IGUALDADE DE DEREITOS PARA O GALEGO

Cuestións sobre o idioma dos nosos pais (significado de palabras, normativización, reintegracionismo, etc.).
cachafeiro
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 684
Registado: sábado, 29 mar 2008, 01:44

IGUALDADE DE DEREITOS PARA O GALEGO

Mensagempor cachafeiro » sábado, 25 abr 2009, 14:31

MANIFESTO A PROL CONVIVENCIA LINGüÍSTICA E DA IGUALDADE DE DEREITOS PARA O GALEGO


Introdución

Trinta persoas representativas de diferentes ámbitos da sociedade galega promoveron en xullo de 2008 este manifesto en defensa da igualdade de dereitos para o galego, para o cal se comezou un proceso de recollida de adhesións doutras persoas, entidades, etc.

Varios meses despois, este texto continúa a estar en vigor, máxime cando o PP anuncia a súa pretensión de desmantelar puntos básicos da oficialidade do galego, como a existencia de escolas infantís que impartan nesta lingua (as Galescolas), o decreto que regula un mínimo do 50% do ensino en galego ou a lei que sinala que os nomes de lugar do noso país terán como forma oficial a galega. Estas medidas, ademais de suporen o perigo dunha confrontación indesexábel e dunha fractura social, van contra acordos unánimes do Parlamento e vulneran o espírito e a letra do artigo 5 do Estatuto de Autonomía, que sinala o galego como lingua propia de Galiza e a obriga dos poderes públicos de potenciala nos diferentes ámbitos.

Nos últimos meses, repetiuse desde diferentes grupos de poder a falaz idea de que hai un proceso de ?imposición del gallego?, presentando, con cinismo, o mundo ao revés. A realidade do día a día e todos os estudos sobre o tema desmontan esa mentira. Así, o Consello de Europa advertiu nun contundente informe de finais de 2008 que en Galiza non se están a cumprir tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos e que non hai garantías mínimas para este idioma en sectores tan importantes como o ensino, os servizos públicos, a xustiza ou os medios de comunicación. Así mesmo, a Real Academia Galega vén de publicar un estudo sinalando que en doce anos se reduciu á metade a cantidade de persoas que fala habitualmente en galego. Perante a necesidade de respostas por parte da sociedade galega, animamos a continuar na recollida de apoios a este manifesto e a participar nos actos de mobilización en defensa da nosa lingua, como a manifestación nacional convocada para o 17 de maio ás 12 horas desde a Alameda de Santiago de Compostela.



As persoas que promovemos esta chamada queremos manifestar, perante as institucións de autogoberno e como aclaración perante a sociedade galega, o seguinte:

1.- O pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial. Os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu.

2.- A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non desfrutamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolver a nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua na nosa terra. Son os falantes do galego os que resultan discriminados. É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia.

3.- Por iso, resulta realmente preocupante que, desde Madrid, con apoio de importantes medios de comunicación, haxa quen pretenda convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país. Esta inversión da realidade ten como obxectivo que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos e que os únicos deberes para as Administracións públicas se vinculen ao castelán.

4.- O verdadeiro problema non está na cooficialidade de idiomas como o galego, senón na actitude de quen nega a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado español. Esta actitude si é a negación da convivencia e da igualdade. O proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir nesta lingua. O que compre é respectar a legalidade vixente (Estatuto e Lei de Normalización Lingüística) e avanzar con cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia. Xustamente a dirección contraria á proposta polos que pretenden a imposición do castelán como único idioma con dereitos e deberes para os cidadáns en todo o territorio do Estado.

5.-. Correspóndelle ao pobo galego, a través das súas institucións representantivas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma. Esperamos o compromiso das institucións de autogoberno na defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos. Neste labor contarán sempre co noso apoio.

6.- Alertamos á sociedade galega para non se deixar confundir e instámola a cavilar sobre a verdadeira situación do galego no propio país.
Defendemos un dereito humano elemental que nos define, ademais, como pobo diferenciado. Debemos ser firmes rexeitando todo posicionamento que persiga recortar dereitos ou retroceder no cativo camiño andado tanto nas administracións públicas, como na vida social.




Apoios ao Manifesto:

http://www.amesanl.org/campanhas/conviv ... aldade.htm


Alexandra Cachafeiro Camiña

Voltar para “Lingua galega”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 2 visitantes