Entries tagged with “xeado”.


Torta de castañas

 

Ingredientes:

Para a masa quebrada:

  • 200 g. de fariña
  • 100 g. de manteiga de leite
  • 1 ovo
  • 50 g. de azucre
  • ½ copa de brandy
  • 1 chisco de sal

Para o amoado:

  • 200 ml. de nata para montar
  • 150 g. de azucre moído
  • 4 claras de ovo
  • 20 g. de manteiga de leite
  • 1 cullerada de brandy
  • 250 g de castañas.
  • Un bo xeado

 

Preparación:

  1. Acendémo-lo forno a 180ºC para que vaia quecendo.
  2. Facémo-la masa quebrada e para iso mesturamos tódolos ingredientes e amasámolos coas mans, non ten que quedar moi amasada. Deixámola na neveira coma 30-45 minutos e logo estirámola e forramos con ela un molde redondo (uns 20cm.Ø) baixo e con ondas engraxado e enfariñado. Recortámo-lo sobrante, que reservamos, e metémolo ó forno logo de pica-la masa cun garfo, cuberta con papel de aluminio e cuns legumes secos por enriba. Témolo no forno uns 20 minutos. Logo disto deixámolo arrefriar e reservámolo.
  3. Facémoslle un corte ata a metade ás castañas e cocémolas con auga e sal durante uns 20 minutos e logo de pelalas triturámolas e facemos puré. Reservamos 6 castañas enteiras, cocidas e sen pel para adornar.
  4. Pómo-lo puré de castañas nun cazo xunto co brandy e a manteiga e cociñámolo ó baño maría uns 5 minutos; afastámolo do lume e deixámolo arrefriar.
  5. Metémo-lo puré xa frío nunha manga, facemos unha camada en espiral cubrindo o fondo da masa quebrada alisámola cunha espátula. Reservámolo.
  6. Batémo-la nata, ben fría, xunto con 75 g. azucre moído coas variñas do batedor eléctrico ata que estea ben montada.
  7. Batemos tamén as claras algo mornas e cun chisco de sal coa axuda das variñas eléctricas e cos outros 75 g. de azucre ata ter telas a piques de neve.
  8. Mesturamos cunha espátula a nata montada co merengue e logo de metelas nunha manga pasteleira botamos unha camada por enriba da crema de castañas.
  9. Decorámola coas castañas enteira e cocidas.
  10. Métese no frigorífico para que arrefríe e sérvese acompañada con xeado ó gusto.

 

 

Tempo: 60 minutos                                                   Comensais: 6-8

Crumble de mazás

 

Ingredientes:

  • 4-5 mazás golden
  • 1 culleradiña de canela
  • 2 culleradas de azucre
  • 10 g de manteiga
  • 1 copa de brandy
  • Xeado de vainilla

Para a masa crumble:

  • 150 g de fariña triga
  • 70 g de manteiga de leite
  • 70 g de azucre
  • 70 g de fariña de castañas
  • 1 chisco de sal

 

Preparación:

  1. Acendémolo forno a 180 ºC para que vaia quecendo.
  2. Facémo-la masa crumble e para iso mesturamos as dúas fariñas, co azucre; logo engadímo-la manteiga fría e cortada en dados mesturando coas mans ó mesmo tempo que esmagamos a manteiga entre as palmas das man deslizando unha sobre outra de xeito que nos quede unha mestura areosa e solta.
  3. Pelámo-las mazás, sacámoslles o carozo e cortámolas en dados de 1-2 cm.
  4. Nunha tixola botámo-la manteiga xunto coas mazás maila canela, cociñámolas uns 3 minutos a fogo medio, engadímo-lo brandy, pegámoslle fogo e afastamos do lume.
  5. Logo diso botámo-las mazás nun molde redondo (24cm) engraxado con manteiga.
  6. Botamos a mestura crumble por enriba cubrindo ben todo e metémolo ó forno polo decurso duns 35-45 minutos ata que fique dourado.
  7. Servímolo quente acompañado co xeado.

Notas:

  • Podes empregar outra clase de mazás ou outro tipo de froitas coma pexegos, peras, uvas, etc
  • Para facer a fariña de castañas, pélaas ben, cóceas o vapor e cando estean cocidas secas tritúraas co aparello do batedor eléctrico.
  • En troques de fariña de castañas podes empregar améndoas moídas ou sen moer, noces, abelás, etc.
  • Calquera xeado lle vai ben.

Tempo: 60 minutos                                                               Comensais: 6-8