Unha vez enviado hoxe o derradeiro libro, fican esgotados os fondos conseguidos para esta campaña, e facemos resumo da mesma:
- 806 € conseguidos (de 775 € postos como obxectivo inicial) na campaña solidaria en Verkami.
- 36 mecenas: persoas galegas, residentes dentro e fóra de Galiza, que puxeron eses cartos para que outras persoas puidesen recibir os nosos libros de balde.
- 124 libros enviados ás persoas solicitantes (55 beneficiarias, de 113 solicitantes):
- 56 exemplares de Xantares galegos (case quedou esgotada a edición: só nos quedaron 4 exemplares!).
- 33 exemplares de Nomes galegos.
- 35 exemplares da Antoloxía poética da diáspora galega.
- 14 libros enviados de recompensa aos propios mecenas.
Estas cifras reflicten non só un notable éxito, senón que aínda temos moito que facer, malia o desprezo desta Xunta de Galicia que concedeu este ano 0 € para as nosas actividades. Se cadra deberían aprender da solidariedade de galegas e galegos de a pé, que poñendo cartos do seu peto (tamén os da Xunta son cartos da xente de Galiza, por suposto!) fixeron posible o que eles non quixeron apoiar. Aínda nos quedan ducias de persoas por todo o mundo, de orixe e querencia galegas, desexando recibir os libros que publicamos e adoecendo por beber da nosa cultura, unha cultura que tamén se fai desde a diáspora, como sempre viñemos defendendo desde Fillos de Galicia.
Agardamos que no novo ano 2017 estes erros de quen xestionan os cartos de todas as galegas e galegos sexan enmendados e os cartos sexan distribuídos entre os proxectos das entidades da diáspora con xustiza para todas.
PS: Se ti fuches unha das persoas que quedaches sen estes libros este ano, e estás disposto/a a pagar os gastos de envío, non quedes coas ganas deles: podes pedir que chos envíen aos nosos amigos de asociación Touda, que os teñen na súa tenda online. Lembra que moitos dos nosos libros son gratuítos!


RSS xeral de Fillos.org