Morre sen apoios a maior e-comunidade de emigrantes (A Nosa Terra)

Con tan dramático e incorrecto titular A Nosa Terra trasmitía hoxe a noticia da nosa convocatoria de desmantelamento:

A XUNTA QUITOU A AXUDA A FILLOS.ORG
Morre sen apoios a maior e-comunidade de emigrantes

Redacción . Catro meses despois de lanzaren unha convocatoria chamada ‘Un futuro para Fillo’ motivada pola súa incapacidade para xestionar o portal e mais o resto de proxectos en Internet que fora creando na última década esta asociación cultural, acaban de publicar un comunicado anunciando o seu ‘desmantelamento. ‘

Nas vindeiras tres semanas pretenden recibir ofertas de adquisición por a maior parte dos seus proxectos. “Dividimos os nosos servizos en aqueles que poderían ser mantidos sen requerer mantemento técnico e sen termos que pagar un servidor, e o resto venderémolo para pagarmos débedas e continuar co que non se dea vendido”, explicou o seu secretario e fundador Manuel Casal Lodeiro.

Nunha asemblea extraordinaria de socios que rematou este pasado domingo día 20, as 33 persoas que fan actualmente parte desta asociación, aprobaron a medida e nomearon unha directiva que exercerá o seu mandato durante menos de un mes co fin exclusivo de dirixir o proceso. Casal aclarou que tanto el como outros membros desta directiva temporal presentaron as súas candidaturas, “case obrigados” pola ausencia de socios dispostos a facerse cargo.

“A falta de compromiso é un dos problemas que nos ten levado a esta situación”, xustificou, “ademais do cesamento do convenio que tiñamos coa Secretaría Xeral de Emigración que nos deixou sen cartos para pagar a xestión técnica e o servidor”.

Durante os últimos anos a asociación tiña uns gastos aproximados anuais de 45.000 euros, un terzo dos cales era financiado mediante o convenio que asinaran co anterior responsable de Emigración, Manuel Luís Rodríguez. En función do resultado desta convocatoria, unha nova asemblea decidirá en Xullo se a asociación conta cos recursos suficientes para continuar con proxectos máis modestos e se hai novos candidatos dispostos a liderar esa nova etapa menos complexa e menos custosa.

A comunidade virtual Fillos.org constitúe ata o de agora o seu principal servizo na Internet e xunta nunha rede social online a case sete mil galegos e descendentes. Agora esa rede social está en venda, e eses milleiros de galegos á espera de alguén que queira continuar co servizo de ponte virtual entre Galicia e a súa Diáspora.

Morre (????) Fillos de Galicia (A Nosa Terra, 22 de xuño de 2010)

Esta entrada foi publicada en Fillos de Galicia, Fillos nos medios. Garda a ligazón permanente.