Hoxe temos o pracer de comunicarvos que a Comunidade Virtual de Fillos recupera o seu punto central de debate e comunicación entre os nosos case 7.000 membros: o Taboleiro, é dicir, os nosos foros de sempre.
Despois dun tempo desactivados en Blogaliza (lembrade que foran integrados nos foros de Blogaliza como parte da migración efectuada en 2010 que conformou a nosa etapa Fillos 5.0), debido á perda do servizo de foros desta plataforma, decidimos restauralos pola nosa conta partindo da versión previa, é dicir da do 2010. Desta maneira recuperamos a Comunidade Virtual en si, xa que en Blogaliza nunca se chegou a recrear o grupo de usuarios, aínda que si se importaran as mensaxes e fíos nun foro específico, e polo tanto Fillos como tal rede social ficara nun limbo do que non daba saído.
Taboleiro I (1997) → Tab. II → Tab. III → Tab. IV (2005) → Taboleiro V (2010)
↓
→ Taboleiro VI (2014)
Isto quere dicir que, despois de 4 anos coa nosa Comunidade Virtual desactivada a efectos de comunicación entre os membros e debate, na que estivemos limitados aos nosos blogs, á nosa veterana lista de debate Rolda/FILLOS-L, e á nosa presenza en Facebook (que non deixou de medrar, tendo nestes momentos máis de 3.600 seguidores), hoxe por fin podemos dicir que Fillos de Galicia volve á vida, nunha nova etapa de formato máis sinxelo e clásico (foros, é dicir, Taboleiro), pero que esperamos sexa máis estable e permanente.
Tedes no propio Taboleiro un fío onde falarmos dos detalles desta restauración, no que vos convidamos a deixar a vosas impresións. Por suposto todos os antigos membros teñen o mesmo acceso, co mesmo nome e contrasinal que usaban na etapa Fillos 4.0 (ata finais de 2010), pero se non lembran o acceso mediante o propio sistema poderán recuperar o contrasinal. Tamén convidamos por suposto a todas as persoas que desde 2010 se foron achegando ás páxinas dos nosos blogs, á nosa páxina den Facebook, etc. a que se rexistren no novo Taboleiro para se converteren en membros oficiais da nosa Comunidade Virtual: agora ser usuario/a do Taboleiro será equivalente a ser membro de Fillos, xa que non haberá outro proceso de rexistro diferente. No Taboleiro atoparedes todos os temas clásicos de debate en Fillos, centrados en Galiza e tamén outros, e moitísima información que fomos xuntando durante anos alí (máis de 15.000 mensaxes!!) e que agora volve por fin estar accesible grazas aos esforzo dos nosos técnicos.
Agradecemos a paciencia infinita dos nosos milleiros de membros por esta travesía do deserto que hoxe vén rematando, e agardamos recuperar a actividade e o debate no noso Taboleiro, na nosa nova rede social Fillos 6.0, da que iremos dando novas noticias nos vindeiros días. Benvidas e benvidos de novo! 🙂