Quen é quen no caso Gürtel en Galiza?

Xunta de Galicia, nacionalismo galego, política sobre emigración e retorno, etc.
pilarmabel
Socio/a
Socio/a
Mensagens: 359
Registado: quarta, 03 ago 2005, 15:44

Quen é quen no caso Gürtel en Galiza?

Mensagempor pilarmabel » quarta, 07 out 2009, 09:00

En contra do que di Feixóo, as irregularidades non rematan en 1999. A fin do segredo do sumario permite confirmar que, tal e como adiantou ANT, importantes construtores imputados pola Xustiza beneficiáronse até hai pouco de decisións tomadas por parte da actual cúpula do PPdeG. Velaquí unha lista de resumo
Pablo Crespo: É a peza clave. En prisión como número dous da trama, foi secretario de organización do PPdeG entre 1996 e 1999 e mandereita de Xosé Cuíña. Nese tempo a Policía relata que a metade dos gastos electorais dos conservadores (uns 3,2 millóns) pagábanse en negro a empresas do tamén preso Francisco Correa. De considerar o xuíz un delito electoral, os feitos non estarían prescritos, como recoñeceu o propio avogado de Crespo.
Nunha conversa intervida na cadea, Crespo sorprendeuse de que Feixóo gañara o 1M malia saltar o escándalo. E é que Feixóo, daquela conselleiro de Política Territorial, mantivo a Crespo como vogal de Portos de Galicia até 2005. ANT desvelou que o Consello de Contas atopou dúas adxudicacións a dedo e irregulares de Portos a Construtora Hispánica, unha das firmas imputadas por pagar comisións, en 2004.
Noutra conversa gravada, Crespo di que informou a Fraga dos pagos en negro. Unha presunta fraude de impostos detallada nunha caixa de seguridade dun banco en Pontevedra, finalmente atopada pola Policía. O propio Crespo admite na conversa intervida que como esas contas saian á luz vaise montar \'un lío morrocotudo\'.
O sumario publicado o luns tamén recolle que Crespo ordenou dende a cadea que o empresario José Blanco Balín se fixese cargo da manutención da súa familia e da de Correa mentres estivesen presos. Blanco Balín, tamén imputado, foi favorecido pola Xunta do PP en varios negocios.
Manuel Fraga: O hoxe senador por designación do Parlamento Galego coñecía os \'pagos en b\' das campañas das eleccións galegas de 1997 e das locais de 1999, segundo unha conversa intervida a Crespo na que presume de ter entregado a Fraga unha copia “para que soubese que tivera un secretario de organización decente e ordenado\". O ex-presidente da Xunta admitiu nunha entrevista que Correa regaloulle un reloxo en 2003, que di ter devolvido.
Carlos Negreira: O líder do PP da Coruña asinou as adxudicacións de Portos de Galicia a Hispánica nas que un informe do Consello de Contas describe graves irregularidades en 2004. Tamén durante a súa presidencia de Portos e con Crespo como vogal, Negreira adxudicou un contrato de case un millón a Ferroser, propiedade doutro construtor imputado, Ulibarri.
Negreira nega calquera relación con Crespo, mesmo presumiu de que este nunca acudira aos consellos de administración, argumento que despois retificou. Na súa defensa, Negreira esgrime unha declaración do Consello de Contas no que se asegura que na súa xestión non se atoparon \"feitos constitutivos de responsabilidade contable\". Sobre os pagos en negro da eleccións, Negreira di que el traballaba daquela “nun medio de comunicación privado”. Refírese a La Voz, onde foi asesor xurídico. No mesmo informe no que os contábeis alertan das adxudicacións a Hispánica, o Consello de Contas critica que Portos dera 120.000 € a La Voz nun convenio a dedo.
Núñez Feixóo: O presidente da Xunta tenta desvincularse do caso alegando que ningún dos actuais dirixentes do PP está implicado, malia que Negreira e Louzán déronlles contratos a empresas imputadas. Ademais Feixóo aínda non explicou porque sendo conselleiro de Política Territorial mantivo a Crespo como vogal de Portos até a chegada do bipartito en 2005; malia que a cúpula do PPdeG desconfiaba del dende hai anos e, de feito, deixou de organizar actos con empresas da trama.
Rafael Louzán: O líder do PP en Pontevedra contratou en 2001 unha consultoría relacionada coa trama, na que traballaba a muller de Correa, para facer unha enquisa sobre a opinión pública na provincia.
Xoán Manuel Díz Guedes: O ex-conselleiro de Agricultura adxudicou a Special Events (unha das firmas de Correa que traballaban para o PP) dous contratos sobre as vacas tolas por case un millón e medio de euros en 2001.
Xosé Henrique Soutelo: O líder do PP de Cangas asinou como alcalde unha certificación a unha empresa sobre a súa experiencia na xestión de parquímetros, malia que a vila carecía destes trebellos. A beneficiada, a viguesa Hixiene\'s (na que foi directivo o ex-deputado Xoán Casares) empregou o certificado para gañar parte do concurso da zona azul de Madrid. A Xustiza investiga se Hixiene\'s pagou comisións á trama por este contrato.
Alfonso García-Pozuelo Asins: Dono de Construtora Hispánica, está imputado por pagar comisións a cambio de contratos. Unha vez que saltou o escándalo, deixou a presidencia da empresa e púxoa en venda. Malia ser unha firma baseada en Madrid e de tamaño medio, Hispánica foi a construtora que máis obras fixo para as deputacións galegas en 1999, daquela monopolizadas polo PP.
Juan Ramón Blanco Balín: Imputado por tráfico de influencias, foi socio de Crespo en cinco empresas nas que a rede supostamente lavaba comisións. Tamén foi presidente de Gallega de Molienda de Clinker, a firma da polémica cementeira de Coirós, autorizada na fin da última lexislatura de Manuel Fraga pero logo paralizada varias veces. Tamén participou noutra construtora imputada, Teconsa, unha das empresas que presuntamente pagaron comisións por contratos a varios alcaldes de Madrid e que recibiu numerosos contratos da Xunta.
José Martínez Nuñez: Dono de Teconsa, unha das construtoras máis activas no país a finais do noventa, pero hoxe en suspensión de pagos. Un informe da Policía menciona unha “adxudicación amañada” dunha estrada en Castela a Teconsa, pola que Martínez Núñez tería pagado 73.000 euros á trama. Teconsa foi unha das construtoras con máis licitacións de obra pública cando Xosé Cuíña era conselleiro e delfín de Fraga. Porén, o empresario tivo que declarar no xulgado por presuntamente pagar un sicario colombiano para matar ao líder do PPdeG en 2002.
José Luís Ulibarri: Tamén imputado por pagar comisións ao PP por obras en Castela. En Galiza participa en Ferroser, unha firma levou un contrato de case un millón de euros en 2005 cando Crespo era vogal de Portos. A súa empresa máis coñecida é Begarsa, que tamén acaba de entrar en concurso de acredores. En 2007 mercou o Diario de León por 36 millóns a Santiago Rey, editor de La Voz.
Fuente: http://www.anosaterra.org/nova
Un saludo
Pilar

Voltar para “Política galega”

Quem está ligado:

Utilizadores neste fórum: Nenhum utilizador registado e 6 visitantes