Fillos de Galicia ofrece a xestión e dirección dos seus proxectos na Rede (Código Cero)

Raquel Noya publica hoxe un artigo en Código Cero, acerca da nosa situación:

A asociación responsable da principal rede social da emigración galega en Internet, Fillos de Galicia, unha comunidade virtual que ten como obxectivo manter e divulgar a galeguidade entre os descendentes da diáspora galega, vén de anunciar que ten intención de traspasar os seus proxectos na Rede a outras entidades ou particulares que poidan xestionalos e melloralos, entre eles o máis coñecido, Fillos.org.

A decisión foi tomada logo dun ano de interinidade na dirección desta asociación cultural, e logo de comprobar que malia os repetidos intentos de promocionar o proxecto Fillos.org, o portal máis coñecido da entidade, o número de usuarios que entraron para formar parte do grupo, non superou o 1 por cento.

Fillos.org, unha rede social con máis de 6.800 galegos e descendentes adscritos, foi creada en 1997 por Manuel Casal Lodeiro, un informático fillo de galegos emigrados a Biscaia, que posteriormente dou lugar á creación da asociación Fillos de Galicia para darlle soporte legal e “organizar un grupo de xente comprometida coa galeguidade que fose axudando a definir o proxecto”.

Agora, tras 13 anos de actividade na Rede, os responsables deste proxecto reclámanlle a algunha persoa ou entidade privada que se faga cargo da mesma xa que, segundo palabras do seu creador, “sen unha dirección eficaz é inútil”.
Casal Lodeiro afirma que prolongou a súa adicación ao proxecto “canto puiden” pero logo de varios anos advertindo que o proxecto dependía demasiado do seu compromiso persoal e da súa coordinación diaria, tivo que renunciar por motivos persoais a seguir nos postos directivos da asociación, algo que tamén anunciou o seu presidente un ano atrás.

A suma de “circunstancias persoais e económicas” levan agora á asociación a recoñecer que “non é quen de continuar cos proxectos”, e pídenlle a terceiras persoas que o intenten xa que “o noso público é importante e está aí, na Rede, agardando que alguén lle siga a fornecer cultura galega e contacto co país”.
É por isto que a asociación vén de publicar unha convocatoria aberta a toda a cidadanía, á procura dun relevo na xestión e dirección dos seus sitios web, tanto de Fillos.org, como de Galeguidade.net, eTIqueTAL.com, Debulla.info, Nome-Galegos.info e Planeta-Galego.info entre outros dominios.
Mais iso si, os responsables da iniciativa lembranlle ás persoas interesadas en dirixir o proxecto que Fillos.org “é xa o sétimo centro galego do mundo en número de usuarios”, máis non así en solvencia económica, claro está.

A nota reflicte bastante ben a situación e a nota que emitimos, mais o comentario final acerca da solvencia dá a entender que a xornalista non captou cal é realmente o problema: non estamos nesta situación por falta de cartos senón por falta de dirección.

Fillos de Galicia en Código Cero

Esta entrada foi publicada en Fillos de Galicia, Fillos nos medios. Garda a ligazón permanente.