Página 1 de 1

A DIXITALIZACIóN DO PATRIMONIO BIBLIOGRáFICO GALEGO ESTá A S

Enviado: quinta, 14 mai 2009, 15:15
por grafondo
A DIXITALIZACIóN DO PATRIMONIO BIBLIOGRáFICO GALEGO ESTá A SER UN PROCESO NON EXENTO DE ATRANCOS

Fuente: http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=14685

Hai xa uns anos que as bibliotecas e os arquivos se enfrontan a un reto urxente e inexcusable. A dixitalización de fondos e a súa dispoñibilidade on line é un proceso complexo e que non sempre conta coa coordinación necesaria. Na actualidade, atopamos da man de institucións do máis variado amplas bibliotecas e hemerotecas dixitais na rede galega. No entanto, estes fondos adoitan ser pouco coñecidos e a miúdo non é sinxelo atopalos. Facemos unha análise da situación.
O proceso de dixitalización é laborioso e custoso. Moi para alén de se reducir a un simple escaneado de vellos papeis, implica seleccionar un sistema para verter a información física, un formato para a mesma, a catalogación dos documentos electrónicos xerados ou o xeito de acceso. Toda unha serie de variables que para un leigo supoñen un auténtico labirinto. Malia ao que pode parecer, neste campo Galicia non só non se atopa nunha situación especialmente atrasada, senón que mesmo pode presumir de ter sido pioneira. Daniel Buján traballa no Centro Superior Bibliográfico (CSBG) e é autor do artigo Procesos de dixitalización e recuperación de material en Galicia. Segundo el ?comezamos moi cedo, con bibliotecas coma a de Pontevedra ou na de Lugo fomos dos primeiros en España en abordar a dixitalización de patrimonio bibliográfico, a finais dos anos noventa. O que acontece é que daquela non había unha rede que permitise a distribución
axeitada daquel material, e menos coas resolucións de imaxes que manexabamos?. A creación durante o último goberno de Manuel Fraga da Autoestrada Galega da Información deu un pulo a esta iniciativa. ?Ao se crear esa infraestutura, desde a Xunta metéronse axiña a apoiar esta cuestión porque precisaban contidos, e tamén niso fomos pioneiros. Foi nesta fase que contratamos un modelo de OCR que permitía recoñecer o texto en páxinas dixitalizadas, entón isto permitía buscar palabras no texto. Para investigadores é unha marabilla, sobre todo ao se aplicar na prensa?.

Fondos da biblioteca dixital
O traballo que se desenvolveu desde o CSBG e, posteriormente desde a Biblioteca e o Arquivo Nacional de Galicia supón o groso dos fondos do patrimonio bibliográfico que se poden consultar na rede actualmente. Deste xeito, no web do CSBG atopamos a biblioteca dixital, que recolle nada menos que 371 mapas, máis de 21.000 imaxes de manuscritos (arredor de 73 obras) e unhas 750.000 imaxes que compoñen unha ampla colección de prensa do século XIX composta por unhas 150 cabeceiras. Canda a elas, o web autoresgalegos.org acolle unha ampla colección de obras de autores do noso país.

Acordos
En 2008 anunciáronse as bases do Programa de dixitalización dos fondos documentais e bibliográficos galegos, unha ambiciosa iniciativa que pretende verter á rede os máis importantes elementos que se conservan nestes campos. Dentro dese programa insírense os acordos entre a Biblioteca e mais o Arquivo Nacional e entidades coma a Real Academia Galega ou a Fundación Castelao de cara á dixitalización dos seus fondos. No web da Academia xa podemos consultar unha ampla biblioteca dixital, con 25 textos íntegros de autores do noso país e exemplares de 28 cabeceiras periódicas de carácter histórico. No entanto, o que ata o momento achegou máis material dixital á rede foi o convenio que se realizou coa Universidade de Santiago de Compostela e que está en grande medida dispoñible no web desta institucións. Trátase dun fondo de 3184 monografías de entre os séculos XVI e XIX, das que 1206 son fondos galegos. Entre estas, atopamos incunables e
obras do Padre Feijoo ou do Cura de Fruime entre outras.

