Pedrón de Ouro, para Mini e Mero!!!

Para falarmos sobre a música galega (tradicional e moderna), os grupos, artistas, compositores... Tamén sobre as películas feitas en Galicia, sobre os actores e directores galegos, etc. Incluimos neste foro tamén as conversas sobre teatro galego.
cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

Pedrón de Ouro, para Mini e Mero!!!

Mensagempor cachafeiro » sexta, 17 abr 2009, 17:35

Pedrón de Ouro, para Mini e Mero
Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias levan dende 1972 anos recollendo e transmitindo o patrimonio da tradición oral galega. A Fundación Pedrón de Ouro recoñece este labor de case catro décadas co premio Pedrón de Ouro 2009.



Mini e Mero
O Pedrón de Ouro recoñece a personalidade ou entidade viva e residente en Galiza "que máis destacase na defensa e promoción das facetas da cultura nacional" ao longo do ano ou nunha traxectoria vital, como é o caso. Por outra banda, o Pedrón de Honra distingue unha personalidade ou entidade viva, galega ou non, mais residente fóra de Galiza, que destacase polas súas achegas ao "engrandecemento da Nación e a súa cultura".

Tanto Mini e Mero como Mariana Ploae-Hangagu, filóloga romanesa que leva o Pedrón de Honra polo seu "labor de difusión" da lingua e cultura galegas no seu país, recibirán cadanseu premio o 24 de maio ás 12.30, nun acto literario na Casa Museo de Rosalía, en Padrón.

Mini e Mero, membros do grupo de música tradicional 'A Quenlla', declaráronlle a Efe sentiren unha "gran satisfacción" por recibiren o Pedrón de Ouro, que supón para eles "un empurrón" para seguir recompilando cancións, refráns, lendas e expresións. Mini engadiu que o galardón é tamén para moitas persoas que desenvolven tarefas similares, "en silencio", e que nin el nin Mero "o merecen", xa que o seu traballo "é egoísta, é beber nunha fonte na que outros non poden".

Os dous musicólogos, transmisores dunha cultura oral e musical que doutro xeito se perdería, afirman que o mérito é "redescubrirse a si mesmos" a través da investigación cultural que emprenderon hai 37 anos. Levan todo ese tempo recompilando material por toda a xeografía galega, pero fundamentalmente na Terra Cha, a súa comarca natal, e nas zonas de Boimorto e Mesía, onde exercen a docencia.

Afirman que é "imposíbel" contabilizar o material recompilado, arquivos que queren "difundir" e "pór nun gran foro" porque "son patrimonio de todos". Teñen en marcha un proxecto de colaboración co Museo do Pobo Galego, que permitirá acceder a unha base de datos de todo o patrimonio oral recollido dentro dun ano, aproximadamente.

http://www.anosaterra.org/nova/o-pedron ... mero-.html

http://www.youtube.com/watch?v=SM1-hHit ... re=related


Alexandra Cachafeiro Camiña

Avatar do Utilizador
casdeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 898
Registado: segunda, 28 jan 2002, 00:00

Pedrón de Ouro, para Mini e Mero!!!

Mensagempor casdeiro » sexta, 17 abr 2009, 21:04

Que grata nova!!! Grazas por nolo comunicares, Alexandra! Ímoste nomear corresponsal de actualidade político-musical! :-D

En serio: que maxia esta da Internet que fai que unha noticia coma esta nos chegue desde aquí ao ladiño viaxando primeiro a través do Atlántico!

Deixo outra link coa nova: Mini e Mero por SEMPRE!

Avatar do Utilizador
casdeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 898
Registado: segunda, 28 jan 2002, 00:00

Pedrón de Ouro, para Mini e Mero!!!

Mensagempor casdeiro » sexta, 17 abr 2009, 21:07

E ligo co fío que falaba da obra teatral Pan, onde eles teñen un papel fundamental!

Vou actualizar alí cuns fragmentos que alguén puxo no YouTube.

anavilat
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 441
Registado: quarta, 17 mai 2006, 14:29

Pedrón de Ouro, para Mini e Mero!!!

