Chora se me collen preso, pois, se me pillan, poden facerme desgraciado". A nai ordenoulles aos fillos enxugar as bágoas cando souberon que mataron a Manuel. Ela tampouco chorou.



Sigue Francisco contando como lle deron á nai a nova da morte do fillo: que mágoa ter un fillo bandoleiro. Non señor, apuxo a nai, meu fillo non lle era bandoleiro. Foi guerrilleiro. Bandoleiros son os que lle roubaron o reloxio e as botas despois de matalo.


Alexandra Cachafeiro Camiña

cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

"Dende a noite de pedra"

Mensagempor cachafeiro » sexta, 22 mai 2009, 14:42

ROMANCE DE CEGO Á CAÍDA DE
MANUEL PONTE

Preste atención a un caso que causou
rabia e dolor-he
a Manuel Ponte Pedreira
matárono a traición-he.
El veintiuno de abril-e,
cosa que nadie contaba,
houbo un combate en Fontao
que al verlo dolor causaba.

Estaba en casa segura
xunto cos seus compañeiros,
pero os rebeldes fascistas
copan eiras e palleiros.

A las seis de la mañana,
siendo noche todavía,
se preparan al momento
para atacar enseghida.

Comezado o tiroteo,
Ponte non ve mais saida:
tirarse fóra da casa
se quere salvar a vida.

Sabe que veñen por el
e que lla teñen xurada
por ser leal á República
e de ideas avanzadas.

Botouse fora dun chimpo
e correndo en descuberta
recibe un tiro nun brazo
xa na Fragha da Ribeira.

Xa o teñen localizado
e saben que está ferido.
Séguenlle o rastro de sangue
coma cás adoecidos.

Pra poder librarse deles
deixa parte do armamento
e ráese polo reghato
poñendo terra por medio.

Como todo o mundo sabe,
Manuel Ponte era valente
que na última aghonía
cargha o subfusil cos dentes.

Onda o reghato da Vila,
pola curva da Furoca,
de Fontao a Fontemouro,
á beira dunha cañota.

Coa roupa chea de sangue
(vermella é a súa bandeira),
coa vida que se lle escapa,
e a cara color da cera.

Alí o acopan os facistas,
sicarios da rebelión-he,
dándolle morte ó momento
con saña e sin compasión-he.

Simpatizantes e enlaces
despertan sobresaltados
e bótanse ós camiños
coa intención de avisalo.

Botan mau de pipos, ghoxos,
algho que topen na eira...
Ó cabo de media hora
Abellán parece unha feira.

A las diez de la mañana
hubo sus declaraciones,
a los hombres más valientes
se le arrojan los cojones.

Non hai nada que facer-he,
hai que renderse á evidencia,
Ponte morreu, mais con el-he
non se acaba a Resistencia.

Caeu Ponte no Fontao
da parroquia de Abellán-he,
unha compaña de mortos
vai berrando libertade.


Letra: Tradicional, Baldomero Iglesias Dobarrio e Xose Luis Rivas Cruz
Musica: Trad., arr. X.L.Rivas Cruz
(A Quenlla, Silencios na memoria, 2001)


Voltar para “Historia de Galicia e memoria histórica”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 9 visitantes