Galicia es una mierda!!!!!!!

Para falarmos sobre a música galega (tradicional e moderna), os grupos, artistas, compositores... Tamén sobre as películas feitas en Galicia, sobre os actores e directores galegos, etc. Incluimos neste foro tamén as conversas sobre teatro galego.
anavilat
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 441
Registado: quarta, 17 mai 2006, 14:29

Galicia es una mierda!!!!!!!

Mensagempor anavilat » sexta, 04 jul 2008, 19:17

Eres o demo jorgegusvot!!! ;) X-D
O final vas acabar cantando a canción!!!! X-D ;)
Bicos mil.

Galiciaparasempre, a letra da canción esta incompleta, mires onde mires, non o digo porque jorgegustavot a deixara a medias, que non o fixo, senón porque na grabación ben outra parte que omitiron cando "colgaron" a letra. O mellor é escoitala!!!!!;)
Este tipo de retranca, ben utilizada, non vos viria mal para o voso proxecto.
Bicos mil, para ti tamén.

anavilat
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 441
Registado: quarta, 17 mai 2006, 14:29

Galicia es una mierda!!!!!!!

Mensagempor anavilat » quinta, 17 jul 2008, 23:29

Tentando buscar a maneira de explicarvos a letra da máis que pólemica canción, topei un comentario que fixeron os rapaces de Ataque Escampe... e curiosamente sabendo o "Ataque" que se lles viña enriba din iso de;

Retranca? Claro. Ironía? Tamén. Descontento? Moito. En todo caso, que remate canto antes o dioivo e despois falaremos. Boas noites, e até mañá.


Asi que o de que se pasen por aqui a explicarnolo eles mesmos será para cando "Escampe" ;)


Este é o comentario que atopei en;
http://blog.myspace.com/index.cfm?fusea ... =359986108

Un artigo aparecido na revista Sada Masoquista e asinado por un misterioso Alfonso González del Campo deunos a idea. "Patatas, maíz, millo miúdo". Eureka. O resto foi unha necesidade exibicionista de facermos o hara-kiri diante de todo o mundo. Galicia es una mierda? Depende, claro. En calquera caso é do tipo de cousas que alguén ten que dicir para que se fale delas e nós, que ninguén o dubide, estamos aquí para abrir e reabrir feridas. Hai unha batería por ordenador e un xilófono do xuízo final. E sobretodo enumeracións: bos e malos, amigos e inimigos, vivos e mortos, coñecidos e descoñecidos, todos estamos condeados a viaxar xuntos na arca de Noé. Retranca? Claro. Ironía? Tamén. Descontento? Moito. En todo caso, que remate canto antes o dioivo e despois falaremos. Boas noites, e até mañá.

anavilat
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 441
Registado: quarta, 17 mai 2006, 14:29

Galicia es una mierda!!!!!!!

Mensagempor anavilat » terça, 27 jan 2009, 23:21

Levaba tempo esperando esta entrevista que lles fixo Eva Garea Busto aos composteláns Ataque Escampe. Grazas á revista Longalingua editada pola Mesa pola Normalización Lingüística por facerma chegar.
Para a xente que sabe apreciar a retranca!!!!!! ;) X-D

Ataque Escampe:
?O sentimento de auto-odio segue presente en Galiza?

Unha entrevista de
Eva Garea Busto


Unha instrumentación sinxela acompañada de letras cargadas de retranca. Isto é o que caracteriza fundamentalmente a música de Ataque Escampe. Un grupo compostelán que nace en 2001 no Campus Norte da cidade, froito das xuntanzas dos membros do grupo na cafetaría da Facultade de Filoloxía. Mais non será até o 2007 cando comecen a adquirir recoñecemento e certo prestixio dentro do panorama musical galego, obtendo o galardón do concurso GZ Crea ou o I Premio de canción de autor Utopía Son.

O seu segundo e último disco, Galicia es una mierda, tivo unha grande aceptación de público,
converténdose así nun éxito para o grupo. Un disco cun título un tanto irreverente que mira con ollos críticos a Galiza que o arrodea, lanzándolle unha mensaxe directa para que buligue e tome consciencia de si mesma.

Este mes de decembro, Ataque Escampe pecha o ano poñéndolle fin á súa xira, pasando a se mergullar de cheo na creación do que será o seu terceiro disco, no cal aseguran atoparemos cambios e sorpresas ao seu estilo musical.

Hai unha intención provocadora na escolla do título do voso último disco Galicia es una mierda?