Mensagempor anavilat » sexta, 17 abr 2009, 21:35

Grande nova!!! Por fin lle recoñecen todo o traballo que fixeron e estan a facer!!!!
Grazas Alexandra!!!!

cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

Pedrón de Ouro, para Mini e Mero!!!

Mensagempor cachafeiro » segunda, 27 abr 2009, 00:14

Para os que pensen que isto é fanatismo musical, equivócanse.
É admiración, recoñecemento, anos e anos de esperar que algún familiar cruzase o charco para que me traia a súa última gravación, centos de horas en internet lendo publicacións, letras de poemas aos que amorosamente regaláronlles melodía e a necesidade de entender porque as súas cancións entrábanme polo corazón e non polos oidos.
Agora, se a isto quérenlle chamar fanatismo, non me opoño.

Alexandra Cachafeiro Camiña


Mini e Mero
09:27 24/04/2009
A historia comezara ben anos antes, mais para o que a nós respecta debían de correr as festas de agosto nunha pequena parroquia de Cariño. Na máquina de discos do bar, entre os éxitos de Raffaella Carrà e Bonie M., lucía coma un estandarte o único disco no noso idioma. Eu coaba un peso de mocete e dáballe cheo de razón ás dúas teclas.

Poucos agostos despois xente chegada de toda a comarca enchía o campo das festas da Pedra para escoitar ao vivo aquel grupo. Ao ronsel de Rosalía de Castro (non sabemos se a deu lido Pete Seeger) mergulláranse na música popular sinalando os conflitos do seu tempo. Cantaban contra o réxime autonómico comerciado pola nomenclatura franquista, contra a emigración e as celulosas, contra a tiranía da industria leiteira. Letras de Darío Xohán Cabana, de Manuel María ou de Marica Campo enriqueceron a banda sonora dunha idade, atroaron en Madrid cando aínda era capaz de escoitar as culturas nacionais: ?se non tedes sachos/ traguémolos nós?, advertían ironicamente.

Fuxan os Ventos non eran só a dedicación etnográfica de Xosé Luís Rivas Cruz e de Baldomero Igrexas Dobarrio a enlamaren os pés en cada corredoira. Pero sen Mini e a súa barba grave de portentosa dicción, sen a guitarra combatente e a voz arrubiada de Mero, o proxecto resultaba incomprensible.

Os medios patronais ditaron esquecemento para eles nas crónicas do revival. A formación que conseguiu devolver ao pobo unha parte da súa música desfixérase por varias razóns e non vén ao caso aventurármolas aquí. Despois chegou A Quenlla, teimando. Os carballos cativos, se cadra rebolos da chaira de Duarría escoitaban a fin de semana desde o frío do local de ensaio as verdades incómodas, as verdades verdaderas que tamén cantara o camarada chileno.

A profesión de mestres e a condición insubornable de Xosé Luís Rivas e Baldomero Igrexas aforráballes transixir cun mercado musical que ditaba, seguramente, demasiada renuncia. Eles seguiron ao choio. Os vellos axitadores acabaron coñecendo coma case ninguén non só os ritmos condenados a esfragarse coa sociedade rural, senón tamén os contos, as adiviñas, os romances esgrevios ao son da zanfona que Faustino Santalices rescatara das montañas do sur. O dúo investigou, publicou, desenvolveu o don da ubicuidade. Lonxe ás veces dos focos da moda, xenerosos en cada unha das enormes e domésticas feridas que este país ?ninguén o dubide- seguirá supurando á marxe do cálculo electoral, son imprescindibles Mini e Mero. Compartimos emoción a través deles no escenario da multitude ou na tarima do cuarto máis humilde, como só Zeca Afonso e os grandes souberon facer. Nunca poderemos pagar a quen nunca nada pediu, por iso o Pedrón de Ouro será a mellor escusa para que reciban en xustiza -con Mariana Ploae-Hanganu, portavoz da nosa literatura na outra estrema da Romania- a admiración e mais o abrazo comunal.

http://www.vieiros.com/opinions/opinion/777/mini-e-mero

cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

Pedrón de Ouro, para Mini e Mero!!!

Mensagempor cachafeiro » terça, 26 mai 2009, 17:53

Reivindicación da lingua na entrega do Pedrón de Ouro

Redacción . A lingua foi o tema central na entrega dos premios do padroado da Fundación Pedrón de Ouro, baixo a parra da Horta da Paz da Matanza (Padrón), onde Rosalía de Castro adoitaba sentar.