Outras bibliotecas
Ao carón das propostas vencelladas ao CSBG-Biblioteca Nacional, existen iniciativas puntuais que sitúan na rede elementos do máis variado do noso patrimonio documental. ?Púxose de moda e agora todo o mundo quere dixitalizar. Mentres todo o mundo siga unha normativa xeral todos podemos buscar desde o mesmo sitio, e tanto ten onde estea. Nós estamos bastante enriba, e cando algunha pedía subsidio para este tipo de cousas, explicámoslles nós a normativa de descrición bibliográfica que tiñan que facer. Hai un lote de proxectos por aí, que hai de normalizar nese sentido?, lembra Daniel Buján. Deste xeito, a Real Academia xa publicara unha primeira selección de obras dixitalizadas mediante un acordo coa Fundación Barrié. Pola súa banda o web Galicia Aberta, da Secretaría Xeral de Emigración, abría recentemente un apartado no que se poden contemplar todo tipo de elementos do legados dos centros galegos no exterior, desde un carnet de
socio de Castelao ou libros de actas ata fotografías ou publicacións. Mesmo sen abordar directamente a dixitalización de publicacións antigas, entidades coma o Centro de Investigación en Humanidades Ramón Piñeiro e o Consello da Cultura Galega poñen na rede diferentes fasímiles deste tipo de obras a coincidir coas súa publicación en papel. Deste xeito, no web da primeira destas institucións podemos atopar facsímiles de Almanaques de comezos do século XX, ou cabeceiras coma Mundo Gallego, Aturuxo ou Galicia, canda a títulos coma A gaita gallega entre moitos outros.. Do mesmo xeito, no web do Consello temos obras que recuperan textos galegos de comezos do século XIX, a Gramática do idioma galego de Manuel Lugrís ou o Catón compostelano, Primeiros diarios galegos ou Coloquio en mil dúascentas coplas galegas, por exemplo. De xeito semellante, dentro da Biblioteca Virtual Galega da Universidade da Coruña poden verse tamén obras
dixitalizadas coma Aires d`a miña Terra de Curros Enríquez ou Queixumes dos pinos de Pondal, entre outras.

Accesibilidade
Se ben é certo que a existencia destes fondos é pouco coñecida, tamén é verdade que mesmo para os interesados non é sinxelo atopalos. A miúdo atopamos con enderezos complexos e con webs nas que se mesturan fichas bibliográficas con outras que teñen anexos documentos dixitalizados, como é o caso de autoresgalegos.org. É curioso, por exemplo, que a cartografía dixitalizada polo CSBG só se pode consultar de provincia en provincia, sen que existan unha interfaz que permita realizar buscas doutro tipo (por ano, localización ou outros parámetros) nos fondos. En xeral, na maior parte dos casos, os textos dos que dispomos na rede están en formato imaxe, o que impide a busca interna nos mesmos e, en ocasións dificulta a lectura. Temos mesmo volumes que só se poden consultar abrindo cada páxina nunha ligazón diferente, como é o caso de facsímiles da Biblioteca Virtual Galega, o que obviamente dificulta a lectura. De calquera xeito debemos
pensar que, alén do material dispoñible na rede, diferentes centros contan con copias de maior calidade a disposición de investigadores.

Situación
En xeral, os traballos de dixitalización son, segundo explica Buján, ? moi complicados. Nós mesmos cometemos moitos erros ao comezo. O que é máis importante son os metadatos, que permiten buscar desde un só web en todos os lugares onde pode estar o documento. Logo hai cuestións coma ter copia de seguridade e copia de difusión, e débese prestar atención aos dereitos de propiedade intelectual?. Precisamente esta última cuestión é unha das causas da grande presenza de material dixitalizado do século XIX na nosa rede. Respecto á situación actual, Buján asegura que ?fumos pioneiros, logo paramos un pouco, pero penso que hoxe seguimos a ser os que máis temos. Pensa que falamos máis dun millón de imaxes dixitalizadas, contando prensa e libros. Iamos moi por diante doutras comunidades españolas, e continuouse con iniciativas coma o Fondo da Universidade de Santiago, que é tremendo. Creo que aínda somos a biblioteca dixital máis
grande do Estado?. De calquera xeito, tamén existen diferentes entidades e institucións foráneas que por unha ou outra razón poñen na rede fondos galegos históricos. Deles falaremos noutra ocasión.