Vitela asada con verduras
Ingredientes:
- 1 peza de “espaldilla” 2 kg.
- 6 cenorias
- 1 cabaciño
- 150 pemento vermello
- 150 g de pemento verde
- 200 g de cebola francesa ou “chalotas”
- 6 patacas medianas
- Tomiño
- Pementa negra moída
- 100 ml de Brandy
- 100 ml de viño branco
- 2 culleradas de vinagre branco
- 300 ml de caldo de ósos
- Aceite de oliva
- Sal
Para o adubo
- Unhas pólas de Perexil
- 3 dentes de allo
Para o prebe
- 25 g de queixo azul
- 20 g de manteiga de leite
- 250 g de nata de montar
- Pementa moída
Preparación:
- En primeiras preparámo-la carne sacándolle cun coitelo moi ben afiado a tea que o cobre por unha das partes.
- Preparámo-las verduras e para iso cortámo-las cenorias en rodas, o cabaciño en anacos medianos, os pementos en bastóns, as cebolas en anacos medianos e as patacas pelámolas e cortámolas en cuartos.
- Acendémo-lo forno a 200ºC para que vaia quecendo.
- Logo diso machucámo-lo perexil xunto co sal e o allo e con iso adubámola carne.
- Deseguido, selámola nunha tixola grande cuns 100 ml de aceite de oliva.
- Cando a carne estea selada, colocámola na bandexa do forno.
- Logo diso, metémo-las verduras na tixola e refogámolas xunto coas patacas.
- Botamos agora as verduras xunto coas patacas na bandexa ó redor da carne, empoámolo todo cun chisco de sal e pementa moída; regámolo co brandy, o vinagre, o viño branco máis os 300 ml de caldo de osos e metémo-lo ó forno polo decurso duns 50-60 minutos. Vixiade que non se vos queime se así fora póndelle un papel de aluminio por enriba.
- Entrementres asa a vitela, facémo-lo prebe e para iso desfacemos o queixo nunha tixola cuns 20 g de manteiga, logo diso engadímola nata e empoámolo coa pementa moída, ó noso gusto, e deixamos que espese un chico.
- O sacala do forno cortámo-la peza en rebandas e servímola coas verduras acompañada co prebe para que cada quen se sirva.
Nota:
- A “espaldilla” e un corte de carne que se atopa na parte alta da pa ou omoplata da res.
- Un truco para que non seque e meter unha cunca con auga no forno para que deprenda vapor.
Tempo: 80 minutos Comensais: 6 persoas