\"Podo falar no meu \'gallego´?\"

Cuestións sobre o idioma dos nosos pais (significado de palabras, normativización, reintegracionismo, etc.).
cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

\"Podo falar no meu \'gallego´?\"

Mensagempor cachafeiro » quinta, 06 mai 2010, 13:03

DAVID PENA DÍAZ
Esta pregunta, formulada a pasada semana nun Xulgado da Coruña a unha xuiza, explemplifica a resignación e o complexo de inferioridade que sustentan ás sociedades colonizadas
Podo falar no meu [gallego]?
A pasada semana, no meu labor profesional como avogado da CIG topeime, nun xuizo, cun cidadán que, nada máis sentar frente á Súa Señoría para lle ser tomada declaración como testemuña, formulou esa pregunta á maxistrada.
\"Podo falar no meu \'gallego´?\" espetoulle á maxistrada, flanqueada esta pola bandeira da metrópole imperial e pola bandeira que nos recoñece apenas como unha comunidade autónomo-gastronómica. A Súa Señoría, nunha actitude que a honra e que dista de ser habitual nos representantes do Poder Xudicial, explicoulle a este cidadán os seus dereitos lingüísticos e alí morreo o conto. Porén, ante tal situación, eu dei en cavilar sobre o grao de servilismo, de resignación, de complexo de inferioridade e de anormalidade que temos como Povo. Cavilei, en fin, sobre a nosa condición de colonia no eido político, económico, lingüístico, cultural e mesmo psico-social.
Un colonialismo, na estampa que eu presenciei, manifestado en cómo un home pide permiso para poder falar no \"seu gallego\" -síntoma inequívoco dunha situación de inferioridade da lingua galega, inferioridade xa interiorizada por amplas capas da nosa sociedade-, manifestado tamén en a quén se lle pide permiso -a un representante dun dos \"poderes\" do Estado español-, en onde pide permiso -nunha sala presidida por un retrato do borbónico Xefe do Estado e ante as bandeiras e símbolos que consagran a \"unidade de España\"- e, finalmente manifestada a nosa condición colonial nesa interiorización da inferioridade, no feito de asumir que \"o seu gallego\", se cadra, non fose apropiado para se expresar en tan solemne lugar.
E dei tamén en cavilar, agora que se fala de trilingüismo, de dereitos lingüísticos, de Decretos lingüísticos da liberdade e demáis propaganda, dei en cavilar, como digo, en que nengún, absolutamente nengún cidadán español-falante lle tería preguntado á Súa Señoría \"¿Puedo hablar en Español?\" e moito menos \"¿Puedo hablar en mi español?\". Eis a verdadeira realidade lingüística do noso país, malia que a queiran agochar con discursos de laboratorio os dirixentes do españolismo político e social -de esquerdas e de dereitas, \"tanto monta monta tanto\" mentres sigan a ser españolistas-. Eis a verdadeira realidade social e política na Galiza: Todas as dificultades e cambadelas para as expresións propias e xenuinas da nosa nación e todas as vantaxes para as expresións e proxectos que nos negan como Povo. Este é o guión que pretenden que Galiza interprete, un papel residual e marxinal en todos os planos -comezando por algo tan íntimo e persoal como a fala e o xeito que temos de interrelacionarnos co noso redor- que manteña á nosa sociedade na resignación e na aceptación do marco imposto.
Mais tamén, afortunadamente, hai guionistas que viven e sinten en galego, como tamén hai guión para colocar a Galiza nun outro lugar no mundo. Hai frescura no guión e milleiros de personaxes agardando para interpretar o seu papel. Personaxes que día a día dan vida a ese guión cando se manifestan en defensa da lingua, dos nosos sectores produtivos, contra a deslocalización e na defensa dos postos de traballo na nosa terra ou polo control e xestión desde Galiza dos aforros dos galegos e das galegas. Personaxes que, de seguro, se darán, nos daremos, cita o vindeiro 17 de maio en Santiago de Compostela, convocadas pola Plataforma QUEREMOS GALEGO, para contestar a pregunta que deu lugar a este artigo, homes e mulleres dispostos a falar, a vivir e a sentir no seu galego sen pedir permiso
http://www.terraetempo.com/artigo.php?a ... e=15:40:25

Voltar para “Lingua galega”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 2 visitantes