20.000 persoas e 600 colectivos apoian o manifesto

Cuestións sobre o idioma dos nosos pais (significado de palabras, normativización, reintegracionismo, etc.).
pilarmabel
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 359
Registado: quarta, 03 ago 2005, 15:44

20.000 persoas e 600 colectivos apoian o manifesto

Mensagempor pilarmabel » sexta, 15 mai 2009, 17:05

17 DE MAIO.- 20.000 persoas e 600 colectivos apoian o manifesto que se lerá o 17M


[15/05/2009]
Artistas e intelectuais participaron hoxe nun acto chamando á sociedade a sumarse á mobilización en defensa da lingua que convoca A Mesa

Case 20.000 persoas e 574 colectivos apoiaron até o momento o Manifesto a prol da convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego, que se lerá ao remate da manifestación convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística que este próximo domingo encherá as rúas de Santiago de Compostela baixo o lema ?O galego, a nosa columna vertebral. A lingua que nos une!?.

Este manifesto, que foi promovido en xullo de 2008 por trinta persoas representativas de diferentes ámbitos da sociedade galega e cuxos apoios poden consultarse na páxina web da Mesa, foi lido esta mañá polo actor Carlos Blanco no Auditorio de Galiza, nun acto no que outras persoas coñecidas da vida pública galega animaron á sociedade a defender o galego no seu día a día e a participar na manifestación deste domingo.

Marilar Aleixandre, Pepe Penabade, Federico Pérez, Tonhito de Poi, Monti Castiñeiras, Carlos Blanco, Mero Iglesias, Vítor Neira, Nando Casal, Marta Dacosta, Ramón Latas, Virxinia Rodríguez e Carlos Callón foron os presentes neste chamamento. Outras persoas como Henrique Monteagudo, Avelino Pousa Antelo, Manuel Rivas, o grupo musical Lamatumbá, Helena Villar Janeiro, Uxía Senlle, Miguel Anxo Fernán Vello, Andrés Torres Queiruga, Miguel Anxo Fernández ou os actores Xosé Antonio Touriñán e Marcos Pereiro (intérpretes de Mucha e Nucha), entre outros, non puideron estar finalmente presentes esta mañá no acto por motivos de axenda, mais confirmaron o seu apoio e a súa asistencia á manifestación do 17 de maio.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, deixou patente a súa confianza en que a participación a esta mobilización vai ser ?histórica, superando mesmo a afluencia do ano pasado, porque o que antes eran ameazas, agora son promesas concretas de acción?. Así, recordou a intención de Feijóo de derrogar o decreto do galego, que conta co respaldo unánime das principais organizacións que representan á comunidade educativa, ou mesmo a posibilidade de que se derrogue a Lei de Normalización Lingüística, aprobada en 1983. ?Feijóo falou onte, xusto despois de nomear no Consello da Xunta ao secretario xeral de Política Lingüística, de oficializar o topónimo deturpado *La Coruña, e iso só o podería facer derrogando esa lei da cal un dos relatores foi Ramón Piñeiro, a quen se honra xusto esta semana das Letras?.

Callón reiterou a posición da Mesa ante o nomeamento de Anxo Lorenzo como novo secretario xeral de Política Lingüística: ?non nos preocupan os nomes, o que nos preocupan son as políticas, que marcarán o conselleiro de Educación e, sobre todo, o propio presidente da Xunta, quen non deixa de anunciar medidas de desmantelamento da oficialidade do galego?.


Fuente:http://www.amesanl.org

Un saludo
Pilar

cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

20.000 persoas e 600 colectivos apoian o manifesto

Mensagempor cachafeiro » domingo, 17 mai 2009, 19:22

A PRAZA DA QUINTANA ENCHEUSE DÚAS VECES
Manifestación histórica en defensa da lingua
Avelino Pousa Antelo, Teresa Moure, Iolanda Castaño e Nemésio Barxa leron o manifesto e exixiron a 'igualdade de dereitos para o galego'. Video no interior.



