
O levantamento militar do día 25 de abril de 1974, denominado Revolución dos Caraveis (en portugués: Revolução dos Cravos), derrubou, nun só día, o réxime político que existía en Portugal dende 1926 (coñecido dende 1933 como Estado Novo) e que era o máis lonxevo de Europa, sen grande resistencia das forzas leais ó goberno, que cederon perante o movemento popular, que rapidamente apoiaron ós militares. Este levantamento é coñecido por 25 de Abril ou Revolución dos caraveis. O levantamento foi conducido polos oficiais intermedios da xerarquía militar (o MFA), na súa maior parte capitáns que tiñan participado na Guerra Colonial. Considérase, en termos xerais, que esta revolución devolveu a liberdade ó pobo portugués (denominándose \"Día da Liberdade\" ó día conmemorativo instituído en Portugal para recordar a revolución). A revolución debe o seu nome á reacción popular, que repartiu caraveis ós soldados e estes os puxeron nos canóns das súas armas, simbolizando o seu apoio á revolución.
No día 24 de abril de 1974, un grupo de militares comandados por Otelo Saraiva de Carvalho instalou secretamente o posto de comando do movemento golpista no Cuartel da Pontinha, en Lisboa. Ás 22h 55m é transmitida a canción E depois do Adeus, de Paulo de Carvalho, polos Emissores Associados de Lisboa. Este foi un dos sinais previamente combinados polos golpistas e que daba comezo á toma de posicións da primeira fase do golpe de estado. O segundo sinal foi dado ás 0h 20 m, cando foi transmitida a canción Grândola, Vila Morena de Zeca Afonso, polo programa “Limite” da Rádio Renascença, que confirmaba o golpe e marcaba o comezo das operacións. O locutor de servizo nesa emisión foi Leite de Vasconcelos, xornalista e poeta mozambicano.
O golpe militar do día 25 de abril tivo a colaboración de varios rexementos militares que desenvolverán unha acción concertada. No Norte, unha forza do CICA 1 liderada polo Tenente-Coronel Carlos Azeredo toma o Quartel-General da Região Militar do Porto. Estas forzas son aumentadas con forzas chegadas de Lamego. Forzas do BC9 de Viana do Castelo toman o Aeroporto de Pedras Rubras. E forzas do CIOE toman a RTP e o RCP no Porto. O réxime reaccionou, e o ministro de Defensa ordenou ás forzas localizadas en Braga avanzar sobre Porto, pero non foi obedecido, xa que estas tíñanse adherido ó golpe. Á Escola Prática de Cavalaria, que partiu de Santarém, tocoulle o papel máis importante: a ocupación do Terreiro do Paço. As forzas da Escola Prática de Cavalaria eran comandadas polo entón comandante Salgueiro Maia. O Terreiro do Paço foi ocupado a primeiras horas da mañá. Salgueiro Maia moveu, máis tarde, parte das súas forzas para o Cuartel do Carmo onde se encontraba o xefe do goberno, Marcello Caetano, que ó final do día se rendeu, facendo, aínda así, a esixencia de entregaren o poder ó Xeneral António de Spínola, que non formaba parte do MFA, para que o \"poder non caíse na rúa\". Marcello Caetano partiu, despois, para Madeira, rumbo ó exilio no Brasil, xunto con Americo Thomaz, para non volver endexamais.
A pesares dos continuos chamamentos radiofónicos dos capitáns de abril (do MFA) á poboación para que quedaran nos seus fogares, miles de portugueses saíron ás rúas mesturándose cos militares sublevados.
A revolución, a pesares de ser frecuentemente descrita como \"pacífica\", finalizou, porén, coa morte de 4 persoas, cando elementos da policía política dispararon sobre un grupo que se manifestaba ás portas das súas instalacións na Rúa António Maria Cardoso, en Lisboa.
O caravel tornouse no símbolo da Revolución de abril de 1974; Cando no amencer, as persoas comezaran a xuntárense nas rúas, apoiando ós soldados sublevados, alguén comezou a distribuír caraveis vermellos ós soldados, que rapidamente os colocaron nos canóns das súas armas.
http://gl.wikipedia.org/wiki/Revoluci%C ... s_caraveis