En certa maneira buscamos provocar de forma positiva, non é para nada unha provocación
gratuíta. Por iso lle chamamos Galicia es una mierda e non ?Galiza é unha merda?. Nunca lle chamariamos desta forma, xa que tampouco compartimos esa idea. Realmente coa elección do título o que provocamos é que todo o mundo tomase unha posición respecto del. Diante dun título así ninguén queda indiferente, incluso a xente que normalmente non se pronuncia sobre
estes temas, faino ante este título. De feito, El Corte Inglés, que non se caracteriza precisamente pola súa defensa de Galiza, non permite a exhibición e a venda do noso disco alí
polo título que leva. Ao final a quen máis ofende é á xente que pensa, aínda que non o manifesta claramente así, que ?Galicia es una mierda?. Ademais, coa escolla deste nome
tentamos politizármonos un pouco porque o disco anterior non era explicitamente político.
E politizármonos desde a ruptura do tópico, dicindo algo que quizais se presenta como un absurdo, mais que agocha unha verdade. Unha verdade que parte dun sentimento de
auto-odio que existe en Galiza e dunha realidade galega que non nos gusta a todos, e coa cal
debemos ser críticos.

Nalgunha das vosas cancións, como a que lle dá título ao disco, referídesvos a esa cuestión do auto-odio, credes que os galegos seguimos arrastrando ese complexo de inferioridade que tanto nos caracterizou?

Claro que segue existindo. Se cadra non en toda a xente pero si que hai un núcleo moi
importante que vive alleo ás diferenzas de Galiza, xente que se avergoña das súas raíces. Unha
actitude coa cal nós non estamos de acordo e que criticamos. Pero o auto-odio non é só exclusivo da lingua galega, pode estenderse a outros ámbitos sociais. Os galegos non temos o seu monopolio. Hai unha anécdota que nos aconteceu hai uns meses, relacionada con esta cuestión, e que tamén nos axudou a poñerlle título ao disco. Dunha vez nunha cafetaría en Lugo, preguntámoslle a unha señora que estaba sentada ao noso lado, se estaba libre unha cadeira da súa mesa. E ela contestounos dicindo ?Es que si no me hablas castellano no te entiendo?. Era de Lugo, e era unha señora cun pronunciado acento galego. Feitos coma este lévannos a reafirmar aínda máis o título Galicia es una mierda!

Que outras cousas vos producen ese malestar ou descontento coa Galiza actual?

Galiza forma parte do mundo e nós non o vemos con lentes de cor de rosa, senón que
somos críticos. Existe certo tópico de que Galiza é moi ?bonita? cando en realidade isto
agocha outro tópico, que vén da xente que realmente a está destruíndo ecoloxicamente,
lingüisticamente e socialmente. Nós tentamos posicionarnos respecto disto e cos cambios
que viviu Galiza nos últimos anos, como o cambio de goberno. Antes era moi fácil manter
un discurso crítico co PP. Agora que non está, non cremos que haxa que cambiar nada
dese discurso crítico. Pero nalgúns ámbitos si se está a cambiar. Agora vese unha actitude
máis conformista na xente.

Que adxectivo nos definiría aos galegos?

Cando fomos a Valencia tocar, antes do concerto houbo unha especie de coloquio sobre
Galiza e preguntámoslles aos que estaban alí que imaxe tiñan dos galegos. E contestaron
dicíndonos que os galegos eramos raros (risas). Buscar un adxectivo para definir todos
os galegos é moi complexo, non cabe nunha palabra. Aínda que raros é un adxectivo o
suficientemente amplo que pode albergar de todo. Pode entenderse de moitas maneiras.
Creo que podemos quedar con raros para definir todos os galegos (risas).

Definídesvos como un grupo de rock de serie B, porén os instrumentos que empregades
son sinxelos, melodiosos, que dan como resultado un son moi acústico... segue sendo rock?


Rock si que é. As formas son as do rock. Quizais poida asociarse cun rock de garaxe. Pero en realidade a categoría de grupo de rock de serie B vén simplemente porque cando comezamos faciamos a música cos medios que tiñamos á man. A escolla da instrumentación foi o que foi polas limitacións que tiñamos para poder dispor dos instrumentos. Temos unha instrumentación un tanto estraña: un xilófono, un kazoo, guitarras acústicas, guitarras eléctricas? aínda que as
guitarras eléctricas tocámolas dun xeito bastante peculiar. Somos un tanto ?frikis? canto á
instrumentación. Traballamos con instrumentos raros, pero tampouco tocamos explotando
a súa rareza, senón facendo que semellen un instrumento máis.

