Hoxe publiquei na sección aberta ao envío dos lectores unha nova acerca do noso proceso Un Futuro para Fillos.
Diante da escasa e confusa difusión que está a ter a nosa convocatoria e a nota de prensa, imos ver de explicar doutra maneira que é o que pasa en Fillos de Galicia e como pretendemos amañalo.
CulturaGalega.org dixo que liquidabamos os nosos proxectos…
Xornal primeiro que buscabamos un padriño e agora que se un xestor…
Pois non, non é ningunha das 3. Se cadra, despois de 13 anos nisto xa nin sei facer unha nota de prensa que se entenda.
Vouno explicar de xeito esquemático, a ver se teño máis sorte que có comunicado orixinal:
– O que buscamos é quen continúe cos proxectos: nós xa non podemos.
– Por que non podemos? En 1º lugar porque xa non temos unha persoa que poida dirixilos. En 2º polas dificuldade económicas para pagarmos traballadores.
– Quen pode facerse coas rendas de Fillos? Calquera que presente un proxecto que convenza aos socios de que vai continuar co espíritu do proxecto e que ten a capacidade de facelo.
– Como hai que presentar as propostas? Mediante unha pequena memoria que sega un esquema explicado nun PDF que temos no noso portal.
– E logo o resto dos webs de Fillos? Outro tanto: agás algunha excepción, cedémolos todos.
– Pero é unha venda ou dámolos de balde? Iso queda na man de cada persoa ou entidade que nos faga unha proposta.
– Vai desaparecer a Asociación que ata o de agora levou Fillos.org? Iso decidirémolo despois de vermos as propostas e se aceptamos algunha(s) delas.
– Ata cando hai de tempo para presentar as ofertas? Non moito: ata o 14 de Marzo de 2010. Os motivos persoais que fan que os que coordinamos actualmente Fillos non poidamos continuar levan prolongándose xa demasiado tempo e fan precisa unha solución urxente para o futuro de Fillos.
– Que interese pode ter facerse cargo de Fillos? Cada quen deberá avalialo. Simplemente o valor económico do que imos ceder podería ser unha boa razón, se non abondan as razóns culturais altruístas.
– A quen hai que comunicar as ofertas? Ao secretario en funcións da nosa asociación. O contacto tédelo na sección Contactar de Fillos.org