Fillos de Galicia busca un relevo na xestión dos seus proxectos na Rede (Tempos Dixital)

A versión online da prestixiosa revista Tempos Novos, ofrece hoxe unha noticia sobre o noso proceso Un futuro para Fillos.

Tras un ano de interinidade na súa dirección, a asociación cultural Fillos de Galicia decidiu traspasar os seus proxectos en Internet a outras entidades ou particulares capaces de xestionalos e melloralos.

O máis coñecido deles, o portal Fillos.org, xunta nunha “rede social” a máis de 6.800 galegos e descendentes. Este portal naceu en 1997 pola iniciativa de Manuel Casal Lodeiro, informático fillo de galegos emigrados a Biscaia. Posteriormente creárase a asociación “Fillos de Galicia” para darlle soporte legal e “organizar un grupo de xente comprometida coa Galeguidade que fose axudando a definir o proxecto”, segundo explica o seu fundador e actual secretario en funcións. Malia os repetidos intentos por parte da asociación, o número de usuarios que entraron a facer parte dese grupo “comprometido” non deu superado o 1%.

Tras a IX asemblea de socios celebrada o ano pasado, orixinouse unha falta de relevo na dirección que se veu agravanda por problemas técnicos co servidor onde aloxan os seus webs. Un ano despois asumiron como definitiva a carencia dalgún socio que asuma as tarefas directivas e de coordinación. “Eu prolonguei a miña adicación ao proxecto canto puiden, e tentei conseguir financiamento para quen continuase o tivese máis doado, pero sen unha dirección eficaz é inútil”, lamenta Casal Lodeiro, que tras varios anos advertindo
de que o proxecto dependía demasiado do seu compromiso persoal e da súa coordinación diaria, tivo que renunciar por motivos persoais a seguir nos postos directivos da asociación. “Cadrou que o noso
presidente tamén comunicara hai un ano que non podía continuar no seu cargo”, engade xustificando que a suma de circunstancias persoais e económicas levaron á asociación a recoñecer que “non é quen de
continuar cos proxectos e pedirmos a outros que o intenten: o noso público é importante e está aí, na Rede, agardando que alguén lle siga a fornecer cultura galega e contacto co país”. Por este motivo veñen de publicar en Fillos.org unha convocatoria aberta a toda a sociedade galega á procura dun relevo na xestión e dirección
dun sitio web que se convertira xa no “sétimo centro galego do mundo” en número de usuarios.

Asemade de Fillos.org, a asociación solicita propostas para dirixir Galeguidade.net (portal para as entidades galegas da emigración), eTIqueTAL.com (outra rede social para mocear en galego), Debulla.info, Nomes-Galegos.info, Planeta-Galego.info e outros webs e dominios que foron creando durante estes 13 anos de
intensa actividade na Rede.

Esta entrada foi publicada en Fillos de Galicia, Fillos nos medios. Garda a ligazón permanente.