| |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Os dous períodos de esplendor do Reino medieval de Galiza coñecen senllos florecimentos literários: a segunda metade do século VI en torno á escola de Dumio durante a monarquía sueva, e o moito máis longo período que se extende desde o s. XII ao XIV.
Deixando a parte a tradución, en Dumio escribira (en latín, naturalmente) o bispo Martiño obras como Formula vitae honestae, destinada ao rei Miro e á sua Corte, e a famosa De correctione rusticorum, coa intención de combater supersticións populares (ed. galega de Pedret Casado e López Pereira).
Pero a culminación da literatura medieval de Galiza inicia-se na Era Compostelá, na Corte episcopal de Xelmírez, extendendo-se logo até mediados do s. XIV (antes da guerra trastamarista), cando xa o Reino de Galiza iniciaba a decadéncia política.
As
primeiras grandes obras están redactadas en latín, e escribiron-se
ao longo das primeiras décadas do s. XII:
o Códice Calixtino ou Liber Sancti lacobi
e a Historia Compostellana, a primeira de contido moi
variado (incluindo a coñecida Guía de Peregrinos, do
monxe francés Aimeric Picaud), e a segunda de carácter histórico,
destinada a exaltar a figura de Xelmírez.
Nese mesmo século xorde a denominada lírica galego-portuguesa (vid. X. Ramón Pena, Literatura Galega Medieval, 1990; e Historia da Literatura Galega, Ed. A Nosa Terra, 1996), con máis de cento cincuenta poetas coñecidos, datando-se os primeiros poemas transmitidos xa nos anos finais (reinando Afonso VIII de Galiza-León), se ben cómpre pensar nun início anterior.
Ademais destas cantigas (de amor, de amigo, de escárnio e maldicer, e as relixiosas de Santa Maria) existe unha producían en prosa (histórica, de fición, relixiosa e xurídica), con obras como as da matéria da Bretaña no s. XIII, no seguinte a Crónica Troiana, o cronicón Galego-Portugués, a Crónica Xeral (tradución), ou a Xeneral Estoria (idem), así como traducións das Partidas, e no s. XV sobre todo a Crónica de Santa Maria de Íria.
Desde unha perspectiva histórica, o florecimento en si mesmo da literatura galega nese periodo contradí a idea debida ao esquecimento e manipulacións realizados pola historiografia española, e ainda máis se reflexionamos no feito de que durante cento cincuenta anos o galego foi a língua literária non so de Galiza (e Portugal), senón de territórios alleos ao seu espazo lingüístico, o cal seria certamente inexplicábel sen considerarmos unha parella influéncia política (vid. X.R. Freixeiro Mato, Lingua galega: normalidade e conflicto, 1997).
A
paradoxa apresentada pola "historiografia" apoloxética
do Estado Español (que non deixa de se querer disimular inclusive coa
vergonzante apropriación da literatura medieval galega como pretendida
literatura española) resolve-se coa análise obxectiva
dese período: durante todo o s. XII e principios
do XIII -até 1230-(governo do conde Reimundo de Borgoña
e dos reis Afonso VII, Fernando II e Afonso VIII) o Reino
de Galiza (abranguendo Portugal até 1121 e León desde
1126) é o Estado máis sólido da Península;
a partir dese momento o centro político despraza-se cara a Castela,
pero a sua influéncia e prestíxio segue a ser grande, polo que
o próprio rei Afonso X escrebe a sua obra
poética exclusivamente en galego. A decadencia só
se fai evidente tras a sublevación trastamarista de 1366, pero
ainda asi o proceso é de longa duración, culminando
na segunda metade do XV, co fracaso irmandiño
e a entronización dos Reis Católicos.
Nota do Editor: Autor: Anselmo López Carreira.









