Fillos.org busca ¿padriño/xestor? para sobrevivir (Xornal de Galicia)

Apareceu a nova na edición impresa e tamén na online.

Enviamos unha queixa polo primeiro titular que puxeron: Fillos.org busca padriño para sobrevivir (foi co que saiu na edición impresa, coidamos) e trocárono por Fillos.org busca xestor para sobrevivir que tampouco encaixa no que buscamos: semella unha oferta de emprego! 🙁 A primeira non era axeitada porque lembraba a campaña que fixemos hai anos para atoparmos sponsors.

A maior comunidade virtual de galegos emigrados sae a concurso co resto de sitios de Fillos de Galicia, que non pode seguir xestionándoos.

Con trece anos de vida e case 6.800 usuarios ás costas, a meirande comunidade virtual de galegos emigrados busca padriño. Fillos.org, o portal con máis peso dos que xestiona a asociación cultural Fillos de Galicia, con 27 socios, é a oferta máis apetecible no concurso que acaba de abrir a entidade para atopar algunha forma de colaboración que manteña activos estes dominios.

“Por cuestións persoais, cadrou que tanto o presidente da etapa anterior como eu mesmo, non podemos seguir dedicándolle tempo a estes labores de coordinación”, explica Manuel Casal Lodeiro, secretario en funcións da asociación. Con ánimo, asegura que “esto é algo que lles pasa a moitas asociacións cando acadan unha estrutura que é demasiado complexa, lles consome demasiados recursos e non a dan soportado internamente e, ao final, o que fan é unha especie de partilla”.

En www.fillos.org están dispoñibles as condicións para presentar a correspondente proposta para mercar directamente algún dos dominios da asociación, adquirir os dereitos de explotación sen mercalo, entrar en co propiedade con Fillos de Galicia ou só asumir unha subcontratación da xestión do sitio. En calquera caso, Casal subliña que é imprescindible garantir a “continuidade” do proxecto: “A opción de disolvernos e liquidar todo barallouse, pero non quixemos”. “Hai proxectos que poden ser máis interesantes para unha institución, fundación ou empresa, pero outros non –expica–; pero se cadra cos recursos que obteñamos podemos seguir mantendo algún dos portais”.

Os cartos en sí non son o problema, senón a falta dun equipo disposto a coordinar o traballo. Pero é certo que o diñeiro supón unha carga engadida, sobre todo desde que perderon o apoio da Xunta. “A finais de 2009 rematou o convenio que tiñamos coa Secretaría Xeral de Inmigración, que nos aseguraba unha pequena financiación de 15.000 euros ao longo do ano –conta Casal–; este convenio deixárao asinado o anterior goberno, pero agora fomos falar co novo equipo do PP e en principio dixéronnos que non había problema en renovalo pero non sabemos nada desde mediados de xaneiro”.

De feito, a propia Xunta sería unha boa candidata para xestionar tanto Fillos.org como Atopadoiro.org, unha base de datos de xente que se busca, porque tanto esta como a TVG teñen arquivos similares e sería unha boa cousa unificalas “baixo unha supervisión política. “De feito, durante moito tempo, a xente dicíanos que estabamos facendo o traballo da Xunta”, conta Manuel. “Moitos concellos que tiñan procuras familiares derivaban a xente cara a nós. Eso está ben, pero xa podían contribuir un pouco!”

Ata o 14 de marzo, aquelas institucións, empresas ou particulares que queiran asumir a xestión dalgún dos máis de dez dominios que ten Fillos de Galicia poden enviar as súas propostas a secretaria@fillos.org. “Non ten que ser un plan moi detallado, pero si unhas liñas básicas do que queren facer co sitio”, explica Casal. A principios de abril, a asociación comunicará o novo xestor dos seus dominios, se hai sorte.

O contido do artigo está bastante ben, pero o título é pouco afortunado e non dan acertado a interpretar que é o que buscamos 🙁 Estamos tendo bastante mala sorte coa escasa e confusa trasmisión que están a facer os medios galegos da nosa convocatoria. Iso non axuda para nada ao seu éxito.

Esta entrada foi publicada en Fillos de Galicia, Fillos nos medios. Garda a ligazón permanente.