A emigración, o exilio, a morriña e o retorno

Para relatarmos as vivencias vitais dos nosos pais, nais, avós e avoas, eses herois da nosa Emigración...
Avatar do Utilizador
rubi
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 358
Registado: terça, 01 abr 2008, 22:58
Contacto:

A emigración, o exilio, a morriña e o retorno

Mensagempor rubi » sexta, 28 mai 2010, 18:03

Hai que reintegrarse â terra de ún, so pena de que nos sintamos embafados pol-a door do desterro; e hai que repousar, para sempre, no lugar onde se amasou a nosa carne e se modelou o noso esprito.
Esto decía Nóvoa Santos, a cavilar no problema trascendente da morte, cando presinteu a proisimidade da súa rendición e acabamento, cando se decatou de que era un emigrado, que lle furtara gran parte dos seus pensamentos e dos eu traballo â terra que o dera, que o criara e que o formara. Nóvoa Santos atopouse no perigo de morrer lonxe do berce orixinal, e sinteu unha especie de remordimento. E Nóvoa Santos, como Valle Inclán, foi morrer â terra nativa, para pagar, co seu nome grorioso e cos seus restos mortaes, unha deuda inmorrente, que endexamais será pagada. Pero eu non son un emigrante, porque non saín vontariamente de Galiza, mundo adiante, a cata de tesouros e de grandezas.
A min abóndame un curruncho galego e a ledicia de ver a nosa paisaxe i escoitar o noso idioma. Eu creo, e repito con Heine, que dende a máis pequena fiestra pode contemplarse a inmensidade do ceo coma dende a máis pequena terra se pode comprender a grandeza do mundo. Endexamáis tiven vocación de emigrante. E despóis de ter percorrido moitos camiños estranos, en contra da miña vontade, declaro que o nascer, vivir e morrer n-unha mesma terra é a sorte máis grande que se lle pode desexar a unha criatura; pero a condición de que na terra nativa haxa liberdade e xusticia, pois sen estes dous bens tamén hai desterro na propia terra.
A luz que agora entra pol-o ancho ventanal d-este apartamento e que se emborca sobor da miña mesa de traballo, tráime unha sensación de paz e de benestar cáseque inconcebibles n-estes tempos de barbarie. E ainda que fose lícito gorentar esta pracidez, sabendo que están en chamas os centros vitaes da civilización, eu daría o caudal lumioso d-este ancho ventanal por un pequeno vidro, embafado de choiva galega. Teño morriña; pero a miña door non é, non, unha especie de remordimento, porque nunca lle fuertei â miña Terra nin os meus pensamentos nin no meu traballo. Por eso quero retornar a Galiza; mais non para morrer senón para vivir. Eu non penso na morte nin creo que me ande rondando, porque apenas acabo de entrar na primaveira da vellez, que é cando un comenza a saber o que di; e non me sosteñen os recordos senón as espranzas, porque creo no retorno â miña Terra, que será un retorno â vida , e por ende, â loita. E se a vida se me acabase no desterro, sen poder devolvelle o meu corpo â terra que mo emprestou, ainda había de ser para Galiza o meu derradeiro alento.
Con todo é preciso confesar que hai un drama no meu desterro, semellante a una cruz, que abre os seus brazos aos catro ventos para abranguer a door do mundo, que gravita sobor da miña concencia, e é a concencia dos bós e xenerosos , esmagando as ilusións que podíamos fundar n-unha repatriación proisíma e vitoriosa. Ese drama que é, a miña pesada cruz, está enxendrado pol-a interceisión contradictoria de dous sentimentos terribles: un d-eles impídenos perdoar os asesiños e verdugos do noso povo, i empúrranos â venganza; o outro non-os permite acoller á ideia d-unha xustiza instintiva, exercida direitamente pol-o povo e inclínanos â resiñación, problema arrepiante porque seguirá sendo unha cruz para moitas xeneracións de galegos. Galiza non está no mesmo caso d-outras terras hespañolas, onde correu d-abondo o sangue dos dous bandos e pode xurdir unha reconciliación. Na nosa Terra sóio un miragre de bondade poderá restablecer a paz dos espritos, pois ainda que pensáramos únicamente n-unha xustiza estricta, recusable â luz dos Códigos, esta xustiza terá tales dimensións que sóio un perverso arelaría un posto de xuez o día do xuicio. Se todol-os galegos creésemos en Deus podíamos encomendarlle a Él o castigo dos crimes cometidos en Galiza; pero é que os sentimentos cristiáns están moi debilitados en toda Hespaña dendes que alí se invocou o nome de Deus para matar..
Sempre en Galiza - Libro Terceiro: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Rubí
Buenos Aires-Argentina

Voltar para “Historias da nosa emigración”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 1 visitante