Comarcas de Galiza

...Para calquera outro tema non recolleito nas outras categorías.
pilarmabel
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 359
Registado: quarta, 03 ago 2005, 15:44

Comarcas de Galiza

Mensagempor pilarmabel » quinta, 04 fev 2010, 13:08

Arzúa, o esplendor da historia
En Arzúa conflúen dúas das vías culturais e económicas máis destacadas da Idade Media: o Camiño Francés e o do Norte, que conducían a Compostela.
A comarca de Arzúa está situada no sur da provincia da Coruña, entre os ríos Tambre e Ulla, e agrupa os concellos de Arzúa, Boimorto, O Pino e Touro, cunha poboación de 18.700 habitantes.
Algúns estudosos teñen identificado Arzúa coa Araduca nomeada por Ptolomeo na súa Xeografía universal, pero o que con certeza confirman os restos arqueolóxico topados é o antigo poboamento humano da comarca. O castro de San Lourenzo Pastor, no concello do Pino, onde se localizaron anacos de cerámica e dous torques de ouro, así como os restos prehistóricos de Dormeá e Sendelle en Boimorto representan algúns dos exemplos máis destacados. Tamén se encontraron miliarios e anacos dunha vía militar romana que evidencian a pegada do Imperio nestas terras.
A comarca conserva un rico patrimonio histórico-artístico moi ligado ao Camiño de Santiago. As rutas do Camiño Inglés e o Francés conflúen en Arzúa, deixando por toda a comarca destacadas igrexas románicas, pontes medievais, pazos e cruceiros.
No aspecto natural ten especial interese o Tambre, un dos principais ríos que atravesan a comarca, por ser unha das poucas canles fluviais onde se topa Macromia splendens, un cabalo do demo en perigo de extinción en toda Europa. Trátase dun río, ademais, declarado Lugar de Importancia Comunitaria.
As condicións naturais favoreceron tamén dende antigo a optimización das explotacións de gando e a obtención de leite, do que boa parte se destinou á produción artesanal de queixos. Recentemente os pequenos produtores organizáronse para pór en valor o seu produto baixo a denominación de orixe Arzúa-Ulloa. Ao abeiro deste produto celébrase anualmente, o primeiro domingo de marzo en Arzúa, a Festa do Queixo, punto de encontro entre produtores e público en xeral, que se completa cun festival de música.
Arzúa
Tanto o desenvolvemento da vila como a historia da propia comarca están moi ligados á ruta xacobea, pero os restos arqueolóxicos topados e os documentos demostran que o seu nacemento como núcleo de poboación é moi anterior. Tamén o Códice Calixtino cita a parroquia de Castañeda, como un dos lugares nos que se topaban fornos de cal para a construción da catedral compostelá, e fala de Vilanova, nome co que daquela se designaba a vila de Arzúa.
Derradeira gran vila do camiño Francés antes de chegar a Compostela, Arzúa pertenceu ao arcebispo de Santiago, que cobraba os dereitos de foro e peaxe. O paso do camiño condicionou a arquitectura e a tipoloxía das construcións e son moitas as igrexas, fontes e albergues que se poden visitar. Lonxe do trazado xacobeo, tópase a ermida da Carballeira de Mota, levantada no século XIX, dedicada aos apóstolos Simón, Mateo e Bartolomeu, na que se celebran anualmente tres romarías.
En Viladavil pode visitarse A Paínza, un núcleo formado a partir da Casa Grande e as vivendas dos caseiros que se ocupaban do coidado das propiedades. Tamén o museo etnográfico dedicado aos labores agrícolas e a diversos oficios, os xardíns da Casa Grande e a igrexa de Santa María (XVIII).
Os principais valores naturais atópanse no entorno dos ríos onde se habilitaron varias áreas recreativas e zonas para facer rutas a pé. Un destes enclaves destacados localízase no lugar de Hortas, na parroquia de Dombodán. Alí, o río Ufa, afluente do Ulla, despois de trazar un pequeno percorrido encaixado en canóns precipítase nunha fervenza de 20 metros de altura. A zona conserva un bo bosque de ribeira de moi difícil acceso onde se construíron varios muíños.
No sur do concello o río Ulla embalsouse no encoro de Portodemouros, onde se practican diversos deportes náuticos.
Boimorto
A orixe etimolóxica do topónimo do concello parece estar vinculada a voz sueva que fai referencia a un lugar alto. Precisamente, esa condición orográfica da zona favoreceu que no pasado foran varios os pobos prerromanos que construíron alí os seus poboados, entre o que destaca polo seu estado de conservación, o de Dormeá. Da época romana topouse en 1981 un miliario, no lugar de Vilanova, nunha leira mentres se realizaban tarefas agrarias. A importancia do achado reside en que esta peza cilíndrica con inscricións é unha das probas coas que avalan a existencia na época romana dunha vía pola zona.
No referido ao patrimonio civil, son numerosos os pazos rexistrados dentro dos límites do concello, aínda que moitos deles reconvertéronse en casas grandes de labranza. Polo que respecta ao legado do poder eclesiástico, compre dicir que na parroquia de Dormeá, moi citada nos textos medievais, segue en pé a igrexa de San Cristovo, un templo románico con restos do século XII. Pertenceu a un mosteiro feminino fundado no S.XII. Ademais, na parroquia de Sendelle, pode verse unha igrexa románica, que conserva un ábsida semicilíndrico, cunha gran ventá románica.
O Pino
O camiño Francés atravesa o concello de leste a oeste. Malia todo, un dos maiores tesouros patrimoniais do concello é a ponte romana de Puñide, sobre o río Mero. Segundo a opinión dalgúns historiadores é posíbel que nas súas inmediacións existise un asentamento romano. O que é incuestionábel é o achado na zona de varias pezas romanas, entre elas un modium de bronce con medidas diferentes ás da época, que fai pensar aos expertos que se trata de medidas locais adaptadas ás romanas.
Outras das referencias do concello son a igrexa de Lardeiros, coñecida como a Catedral da Montaña, e a ermida de Santa Irene, en Arca. Ao redor desta pequena igrexa, edificada preto dunha fonte, existe unha lenda que lle atribúe propiedades ás súas augas, que se empregaban para as hortas ao crer que acababan coa presenza de pestes.
O Pino tamén é terra de castros. Na parroquia de San Lourenzo de Pastor localizouse un que conserva parte das súas defensas e no que se toparon restos de cerámica e dous torques de ouro. Preto está o coñecido como Campo das Mamoíñas, unha colección de túmulos que forman círculos.
Touro
De entre as rutas a pé sinalizadas no concello pode destacarse a da Ribeira do Ulla. Parte de Ponte Basebe e chega a San Pedro da Ribeira, percorrendo quince quilómetros por paisaxes preto do río e grandes masas de bosque autóctono. No bosque do Pego, que ocupa unha ampla extensión na beira do Ulla nas parroquias de Ribeira e Fao, atópanse antigas ouriceiras, testemuñas de épocas nas que as castañas constituían unha parte importante da dieta local.
Fuente:http://www.anosaterra.org
Un saludo
Pilar

Voltar para “Caixón de xastre”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 5 visitantes