Marcos S. Pérez (texto) / Isabel G. Couso (vídeo) - 15:59 17/05/2009
Tags: lingua manifestación mesa polo dereito a vivirmos en galego quintana
"Agora tócalle a Núñez Feijoo mover ficha", dixo Carlos Callón ao remate dunha manifestación histórica e masiva que reuniu en Compostela a ducias de milleiros de persoas, "non menos de cincuenta mil", segundo o responsábel da Mesa, e máis de vinte mil segundo a policía. Parece que neste 17 de maio vén de comezar unha batalla para defender os dereitos dos galegofalantes a usar a súa lingua, unha batalla que durará moito e que terá episodios intensos, na rúa, nos medios e nas institucións. "O importante é que esta mensaxe lle chegue ao presidente da Xunta, e que se decida a cumprir a lei. Agora tócalle mover ficha ao señor Núñez Feijoo, e estaremos moi atentos nos vindeiros meses, e se non modifica a súa actitude, volveremos saír á rúa, e xa non será na Quintana, senón no Obradoiro. E non imos dar nin un paso atrás" advertiu Callón.

Choveu, escampou, volveu chover e mesmo brillaron raiolas de sol nesta mañá en Compostela. O tempo parecía aquel poema de Xosé María Díaz Castro de Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move. Un pouco como a normalización da lingua, ameazada dende a vitoria do PP no 1 de marzo polas ameazas de Núñez Feijoo que cumprir os compromisos adquiridos con grupos de presión como Galicia Bilingüe, como por exemplo anular o decreto do ensino aprobado pola Xunta bipartita. Xente, moita xente, tanta que as peaxes da AP9 sufriron retencións de máis dun quilómetro na entrada de Santiago, e tanta que cando a manifestación estaba chegando á Quintana, aínda había moita xente que non saíra da Alameda. Nenos, moitos nenos, que abrían a marcha e que foron os grandes protagonistas até que comezaron os discursos.

"Hai que lembrarlle ao goberno galego que teñen a obriga de defender e promover a lingua, que é a lingua propia do país, segundo o Estatuto. Núñez Feijoo está empeñado en opoñer a normalización da lingua e os dereitos civís, como se fosen contrarios. Pois ben, os galegofalantes tamén somos persoas e tamén temos dereitos individuais, o dereito a vivirmos en galego en todos os ámbitos da sociedade, algo que agora non se cumpre. Xa hai consenso sobre a lingua, está na lei; agora é o Goberno o que ten que entrar nel", dixo Carlos Callón no palco da Quintana, onde estivo acompañado por Teresa Moure, Nemésio Barxa, Iolanda Castaño e Avelino Pousa Antelo (con diferenza, o máis aplaudido), que leron o Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego, asinado por máis de vinte mil persoas. Tan pequena ficou a praza da Quintana, que o manifesto tivo que ser lido dúas veces, unha vez que un segundo grupo de manifestantes volveu encher o lugar.

Bragado: "A solución está na vontade que teña a cidadanía galega"
Para Manuel Bragado, director de Xerais, "a solución está na vontade que teña a cidadanía galega, a que se está vendo hoxe. Despois de semanas dun certo abatemento, temos unha xanela de luz para o futuro. O futuro dunha lingua que ten que ser a de todos, e que non pode ser monopolizada por ninguén máis que polos seus propios usuarios". A este respecto, Carlos Callón engade que "o outro día Núñez Feijoo dicía que quería 'defender o galego' de quen se apropiaba del, e con iso estaba referíndose a todas as persoas que están hoxe nesta manifestación. Pois ben, queremos que el se apropie da lingua e que a defenda, e defendela non significa poñer a man no corazón e dicir un verso, significa defendela coa lei". Bragado é optimista: "Hai un retroceso na posición galegófoba de Núñez Feijoo, dende as súas primeiras declaracións até o nomeamento de Anxo Lorenzo. Agardo que, continuando coa presión, retire os compromisos galegófobos que asumiu. No vindeiro ano teremos que reconstruír o consenso ao redor do decreto do ensino, que é indispensable".

