
Un filme analiza 170 anos do nacionalismo galego
Beiras, Ledo, Quintana ou Díaz Pardo son algunhas das voces que se poden escoitar neste proxecto da Fundación Galiza Sempre
ALBERTO RAMOS |
Narrar a historia dun sentimento ideolóxico en imaxes foi o difícil obxectivo que se propuxeron hai xa tres anos Xabier Macías, Comba Campoy e Xosé Zapata, directores do documental a Memoria do nacionalismo galego. Esta película, que se estreou onte no Teatro Principal de Compostela, percorre 170 anos de nacionalismo galego grazas a un complexo traballo de documentación histórica e ao testemuño de 27 protagonistas e historiador.
“Este documental responde ao traballo de recuperación da memoria do nacionalismo que desenvolvemos dende a Fundación Galiza Sempre”, sinala Macías, director da entidade e un dos directores da película. Nesa liña de recuperar a historia, a Fundación iniciou o proxecto hai xa tres anos e para iso púxose en contacto con IB Cinema e coa xornalista Comba Campoy, que exerceu principalmente como guionista. “Traballei con Xabier na elaboración do guión. Para iso contamos co profesor Xusto Beramendi, que é o referente para o estudo histórico do nacionalismo. Tivemos que desenvolver un gran esforzo de síntese para recoller os diferentes aspectos que tratamos na película”, explica a xornalista Comba Campoy.
“ATÉ CASE HOXE”
Ese traballo de síntese deu como resultado un traballo duns 110 minutos divido en dous capítulos. “O documental conta con dúas partes. A primeira comeza co rexionalismo, que foi o protonacionalismo, e finaliza no ano 1950. A segunda parte vai dende esa data até case hoxe”, sinala Campoy. Con ese “até case hoxe”, a directora fai referencia a que os últimos tempos do nacionalismo galego non están recollidos na cinta. “As entrevistas fixéronse en 2008 e hai varias testemuñas que nese momento estaban no goberno. Falamos de Quintana ou Suárez Canal, pero no documental están non por ter esa responsabilidade na Xunta, interesábanos unicamente o seu papel na formación do nacionalismo”, explica Comba Campoy.
Por outra banda, esta división en dúas partes está pensada para facilitar a súa emisión en Televisión. “A TVG ten adquiridos os dereitos, aínda que polo momento non hai data para a súa emisión. Ademais, realizarase nos próximos meses unha edición en DVD, que se distribuirá coa nosa canle habitual de Biblosclube”, sinala Xosé Zapata, da empresa IB Cinema e un dos tres directores dunha cinta que busca converterse nunha ferramenta de estudo. “É un proxecto importante para a Fundación, pero tamén será útil para o nacionalismo galego, xa que é un documento do movemento político da nación galega”, sentencia Macías
http://www.xornal.com/artigo/2010/04/30 ... 03826.html