Pepa a Loba, de Carlos G. Reigosa.

Para comentar libros galegos e falar de autores, clásicos e modernos.
xana
Mensagens: 129
Registado: domingo, 22 mai 2005, 23:04

Pepa a Loba, de Carlos G. Reigosa.

Mensagempor xana » sexta, 03 ago 2007, 21:39

Imagem

O outro día fun a Sargadelos a mercar un libro de Darío Xohán Cabana, pero foi ver a nova novela de Carlos G. Reigosa, , e tamén caeu. Unha historia sobre a bandoleira galega máis famosa era algo demasiado tentador como para non facerlle caso...

E que tal?

Unha pasada, de verdade. Despois de anos de estudos e pescudas, Reigosa consegue reconstruír o crebacabezas da vida da Loba dunha maneira maxistral. Cunha prosa sinxela pero coidada, a historia empeza in media res, co xuízo e a condena a morte da protagonista, para logo retomar a súa dura infancia e seguir de xeito cronolóxico. Os avatares da protagonista sucédense sen deixar un intre de descanso ao lector, que non pode facer outra cousa que seguir lendo unha páxina, e outra, e outra máis. Só me pareceu que este "ritmo trepidante" (perdoade polo clixé) perdía un pouquiño de forza no penúltimo capítulo, pero logo a fin da novela consegue manter o nivel inicial e deixa moi bo sabor de boca. O mellor de todo, sen dúbida ningunha, a personaxe da Loba, cun carácter e unha forza moral incribles, pero tamén co seu corazón, un sentido da xustiza algo particular e as súas debilidades.

Entón, recoméndalo?

Absolutamente. É ideal para lelo na praia, ou no campo, á sombra dun carballo, para soportar a calor do verán. Non é para nada un deses libros "profundos", que esixen ler as páxinas dúas ou tres veces para asimilalas, pero tampouco se trata dunha parvada de novela. Como xa dixen, está moi ben argallada, a min gustoume tanto que non me durou nin unha semana!

Pero de verdade...?

A ver, meus reis, que vos digo que paga moitísimo a pena! X-D Para sacarvos de dúbidas de vez, velaí van tres detalles que vos farán ir correndo á libraría que teñades máis preto:
1. Publicouse a finais do 2006, e en menos dun ano xa saíron tres edicións en Xerais (para unha novela galega é moitísimo en tan pouco tempo).
2. A devandita edición de Xerais está belamente ilustrada (outro clixé horrendo!) por Miguelanxo Prado. Non é un libro deses para nenos, cun debuxo cada dúas páxinas. Só hai cinco deseños a cor preciosos, entre eles o da cuberta.
3. Custa só uns 15 ?, e paga a pena gastalos para achegarse a esta personaxe histórica galega, Pepa a Loba, tan fascinante! Que ganas me deron de coller un cabalo e ir polo monte adiante, roubando e matando!!! (É broma, non son perigosa :D)

Voltar para “Literatura galega”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 2 visitantes