25.05.2009

Mini e Mero tocan no acto de entrega do Pedrón de Ouro
Os merecedores do Pedrón de Ouro, Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias (Mini e Mero, motores de Fuxan os Ventos e actualmente corazón d'A Quenlla), como non podía ser doutro xeito, guiaron coa súa música e as súas letras un acto emotivo e reivindicativo á vez, en que tamén a filóloga romanesa Mariana Ploae-Hanganu recibía o Pedrón de Honra. Referíronse aos "ananos" de Celso Emilio Ferreiro que chaman "bilingüismo á diglosia porque seguimos", apunta Baldomero Iglesias, "na súa periferia, en provincia, cheos de limitacións e dependencias, que non saben nin deixan reparar as miserias que arrastramos de vello".

Estes "sementadores do renacer patrio", como dixo David Otero, apostan por seguir "cantando ese alalá incandescente, que a nós nos quenta e aos soberbios abrasa. O problema non ésta na convivencia de pobos e linguas. Está na actitude de quen nega a existencia da diversidade e tenta aniquilar os elementos de cohesión e de liberdade". Amais dos discursos de Otero e Xosé Ramón Fandiño, Manuel Caamaño, presidente en funcións do Pedrón, recorreu aos versos de Cabanillas, "Irmáns! En pé, sereos. A limpa frente erguida; o corazón aberto a toda verba amiga. En pé! En pé, dispostos a non morrer sen ­loita. A oliva nunha man, a fouce noutra. Berremos alto e forte: A nosa terra é nosa!"

Para a filóloga Mariana Ploae-Hanga-nu, recibir o galardón é "toda unha ledicia". Convidou as persoas presentes a reflexionar sobre "unha lingua única; unha terra propia", e lembrou que as primeiras palabras que a fixeron amar a lingua foron "miña nena e nai; un tándem inseparable". E como expresión da diversidade dos pobos e das culturas, Mariana recitou en romanés a estrofa de Rosalía de Castro "dende aquí vexo o camiño que non sei a onde vai".

http://www.anosaterra.org/nova/reivindi ... ouro-.html

Alexandra Cachafeiro Camiña

Avatar do Utilizador
coordfillos
Mensagens: 115
Registado: terça, 24 mar 2009, 17:12

Pedrón de Ouro, para Mini e Mero!!!

Mensagempor coordfillos » segunda, 01 jun 2009, 19:56

Alexandra, e o resto de "fans" de M&M... Tedes un novo contido no portal que vos ha interesar! ;-) Discursos de Mini e Mero (e presentación de David Otero)

cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

Pedrón de Ouro, para Mini e Mero!!!

Mensagempor cachafeiro » terça, 02 jun 2009, 15:35

Moitas, moitas grazas Manuel, por regalarnos as palabras e a musica destes xeniais artistas e persoas.
Porque o que os fai tan grandes, é a coherencia que manteñen ao longo destes anos de carreira, entre a súa música e o seu proceder ante a vida.
Una grande aperta!!!!!


Alexandra Cachafeiro Camiña

Avatar do Utilizador
casdeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 898
Registado: segunda, 28 jan 2002, 00:00

Pedrón de Ouro, para Mini e Mero!!!

Mensagempor casdeiro » quarta, 03 jun 2009, 07:10

E velaquí outro agasallo, Alexandra! Unha foto especialmente adicada a todos os admiradores que esta entrañable parella de artistas ten en Fillos de Galicia:

Imagem

A foto foi feita por Xosé Val Díaz, escultor amigo deles e fervoroso republicán!

cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

Pedrón de Ouro, para Mini e Mero!!!

Mensagempor cachafeiro » quarta, 03 jun 2009, 14:24

Queridos Ana e Manuel:

É realmente un agasallo para min, o velos á beira deses XENIOS.
(e moita envexa, jajaja) .
Unha grande Aperta!!!!!!!!!!!!!!!!!!!

!!!!!VIVA A REPUBLICA!!!!!

Alexandra


Voltar para “Música, cinema e teatro galegos”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 1 visitante