Fillos de Galicia
< Taboleiro de mensaxes >
Páxina principal           fillos@simil.com

Centro Galego da Habana

[ Ver contestacións ] [ Enviar contestación ] [ O Taboleiro de Fillos de Galicia ]

Enviada por Centro Galego da Habana (64.12.101.152) o 18 de Agosto de 2001 ás 07:47:06:

Centro Galego da Habana

No artigo publicado en "El Eco de Galicia" polo seu director, Waldo Álvarez Insua, o 12 de outubro de 1879, avogábase pola creación dun Ateneo Galego, iniciativa que tivo repercusión inmediata entre os emigrantes galegos da capital cubana.

Daquela existían na Habana a Sociedade de Beneficencia de Naturais de Galiza (meritoria institución nada o 31 de decembro de 1871) e a Sociedade Coral Ecos de Galiza, criada en 1872. Aquela idea comezou a cristalizar o 23 de novembro de 1879. Un grupo de estudiantes galegos entusiastas reuniuse no Teatro Tacón (máis tarde Teatro Nacional e hoxe Teatro García Lorca). Acordaron constituír unha sociedade que denominarían Centro Galego, Sociedade de Instrucción e Recreo. A mesa provisional estaba composta por Secundino González Valdés (en substitución de Nicolás Villageliú), como presidente. Ao primeiro paso seguiu un período de laboriosa xestión. O 12 de decembro do mesmo ano quedou aprobado o Regulamento e constituíuse a primeira Xunta Directiva presidida por Nicolás Villageliú.A nacente institución comeza a recibir doazóns e axuda diversa dos novos socios.

En 1880 créanse as Seccións de Instrucción, Recreo e Adorno e Declamación. A Sección de Instrucción cumpre un dos obxectivos centrais da sociedade. Funcionou tamén unha escola, que comezou co ensino de instrucción xeral, idiomas e biblioteca. En 1881 a escola tiña 109 alumnos e o Centro contaba con 701 asociados. Nun dos seus postulados expresase que "este Instituto ten por obxecto fomentar a unión de todos os oriúndos de Galiza en Cuba, proporcionándolles á vez instrucción e honesto recreo". Crease unha Sección Lírica (a base de elementos da extinguida coral "Ecos de Galicia") e máis tarde a Sección de Filharmónica. Tivo esta entidade dificultades económicas, en boa medida derivadas da situación colonial. Nembargante segue a se consolidar, aumentando o seu número de socios e a escola adquire enorme prestixio.

En 1884 criase na Península a Sociedade de Salvamento de Náufragos, e o Centro Galego contribúe desde A Habana ao seu sostemento. Promove unha subscrición voluntaria entre os emigrantes para axudar a Rosalía de Castro, que se atopaba enferma e sen recursos, e nomea unha comisión encargada de agardar aos barcos que traen menores que son explotados de diverso modo á súa chegada. Criase a Casa de Saúde e este servicio fai aumentar considerablemente o número de asociados.

En 1889 a escola ten 895 alumnos, e unha biblioteca que aumenta día a día o que reflicte a preocupación cultural dos directivos.Co establecemento do Goberno da República de Cuba en 1902, iniciase unha nova e progresiva etapa do Centro Galego.

En 1906 o centro merca o Gran Teatro Tacón, no corazón da cidade, asín como os terreos lindeiras. Co tempo adquirirá outros ata completar a área que ocuparía o seu Pazo Social, hoxe monumento nacional. Criase a Caixa de Aforros e Banco Galego. Unha vez seleccionado o proxecto, o 8 de decembro de 1907 colocouse a primeira pedra do novo edifício-sede. Pedra traída das canteiras de Parga (Lugo), na que foron labradas simbólicas alegorías. Na caixa de chumbo coloraranse unha colección de moedas antigas, o recibo do socio Xosé María Allegue (socio nº 1) e o de Emília Pardo Bazán, socia de honra. A Banda Municipal da Habana, dirixida por Guillermo Tomás, tocou a "Alborada de Veiga".

En 1913 remataron as obras do Pazo Social, onde foi instalada a entidade. O Teatro (que adoptou o nome de Gran Teatro Nacional), rematouse en 1915 e foi inaugurado cunha tempada de ópera.Preside o Centro Eugenio Mañach. Refórmanse os Estatutos. A dirección da Sociedade está encomendada a unha Asemblea de Apoderados, a razón de vintecinco por cada cinco mil socios residentes na Habana e un apoderado por cada mil asociados das Delegacións do interior da Illa. A Asemblea de Apoderados preside ademais unha Asemblea Xeral de socios, pública e solemne, que se celebra cada ano, na cal os socios poden formular alegacións, orais ou por escrito, quedando a Asemblea obrigada a resolver sobre elas na primeira reunión ordinaria. O goberno da Sociedade corresponde a unha Comisión Executiva, nomeada pola Asemblea, as Seccións e o presidente xeral do Centro. Oito son as Seccións: Sanidade, Cultura, Belas Artes, Propaganda, Inmigración, Fomento, Orde e Inmobles.

