fillos@simil.com| CONSELLERÍA DA EMIGRACIÓN |
Enviada por Xosé Manoel
(195.76.67.14) o 22 de Xaneiro de 2002 ás 01:14:14:
Aquí tendes un artigo interesantísimo que conta verdades como puños extraído da web www.xornal.com de Luís Menéndez que é xornalista, escribiu os libros 'Toda Terra é dos Homes' e 'Vida e viaxes na Galeguidade'. Foi director dos programas de emigración da TVG 'Galicia no Mundo' e 'Galeguidade': A creación da Consellería de Emigración no goberno galego supón a meirande novidade deste gabinete amais do desdobramento en Sanidade creando a carteira de Asuntos Sociais que, presuntamente, debería atender tamén as demandas exteriores. En principio sorprende que se cree un departamento de Emigración de rango superior ó de Secretaria Xeral despois de catro lexislaturas, tras doce anos de goberno popular, e vinte de autonomía. Semella unha acción de efecto retardado. A importancia numérica dos nosos transterrados, as súas necesidades vitais, o impacto dos actuais estalidos sociais en Arxentina e Venezuela, a falla de vencellos e un esquecemento caseque raiante -agás para certas minorías- son argumentos máis que suficientes para a creación dunha consellería desde o primeiro intre no que Galicia acada o seu autogoberno, ¿porqué agora? ¿é que antes non era necesaria? En calquera caso, benvida sexa. Aurelio Miras Portugal ten diante si, non soamente o reto polo que estivo anceiando durante moito tempo atrás, senón un verdadeiro catálogo de obxectivos se quere conseguir metas endexamais acadadas e pasar unha páxina máis brillante que a do seu predecesor na Secretaría, Fernando Amarelo de Castro. En primeiro lugar debería, agora que vai ter máis volume orzamentario, dirixir a súa política de acción ó campo social e, segundo lugar, o retorno, aspecto este do que falaremos outro día. As actividades culturais darían tamén para falar abondo. Pero imos o máis perentorio. O emigrante galego en América hai moito tempo -non é de hoxe- que pasa situacións de desesperación económica, inasistencia social, abandono e incluso fame. Especialmente, e por esta orde, en Cuba, Arxentina, Brasil, Uruguai e Venezuela. Hai tamén algúns grupos sociais -menores- desfavorecidos na República Dominicana, Panamá e México. Estes galegos de orixe, que poden perfectamente chegar a un millón de almas, non son socios de Centro galego ningún, e non porque non quixeran senón porque, simplemente, non poden paga-las cotas. Os galegos que se acubillan arredor dos Centros galegos son os de 'mellor pasar' e, aínda por riba, son os receptores das axudas -cada vez máis cuantiosas- da Xunta en orde de subvencións, viaxes, reencontros, campamentos, etc...Este marco de actuación supuxo a creación progresiva dunha trama de favoritismos que se foi convertendo nunha rede tentacular onde os beneficiados xiran sempre entorno os club sociais ou as mutualidades. Cando se lle preguntaba o señor Amarelo (alcumado por uns como 'Avionelo' e polos máis amiguetes como 'Ministro de Exteriores de Galicia') ollaba para outra parte dicindo que el só tiña competencia no asunto asociativo. ¿É que o Goberno de Galicia non ten posibilidades de axuda-los galegos máis desfavorecidos sexan quen sexan ou pertenzan ou non a Centro algún?,¿É que non se podería intervir, presionar ó Goberno Central para a ampliación e mellora das pensións non contributivas?,¿Non se podería estructurar un plano para percibir axudas do Fondo Social Europeo?,¿É qué non se podería intervir, presionar, diante dos gobernos dos países receptores -cos que se sae sempre nunha amigable foto a carón do Presidente respectivo- para solucionar situacións dramáticas ou garantir que as axudas cheguen os seus destinos evitando corruptelas?, ¿É que non hai posibilidades, tendo os Consulados de man, de facer un censo de galegos necesitados que a única axuda que reciben -se é que lles quedan- é a dos familiares de Galicia? Se Miras Portugal pretende facer una política continuista, como en certo modo xa insinuou, imos dados. Vaise fartar a comer asados polas quintas de Olivos (Bos Aires), en Carrasco (Uruguai), ou nas visitas a Valle Fresco (Caracas) ou Tlahuac (México) e ata pode que lle organicen unha boa 'merienda' -previo pago- en la Cervecería La Tropical, da Habana. Todo rico e moitas apertas agradecedoras. Esto é bo para ter de man os Centros (máis de 400) que serán os xeradores de votos cando toque o rebato electoreiro. Pero nada que ver coa realidade maioritaria, por mais que certos programas de televisión queiran presenta-la cara máis amable da nosa diáspora, desviándose así da grave problemática, ignorada por la audiencia. Invítolle o señor Miras a que viaxe, sí, pero que non se quede só no 'local' societario, que vaia a Lanús, Avellaneda, Vicente López, Lomas de Zamora, as grandes áreas suburbiais de Bos Aires, en toda a Habana, nos barrios de Santo Amaro e Guaianaçes de Sao Paulo, nas 'favelas' de Río e Niteroi, nos 'cantegriles' de Montevideo, etc, etc.. e que entre nas casas dos galegos, que entre ata a cociña, que entre, e que fale con eles e tire conclusións. Non hai que buscalos. Aparecen.
---