Frikis, crisi e ‘bilingües’. A fenda social imbuída.

Cuestións sobre o idioma dos nosos pais (significado de palabras, normativización, reintegracionismo, etc.).
cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

Frikis, crisi e ‘bilingües’. A fenda social imbuída.

Mensagempor cachafeiro » segunda, 12 abr 2010, 22:40

Frikis. Iso foi o que lle chamaron ao meu alumnado de 3º da ESO unhas rapazas de Ferrol durante unha convivencia nun campamento escolar. E non foi pola súa vestimenta, nin por ningún tipo de comportamento. Foi por escoitalo falar en galego con normalidade.
O máis curioso é que neste mesmo campamento estaba a pasar uns días con estes rapaces e rapazas castelán e galegofalantes un grupo de rapaces e rapazas cataláns que estaban na Galiza para aprender galego. Os cataláns, perplexos perante a posición das moralistas ferrolás, preguntáronlle ao meu alumnado a que viña ese comentario e estes trataron de lles explicar sucintamente a situación de costas á lingua galega en que vive a rapazada das cidades galegas. Os cataláns non o entendían, acolléndose ao argumento de que seren galegos implicaba falar galego, aínda que aprenderon que, na praxe, esta ecuación non é nin de lonxe exacta, moito menos nas camadas máis novas, que non ocultan a súa estrañeza cara ao idioma galego.
Neste punto, a min venme á cabeza a falacia que un sector minoritario da sociedade galega, autodenominado bilingüista, tratou de espallar cinicamente nos últimos tempos: que o galego se estaba a impor ao castelán.
Máis un exemplo, tamén relacionado co sector educativo: O outro día, falando coa miña fisioterapeuta sobre a educación das súas crianzas, aínda en Primaria, que acoden a un coñecido colexio concertado coruñés, dicíame nun perfecto galego da Rúa de Petín, que os seus fillos odiaban o galego. E contábame como, a pesar de que o seu marido e mais ela o falaban, os seus fillos nunca o facían, segundo ela, porque “na Coruña ninguén fala galego”. Ademais, dicía que ela amaba o galego, pero que non lle gustaba que llo impuxesen e que nos últimos anos era o que pasaba. Dubido que nos colexios concertados se cumprise o mínimo do 50% das materias en galego, de feito a Inspección educativa do bipartito tiña orde de non intervir nin investigar neste eido, o que supón que o desleixo da Consellaría de Educación, daquela en mans do PSOE, fixo do laissez faire e non da imposición unha rutina que permitía incumprir o tan inxustamente satanizado Decreto 124/2007 (que recordemos que, ao contrario do que o Decretazo, foi aprobado por consenso da maioría dos entes educativos e ratificado polo Consello Escolar). Mais o importante é como a falacia desta suposta imposición do galego callou na sociedade, que todo o mundo deu en falar ou debater sobre ela, mesmo sen ter coñecemento directo da cuestión.
Mais volvamos ao caso da anormalidade lingüística e da falta de identificación da nosa mocidade urbana coa lingua do País. Perante esta situación de crisi (así é o modelo lingüístico oral do actual Presidente da Xunta de Galiza), que fai o (des)Goberno do PP? Poderiamos empezar a enumerar todas as medidas de desprotección da nosa lingua propia, mais non é cuestión de deprimirnos.
Pensemos no máis básico: a raíz da lingua galega nos próximos 15 anos, na próxima xeración da mocidade galega. Pensarán diferente a estas rapazas de Ferrol? Dubídoo. Entre outras cousas, porque coa derrogación do Decreto 124/2007 que non tardará un mes en ser efectiva, o alumnado de contextos castelanfalantes non oirá o galego até os 6 anos, sendo a escola o único vínculo que poderían ter na vida real coa lingua propia da nación. Lóxico, verdade? Onde está aí a imposición? Para escoller non hai que ter o dereito de coñecer e decidir despois? Deberían preguntarlle a aquel alumnado catalán a súa opinión sobre este feito. Ás veces os ollos limpos das crianzas ofrecen conclusións máis atinadas que algunhas que se escoitan nas diversas palestras sobre o idioma que ultimamente proliferan en todos os medios de comunicación.
E a quen culparmos? Na miña opinión ninguén se salva: poderes públicos e sociedade temos, en maior ou menor medida, algo que ver. Como comunidade, somos os máximos responsábeis do percurso da nosa lingua. Como representantes da sociedade galega, o Goberno debe velar polos intereses do pobo galego e polos seus referentes identitarios. Desde logo, de o non faceren, de eliminaren as poucas metas conquistadas após de décadas de loita, estaremos deixándonos caer nos brazos uniformes dos recastados, se se me permite apoderarme das palabras pronunciadas por Avelino Pousa Antelo na histórica manifestación do 17 de maio de 2009 convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Un goberno que planea acabar cos alicerces sobre os que se sustenta é un goberno alleo, que non deberiamos consentir.
Cunha mocidade allea ao galego, nunha sociedade en que proliferan casos de ocultación da lingua, casos de discriminación lingüística, perda de transmisión interxeracional, galegofalantes que se mofan de palabras xa case esquecidas na súa lingua propia... Neste panorama, o que menos falta fai é abrir unha fenda latente, alimentada por intereses escurantistas. Unha fenda que divide a Galiza en dous bloques: a dos galegófilos e a dos galegófobos. Estes últimos, minoritarios, que aproveitan que o castelán gaña cada vez maior terreo para inxectaren unha dose de odio e unha falsa argumentación que entre todas e todos temos que contrarrestar cientificamente con todas as nosas forzas na medida das nosas posibilidades cotiás. Sen pasarmos unha, exercendo os nosos dereitos lingüísticos.
Non, señores e señoras bilingüistas, o galego non está en crisi, o galego ten futuro se quixermos. De coidármolo, estaremos coidando un dos maiores tesouros que nos legaron os devanceiros. Estaremos dándolle ás nosas crianzas un instrumento de cultura e liberdade: a liberdade de respectar ao diferente, ao friki, e de evitar os guetos, o apartheid, o exterminio, a marxinación, a discriminación.
Desde a chegada ao goberno do Partido Popular, e desde que comezou coa súa política de exterminio do galego, a sociedade está a demostrar nas sucesivas manifestacións, concentracións e folgas históricas, que o pobo galego na súa maioría QUERE GALEGO. E non só estamos a falar dos galegofalantes, que a pesar do que digan aínda seguimos sendo maioría, escoitábanse tamén voces de castelanfalantes pedindo dignidade cara a un dos nosos referentes comúns. Boa proba de que o criterio duns poucos non se pode impor pola forza da mentira e da impostura.
O próximo 17 de maio, Queremos Galego convocará a unha manifestación sen precedentes. Non ten precedentes porque por primeira vez na historia da autonomía, o galego sufrirá un retroceso legal. E non terá precedentes porque estou convencida de que, máis unha vez, o pobo galego vai pedir o cumprimento da Lei de Normalización Lingüística, que recordemos, pide un aumento progresivo da promoción do galego, e do Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega, do que emana o Decreto 124/2007 de uso e promoción do galego no ensino, e que recordemos, foi aprobado por unanimidade de todos os partidos políticos no Parlamento. Ese si que é consenso e non o que temos agora.
De nós depende que resulten vencedores o respecto e o sentido común. De nós depende que o galego non dea nin un paso atrás.
http://galizamonolingue.blogaliza.org/2 ... s-crisi-e-‘bilingues’-a-fenda-social-imbuida/

Voltar para “Lingua galega”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 3 visitantes