Ao longo de toda a súa historia o Centro Galego da Habana, non só foi sensíbel ante a dor e a necesidade senón que estivo presente en diversas empresas de orde espiritual. Algún exemplo foi que posibilitou que o Orfeón "El Eco Coruñés", dirixido por Chané, participase nun concurso universal celebrado en Barcelona; contribuíu á edición da "Historia de Galicia", de Manuel Murguía; abriu unha subscrición para levantar un monumento en Viveiro a Nicomedes Pastor Díaz; asigna un premio nos xogos florais celebrados en Lugo en 1901, etc.

Máis alá do labor na "Quinta de Saúde", o Centro Galego está presente en múltiples xestos de solidariedade humana. Enumeramos algúns; envía cartos a moitos labregos de Lugo e Ourense afectados en 1888 por fortes saraibas que destruíron moitas colleitas; auxiliou en 1901 aos damnificados polas inundacións en Consogra; contribuíu a axudar ás familias das víctimas que ocasionou en Santander a explosión do "Cabo Machichaco"; enviou unha comisión ás minas de Juraguá (Santiago de Cuba) para investigar sobre as explotacións a que eran sometidos emigrantes galegos; outra comisión foi enviada ás obras do Canal de Panamá, onde eran víctimas de abusos moitos obreiros galegos, etc.

No Pazo Social ademais de ter a administración do Centro Galego instaláronse moitas entidades comarcais galegas. O edificio anterior continuou como local da escola denominada "Plantel de Concepción Arenal", no cal ademais de ensino primario (desde preescolar a 8º grao) e das clases nocturnas de corte e costura, comercio, taquigrafía, etc., ficou a Academia de Belas Artes do Centro Galego (pintura, debuxo, modelado, baleirado e escultura) e unha Academia de Música elevada ao rango de Conservatorio Nacional. A Casa de Saúde "La Benéfica" na década dos 50 chegou a contar con trece pavillóns (vías respiratorias, enfermidades cardiovasculares, mentais e nerviosas, medicina xeral, infecto-contaxiosas, hidroterapia), cun termo medio diario de 650 enfermos, entre os que se incluían vellos desvalidos en albergue permanente.

O 1 de xaneiro de 1959 triúnfa a Revolución Cubana. As vellas estructuras dun país neocolonizado -cunha alta porcentaxe de analfabetismo, 600.000 desocupados, carencias básicas de toda orde- foron removidas ata os alicerces. E os cambios afectaron tamén ás asociacións de emigrantes. Daquela o Centro Galego tiña uns 52.000 asociados, ao redor do 75% cubanos de nacemento, e do 25% restante o 90% son galegos e doutras partes do estado español que adoptaron a cidadanía cubana. Había tres partidos ou agrupacións de socios, baixo as denominacións de "Afirmación e Defensa", "Reafirmación Social" e "Unión Social" (esta última continuadora da tradicional Irmandade Galega).O Centro Galego, dadas as súas finalidades, non tiña xa razón de ser.

O pagamento dunha cota mensual para obter asistencia médica carecía de sentido por canto se rexionalizou a medicina e os servicios de saúde pública son absolutamente gratuítos en todo o país. Calquera ex-asociado gozaba deses beneficios, sen pagamento ningún en policlínico local e consecuentemente no hospital máis preto do seu domicilio. Ao pasar ao estado todos os centros educacionais do sector privado, o plantel "Concepción Arenal" convertese nunha escola primaria que atende a uns 600 alumnos (segue levando o nome da ilustre penalista, de quen a súa vida e obra estudian os nenos fervorosamente). E o Pazo Social foi primeiro sede da Sociedade Cubano-Española e actualmente pertence ao "Instituto Cubano de Amizade cos pobos".

Segue habendo nel un total de 57 pequenas sociedades comarcais galegas en vías de extinción, algunhas con só uns poucos asociados, vellos, que se reúnen ocasionalmente, mais sen actividade concreta algunha. No Pazo tamén teñen a súa sede a centenaria "Sociedade de Beneficencia de Naturais de Galicia". O edificio mantén a súa fisionomía galega; nada se alterou: o escudo de Galiza, escudos provinciais; un busto de Curros Henríquez, o mobiliario completo do salón da presidencia, placas ou tarxas de bronce interiores e exteriores, símbolos diversos, retratos de personalidades galegas asín como varios cadros, entre os que destaca o famoso óleo de Modesto Brocos "La defensa de Lugo". Tamén se conserva a coroa de prata entregada a Curros en memorábel acto celebrado na Coruña en 1904.O Centro Galego como institución cesa en novembro de 1961. Ata febreiro dese ano foi o seu presidente Xosé Pérez Riva, quen renunciou sendo substituído polo vicepresidente Camilo Vila.

No corazón da capital cubana fronte ao Parque Central erguese este soberbio edificio (hoxe monumento nacional en proceso de reconstrucción), símbolo do esforzo e tesón duns milleiros de emigrantes galegos; os seus descendentes veneran aos seus antecesores e resgaran as súas tradicións máis xenuínas, mentres constrúen unha nova sociedade, máis xusta e fraternal. {?}




Contestacións:



Enviar unha contestación

Nome: URL dunha páxina de web (opcional):
E-Mail: Título desa páxina (opcional):
Título da mensaxe: URL dunha imaxe (opcional):

Texto da contestación:


[ Ver contestacións ] [ Enviar contestación ] [ O Taboleiro de Fillos de Galicia ]