Para o escritor Antón Dobao, o ensino é un ámbito fundamental para normalizar o uso da lingua, pero non é o único: "Eu creo que a clave é a familia en primeiro lugar, porque é o principal vehículo de transmisión, e unha lingua que non se transmite é unha lingua con problemas. Pero por suposto o ensino é o primeiro ámbito de socialización dos nenos. Neste momento unha parte da escola en Galiza ten un efecto castelanizador: hai moitos nenos que entran falando galego e saen falando castelán. Ese é un problema ao que ningún poder público pode pechar os ollos. O ámbito do ensino é fundamental, pero tamén o é o dos medios de comunicación, e o da administración, e os distintos modos de expresión cultural".

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, considerou o acto como "un aviso de milleiros de persoas que lle din ao PP que ten que dar marcha atrás nesa política de acabar definitivamente co idioma galego", polo que lle pediu ao PPdeG que "modere esas posicións radicais que adoptou desde un primeiro momento". Pola súa banda, Manuel Rivas salientou que "unha lingua só nace unha vez, é un don marabilloso que lle pertence ao mundo". Así mesmo, advertiulle ao Goberno que a defensa do galego é a súa "obriga". Finalmente, Iolanda Castaño celebrou que Galiza sexa "un pobo que non quiere ver desaparecer a lingua, o seu patrimonio, un tesouro que sostén entre as súas mans" e salientou que "deberon participar na manifestación xentes de todas as cores políticas".

E xa que estamos no 17 de maio, día das Letras dedicado a Ramón Piñeiro, pódese lembrar o que o de Láncara escribiu no nº 42 de Grial, en 1973, a propósito do futuro do galego naquela altura: Esta é a gran batalla que agora está librando o galego: a conquista da plenitude cultural, e con ela, a conquista da Galicia urbana. quere dicir: a conquista do futuro. 36 anos despois seguimos un pouco nas mesmas: Un paso adiante i outro atrás, Galiza, que diría o outro. Hoxe deuse, sen dúbida, un paso adiante.


http://www.vieiros.com/nova/74130/manif ... -da-lingua

cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

20.000 persoas e 600 colectivos apoian o manifesto

Mensagempor cachafeiro » domingo, 17 mai 2009, 19:29

Portada | GALIZA
CALLÓN NA MANIFESTACIÓN DA LINGUA
'A maior protesta polo galego da Historia'
Manuel Vilas . Ducias de miles de persoas reclámanlle á nova Xunta do PP que non derrogue o decreto que promove o galego do ensino. Fixérono nunha multitudinaria manifestación que ateigou esta mañá as rúas de Compostela.



Manifestación no Día das Letras Galegas, na Quintana de Santiago. Manuel Vilas 1 / 17

Á espera que a organización (A Mesa pola Normalización) e a Policía faciliten as súas cifras de participantes, o éxito da convocatoria é indiscutíbel. Así, minutos despois de que rematase a lectura do manifesto nunha ateigada Praza da Quintana eran miles as persoas que agardaban por entrar, algunhas mesmo fóra da zona vella de Compostela.

En todo caso, hoxe multiplicouse varias veces o número de asistentes á polémica protesta convocada por Galicia Bilingüe na precampaña, co apoio do PpdeG e UPyD.

Sen incidentes baixo a choiva

"Sempre en Galiza, sempre en galego", "Galiza inda que se molle, o galego non encolle" e " Temos lingua, temos dereito" foron tres dos berros máis coreados nunha protesta que recorreu as rúas entre a choiva e sen incidentes.

Carlos Callón, presidente da Mesa, presumiu de que é "a maior manifestación polo galego da Historia". Proclamouno dende un estrado na Quintana, onde atacou a derrogación do Decreto que promove o galego no ensino, prometida por Alberto Núñez Feixóo.

Conselleiros "analfabetos"

O PP foi o foco das durísimas críticas de Carlos Callón, que cualificou a varios conselleiros de "analfabetos en galego". En concreto a Pilar Farjas, conselleira de Sanidade e Xavier Guerra, conselleiro de Economía e Industria.

