Entries tagged with “Valcárcel”.


Gracias quero dar
pola noite e a chuvia
que nos devolven a memoria da nai,
e pola muller
que dá forma á beleza.
Gracias polo sexo
que une nunha soa carne
dúas soidades
e polo soño que nos permite
a viaxe á morte
e o regreso.
Gracias polo vento
que nos fai estraños de nós mesmos
e pola pedra
que aspira a soñar a eternidade.

Gracias quero dar polos nenos
que non coñecen nin a culpa nin a morte,
e pola música,
alma en epifanía trascendida.
Gracias pola luz
que nos devolve o mar nos ollos da amada
e polo aire, vivificante e saudábel.
Gracias pola beleza,
que nos enche e acovarda,
e polo mencer
que nos ofrece a ilusión
da primeira vez.

Gracias
pola xuventude e polos sentidos.
Polo loureiro e o trigo,
polo viño que nos sume
nun transo sen dolor,
pola herba, máis tenaz que o tempo,
e pola arte,
que nos transcende e sobrevive.

Gracias quero dar
polos días que compartes comigo,
pola caricia e polo beixo.

Gracias polo mar, absoluto e poderoso.

Gracias polo silencio e polo verso.

Fonte: BVG

A RETIRADA

Levantamos a casa, recollemos os libros,
deixamos un aire noso
en cada estancia deserta,
en cada cuarto que coñeceu
o noso alento, as noites de febre,
as cousas que acompañaron estes días.

Pardes desconchadas, humano latexo,
todo fica na ferruxe da derrota.

Embalamos perdidas ilusións,
cartas, retratos,
momentos de intimidade compartida.

Deixamos un tacto, unha caricia,
un aire húmido invadindo teimoso
o permanecer dunha presencia.

Recanto íntimo, tépedo acougo,
aberto ao aire xiado da retirada.

Fonte: BVG