Comunicado aos clientes de RedeGalega: cesamos nos nosos servizos

RedeGalegaO seguinte é un fragmento do comunicado remitido aos contactos (clientes, persoas que contactaran connosco solicitando información sobre os nosos servizos de Internet ou que utilizaban de balde algún dos recursos do noso servidor: hosting, e-mail, listas de correo, etc.):

Dentro das decisións adoptadas na última asemblea está a seguinte,
que por tratar da non continuidade de RedeGalega e -xa que logo- vos
afectar directamente, poñemos no voso coñecemento:

RedeGalega pecha definitivamente os seus servizos

Cos diversos servizos que vos viñamos ofrecendo procederase da
seguinte maneira:

Servizos de desenvolvemento web e asesoramento
Deixan de ofrecerse.

Hostings
Tampouco seguiremos ofrecendo ese servizo. Os clientes aloxados no
servidor de Fillos/RedeGalega deberán por tanto procurar outro
aloxamento.

Para facilitar a transición e dar tempo a que cada cliente procure
outra empresa ou entidade que lle forneza o hosting, vimos de
renovar por 3 meses o contrato do noso servidor. Xa que logo os
clientes quedan avisados de que a partir do día 15/09/2010 xa non
funcionará o seu hosting e deberán ter feito o traslado a outro
servidor.

Os clientes que teñan feito o pagamento por adiantado por un periodo
superior a esa data recibirán unha factura de abono na cal lles
devolveremos o importe proporcional aos meses de servizo que han
quedar sen desfroitaren.

Procuraremos axudar na medida do posible a facilitarvos o traslado
pero non podemos adicarlle máis ca un tempo mínimo, ao non termos
xa personal técnico encargado do servizo.

En canto teñades feito a contratación e mais o traslado dos vosos
arquivos, bases de datos, correos, etc. ao novo hosting, e se tedes
os dominios rexistrados connosco, deberedes avisar para que
modifiquemos os datos de DNS, que son os que indican o voso dominio
con qué servidor debe conectar. Agora están apuntando ao de RedeGalega
pero deberán estar apuntando a outro antes do 15 de setembro.

Rexistro e xestión de dominios
Xa non ofrecemos o servizo de rexistro de novos nomes de dominio.

En canto á xestión e atención dos xa existentes, se os tedes
rexistrado connosco, e por ser un servizo crítico de xestión do
voso patrimonio inmaterial, será mantido de maneira excepcional,
cando menos momentaneamente.

Publicidade online
Deixará de ofrecerse. Os clientes que teñades campañas xa pagas e
programadas para o resto do ano, podedes optar entre a devolución
dos banners non desfroitados ou ben a consumición urxente de todos
os impactos que falten por emitir, no tempo máis breve posible.

Servizos de balde
As entidades que desfroitabades dalgún servizo gratuíto ofrecido por
RedeGalega deberedes buscar á maior brevidade unha outra alternativa,
xa que deixaremos de ofrecelo. Cándo se deixará de ofrecer non está
claro xa que RedeGalega.org como dominio está entre os que temos
postos á venda, e podería pasar a outras mans tan cedo como a finais
de Xullo.


Lamentamos moito os inconvintes que seguro todo isto vos vai producir.
Os clientes de RedeGalega fostes sempre un apoio vital para a
continuidade de Fillos de Galicia e sen termos a vosa confianza para
vos axudar nos vosos proxectos en Internet, Fillos hai tempo que xa
non existiría. Por desgraza isto non foi suficiente, e os motivos que
temos explicado publicamente non nos deixaron outro camiño que este
desmantelamento que agora abordamos con pesar.

Por desgraza desde Fillos de Galicia xa non podemos seguir axudándovos
nestes terreos. Sempre pensamos que o Terceiro Sector galego precisaba
un apoio a un prezo menor do habitual no mercado, en todo o que tivese
que ver con Internet, e dado que ese era o noso mellor capital, a nosa
experiencia na Rede, era lóxico ofrecérvolo e de paso obtermos
recursos económicos cos que desenvolver o noso labor cultural. Ogallá
outras iniciativas poidan recoller de contado esta demanda e facelo
sen ánimo de lucro e cun espíritu cooperativo e de optimización de
recursos compartidos. Sería moi beneficioso para a presenza na Rede
do activismo social e cultural galego.

Moitas grazas por toda a vosa confianza, á que seguramente non fomos
quen de responder como mereciades.

Esta entrada foi publicada en Fillos de Galicia. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Comunicado aos clientes de RedeGalega: cesamos nos nosos servizos

  1. Vimos de modificar as páxinas que ata o de agora describían os nosos servizos en RedeGalega.org. Foron substituídas por un mínimo aviso e unha ligazón a este comunicado.

  2. casdeiro di:

    Desde o pasado día 17 xa non están accesibles os hosting ubicados no servidor dedicado de Fillos/RedeGalega que tiñamos subcontratado a Dinahosting. Os diversos clientes debían ter pasado xa para entón os seus webs e servizos a outros hostings. Lamentamos as molestias causadas co cese da nosa actividade e dámoslles as grazas pola paciencia amosada con este modesto servizo co que axudaron a manter as actividades culturais de Fillos de Galicia.

Os comentarios están pechados.