Tamén lembrou que Rosa Quintana, conselleira do Mar, negouse a xurar o seu cargo no idioma do país. "Que o aprenda!" coreou en resposta a multitude.

"Consenso para enterrar ao galego?"

O responsábel da Mesa animou ao presidente da Xunta a "apropiarse do idioma e converterse no primeiro defensor do idioma". Callón respondía así as declaracións de Alberto Núñez Feixóo, que onte presumiu de ser o defensor da lingua diante de aqueles que pretenden apropiarse dela.

"As persoas que falamos galego tamén temos liberdades civís e dereitos individuais" espetoulle a Feixóo nunha acendida alocución. O presidente da Mesa aplaudiu as chamadas ao "consenso" de Feixóo. Iso si, explicou que "defendemos o consenso de que se cumpra a lexislación (...), de que no Parlamento se fale o noso idioma".

"Necesitan o consenso para enterrar a nosa lingua?" preguntoulle ao presidente da Xunta un Callón que rematou reclamando "nin un paso atrás" na defensa do idioma.

O número de falantes cae un 50%

O manifesto foi lido por varios persoeiros e intelectuais, entre eles o histórico galeguista Avelino Pousa Antelo e as escritoras Teresa Moure e Iolanda Castaño.

Nel denúnciase a "mentira" de que o bipartito tentou impor o idioma. Tamén se fai referencia ao estudo da Real Academia da Lingua, que mostra como nos últimos doce anos caeu á metade o número de persoas que falan habitualmente galego


http://www.anosaterra.org/nova/28404/a- ... oria-.html

pilarmabel
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 359
Registado: quarta, 03 ago 2005, 15:44

20.000 persoas e 600 colectivos apoian o manifesto

Mensagempor pilarmabel » domingo, 17 mai 2009, 20:49

Pueden ver la salida de la manifestación, desde la Alameda y el manifiesto en la plaza da Quintana en :
http://www.vieiros.com/nova/74130/manif ... -da-lingua

A la derecha de la pagina , demora algo pero bien vale esperar!!!!

Un saludo
Pilar

Avatar do Utilizador
casdeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 898
Registado: segunda, 28 jan 2002, 00:00

20.000 persoas e 600 colectivos apoian o manifesto

Mensagempor casdeiro » domingo, 17 mai 2009, 23:03

...hoxe na defensa do noso idioma polas rúas da capital do noso país.

Que aturamos a choiva e polo menos 1 hora de espera na cola da manifestación... Cando xa marchaban os primeiros que ateigaran a Quintá aínda nós chegabamos á parte vella.

E que éxito o das nosas pancartas: a de Brais líase "Especie en perigo de extinción" (por ser neno galegofalante) e a miña "Feixó, se queres ser BIlingüe aprende o galego". De feito perdín a conta de canta xente ma fotografiou e mesmo unhas rapazas xa na Quintá ma pediron para sacarse fotos con ela entre as amigas :-O

Na Xuntan tiveron que escoitar, queiran non queiran.

anavilat
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 441
Registado: quarta, 17 mai 2006, 14:29

20.000 persoas e 600 colectivos apoian o manifesto

Mensagempor anavilat » domingo, 17 mai 2009, 23:12

O acto final da Manifestación tiveron que repetilo dúas veces, na Praza da Quintana non paraba de entrar xente e máis xente... cando nós iamos algúns xa volvian!!!! o Himno tamén se cantou por dúas veces!!! Foi unha Manifestación Histórica!!!!

Avatar do Utilizador
casdeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 898
Registado: segunda, 28 jan 2002, 00:00

20.000 persoas e 600 colectivos apoian o manifesto

Mensagempor casdeiro » segunda, 18 mai 2009, 10:12

Un dos mellores textos que teño lido sobre a situación actual do galego. Repartíano onte na manifestación: http://www.polabase.net/novas/20090517/ ... go-racismo

Recomendo vivamente a súa lectura!


Voltar para “Lingua galega”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 2 visitantes