Nunha entrevista diciades algo así como ?tocamos descompasados e desafinados?, non fai falta cantar e tocar ben para facer boa música?

Fai falta. O que pasa, é que como nós non a facemos temos que xustificarnos con algo (risas). O de rock de serie B tamén vén un pouco por aí. Agora estamos entre dúas augas. Por un lado queremos seguir mantendo ese discurso ?punk? e desenfadado, pero por outro está a necesidade dunha mellora técnica. Pero si que se pode manter un grupo non tocando moi ben, aínda que nós tampouco queremos quedar aí, gústanos mellorar e avanzar para que os nosos
concertos sexan máis escoitábeis (risas).

As vosas letras están cheas de retranca, ironía e sátira, é aí onde reside o voso éxito?

Pensamos que si. A verdade é que as letras nun principio teñen importancia, porén co tempo esa importancia faise máis relativa. No momento no que decides facer letras en galego sen falar dos tópicos, porque verdade é que o galego se emprega dunha forma moi encadrada para falar de Galiza, as letras fanse importantes. Cando comezamos eramos case un grupo de cantautores. Agora non. Pasamos a prestarlle tamén atención ao son.

Como é o proceso de creación das vosas letras?

A elaboración das letras é froito dun traballo en conxunto no que todos participamos. E a inspiración vénnos daquilo que nos arrodea e imos vendo. Ultimamente estamos a coller
como referencia, seguindo unha tendencia que hai na música, outros medios como o
cinema, a televisión? En todas as partes atopamos inspiración para facer música.

Por que o barrio de Vista Alegre é unha fonte de inspiración para vós?

Porque pasamos alí moito tempo. É a nosa sede espiritual. Pero agora, desde que puxeron
a SGAE alí, Ataque Escampe comezou o seu traslado cara a outras terras de Santiago. Agora
estamos moito pola zona de San Pedro. De todos os xeitos, non abandonamos Vista Alegre, seguimos indo por alí para facer algo moi rockeiro e moi populacheiro: beber viño nos bares, acompañado das tapas que che serven. Son todos bares bastante auténticos os desa zona.
Reunímonos alí para beber antes de saír. Houbo un tempo no que o faciamos máis. Ese feito de beber resume ben a música, no sentido en que por unha banda che dá alegrías e pola outra tamén che pode dar penas (risas).

Que diferenza Vista Alegre doutros barrios de Compostela?

Diferénciase, se cadra, do que é o centro de Santiago. En Vista Alegre estás nun ambiente popular que bebe moito da cultura do rural, e iso é o que o fai diferente do centro, ateigado de estudantes universitarios. É un lugar un tanto melancólico. Podemos adiantar tamén que ás veces imos tomar cafés ao barrio de Sar, que non se nos anoxen os de Vista Alegre! Son barrios practicamente iguais.

Este último mes de novembro andastes de xira por Barcelona, Valencia e Alacante, como foi a experiencia?, tivestes boa acollida?

Foron experiencias distintas. En Barcelona tocamos dentro da Universidade e en Valencia nun centro social. Son ámbitos diferentes. Pero tanto nun coma noutro o resultado e a valoración final foi bastante positiva. Non cómpre dicir cal foi mellor (risas)... en xeral caemos simpáticos. Non había moitísima xente mais a que había pasouno ben e divertiuse connosco.

Como dixerides as críticas que vos chegan?

Ás veces cústanos. Aínda así somos 5 estómagos e intestinos a dixerir e ímolo levando. Polo de agora non tivemos unha indixestión de críticas (risas). Tamén, ao facer unha cousa que se arreda do común e esperábel atopas moita xente á que non lle gusta, e que rexeita esa certa soberbia que podemos transmitir a través do título ou de nós mesmos. O feito de darmos os concertos sen fixármonos tanto nos detalles, e deixar que as cousas saian como quixeren, é
considerado por moita xente como soberbia. Resignémonos, está claro que nunca lles vas gustar a todos. De calquera xeito as críticas que recibimos proveñen por parte dos medios máis asentados. Son malas críticas das que nos sentimos orgullosos ou non nos molestan tanto como se chegasen doutros ámbitos. Son moitas veces críticas que non se basean na calidade
da música, as cales serían comprensíbeis, senón que se apoian no propio concepto do grupo.

Buscades un perfil concreto no voso público?

