Fillos de Galicia cavila disolver a asociación (Vieiros)

Na súa canle Fwwwrando e baixo o lema “Desmantelamento de proxectos na rede” (que parece incluírnos noutras desaparicións que están a acontecer na Internet galega desde o cambio de goberno), publicou hoxe o principal portal galego de noticias, o seguinte artigo facéndose eco do noso aviso de desmantelamento:

Fillos de Galicia cavila disolver a asociación

Pola falta de apoios, o colectivo pon en venda a rede social que acumula a participación de milleiros de galegos na diáspora.

En asemblea extraordinaria, a Asociación Fillos de Galicia aprobou a pasada fin de semana elixir unha directiva que pilotará o proceso de probábel disolución do proxecto. Hai uns meses, o colectivo xa fixera un chamamento baixo o lema ‘Un futuro para Fillos’, co obxectivo de recrutar xente que se comprometese a xestionar os seus proxectos en internet. Froito da falta de resposta desa convocatoria, Fillos comunica agora o seu “desmantelamento”. Entre os principais atrancos para a continuidade da iniciativa láianse de que a secretaría xeral de Emigración lles retirou a axuda para xestión técnica e servidor outorgada durante a lexislatura anterior.

Na súa web expoñen os detalles da posta en venda dos seus proxectos. “Dividimos os nosos servizos en aqueles que poderían ser mantidos sen requirir mantemento técnico e sen termos que pagar un servidor, e o resto venderémolo para pagarmos débedas e continuar co que non se dea vendido”, explica o seu secretario e fundador Manuel Casal Lodeiro. A partir de aí, Fillos decidirá nunha nova asemblea o vindeiro mes de xullo se conta cos recursos suficientes para continuar con proxectos máis modestos “e se hai novos candidatos dispostos a liderar esa nova etapa menos complexa e menos custosa”. Na actualidade a rede Fillos, activa desde 1997, e xa que logo un dos proxectos pioneiros da internet galega, suma arredor de sete milleiros de usuarios.

Fillos de Galicia cavila disolver a asociación (Vieiros, 22 de xuño de 2010)

Esta entrada foi publicada en Fillos de Galicia, Fillos nos medios. Garda a ligazón permanente.