Non é que o busquemos, pero si que é verdade que os nosos ouvintes comparten un determinado perfil. Tampouco é que sexa un público moi concreto. En xeral cremos que lle gustamos máis, aínda que isto sexa un pouco ofensivo, a quen non lle gusta moito a música. Ao afeccionado especializado non lle agradamos tanto. Hai un perfil de público ao que lle
gustamos moito nos concertos: un público punk, mozo... Aínda que tamén temos un público máis adulto, ao que lle gustamos polas letras. En xeral podemos dicir que o noso público é bastante amplo.

Cal é a situación que atravesa a música galega e en galego?

A diversidade de grupos é maior e van xurdindo cousas distintas. O que non hai, como si había hai 10 ou 15 anos, é un par de grupos ou tres que sexan de coñecemento masivo, porque a industria tampouco facilita que un grupo se faga moi coñecido. Hai máis grupos, con maior calidade e variedade, pero non temos unha difusión a grande escala, como eran os Heredeiros da Crus ou Os Diplomáticos de Monte Alto. Antes había plataformas que eran máis masivas pero se cadra menos estábeis, como o foi o Xabarín Club. Estamos nunha época na que podemos ser optimistas dunha maneira controlada. Antón Reixa dicía algo así como ?Se as polaroid fosen máis baratas todos seriamos máis artistas?. E agora estamos nese nivel,
no que as polaroid son baratas. O que se traduce na música nunha maior facilidade de acceso aos espazos e estudos de gravación. Hai máis grupos, porque é máis doado facer música. Pero isto tamén provoca que mude o concepto de arte ou de artista, do que é facer boa música.

Este mes pechades un ciclo na vosa traxectoria musical. Fin da xira e comezo de creación. Estades centrados xa no voso seguinte disco?

Levamos o novo disco na cabeza, estamos pensando moito nel. Neste momento imos polo bosquexo. Ímolo gravar en febreiro coa idea de que saia en marzo ou abril. Pero primeiro deberemos rematar esta etapa con Galicia es una mierda. Para a semana porémoslle fin á xira cun último concerto en Santiago, no que aproveitaremos para tocar e cantar cancións que non
viñamos tocando até o de agora a xeito de despedida. Tamén aproveitaremos este concerto para presentar o noso novo EP, que leva por nome ?Galicia es una fiesta?. Acabamos con Galicia es una mierda e empezamos ?Galicia es una fiesta?.

Haberá cambios e sorpresas no novo disco?

Si, haberá cambios no son. No tocante ás letras, deixaremos atrás a abundancia de referencias que había en Galicia es una mierda. Queremos facelo máis abstracto, por unha simple cuestión de variar e facer unha cousa diferente ao que xa fixemos.

Como afrontades este novo período de xestación?

Ben. A gravación do anterior disco, das maquetas e os EPs serviunos para coller experiencia. Xa temos aprendido como hai que facer as cousas. Sabemos mellor como preparalo: gravando
antes na casa? Se cadra tamén somos agora un pouco máis espelidos á hora de saber se un tema funciona ou non. Esa experiencia que fomos adquirindo vai ser moi positiva para a elaboración deste novo disco, xa que evitará que caiamos en erros cometidos anteriormente.

Cal é o voso balance final deste ano que está a piques de pechar?

Prolífico, a verdade. Debemos dar 35 ou 40 concertos, que para un grupo das nosas
características está moi ben. Chamáronnos de sitios que o ano pasado nin podiamos
imaxinar; tocamos en varios festivais; pedíronnos para facer máis entrevistas... Todo vai rodado! (risas). Imos gañando un pouco de respecto. E unha cousa moi positiva da que nos percatamos é que iamos tocar a calquera vila de Galiza e sempre aparecían tres ou catro persoas que non nos coñecían persoalmente, porén xa sabían as letras das nosas cancións e cantábanas. E iso é moi satisfactorio. É síntoma tamén de que o disco, a nosa mensaxe, lle chegou á xente.

Hei, que Galicia es una mierda xa o sei, con touciño e con queimada tamén, non o ves? Moi bien, todos os traumas xa chos escoitei pero ti es parvo de abondo tamén, non te ves? Non busques no espello, non tes perfil bo, empeza mudando a roupa interior. Hei, que Galicia es una mierda xa o sei, cos piñeiros e o luar outra vez: pracidez. Moi bien, a terriña non está no iron way con maletas e proxectos de lei do revés. Empezas pedindo un whisky on the rocks e acabas cantando no espazo exterior.


Voltar para “Música, cinema e teatro galegos”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 1 visitante