Entries tagged with “touciña”.


Rolo de linguado con crema de castañas

 

Ingredientes:

  • 4 linguados de ración
  • 8 liscos de touciño entrefebrado curado
  • 1 cabaciña
  • Viño branco galego
  • Caldo de peixe
  • Sal

Para gornición:

  • 2 cenorias
  • 200 g de brócoli
  • 150 g de cabaciña ( ½ cabaciña)
  • Aceite de oliva
  • Sal

Para a crema de castañas:

  • 250 g de castañas
  • 350 ml de nata líquida de cociñar
  • Pementa negra e sal

 

Preparación:

  1. Sacámoslle os filetes ós linguados ou pedimos na peixería que nos los saquen; en total 8 filetes. Salgámolos e reservámolos
  2. Facémo-lo caldo cos restos do peixe, as peles, as espiñas mailas cabezas, a parte verde dun allo porro, ½ cebola e unha cenoria cubertos lixeiramente de auga; cocémolo durante media hora, coamos e pómolo no seu punto de sal.
  3. Acendémo-lo forno a 200ºC para que vaia quecendo
  4. Entrementres coce o caldo, podemos ir preparando a crema de castañas, para iso facémoslle un corte ás castaña ata case cortalas de todo e cocémolas durante uns 20 minutos e pelámolas. Pomos nunha cazarola ó lume a nata mailas castañas esmiuzadas e logo de trituralo e botarlle o sal e un chisco de pementa, deixamos que ferva ata que espese un chisco.
  5. Tamén mentres coce, imos preparando a gornición: Pelámo-las cenoria, cortámolas en bastóns e cocémolas en auga con sal durante uns 4 minutos. Cocémolos brócoli cortado en ramiños en auga con sal durante 4 minutos e escoámolo. Cortámo-la ½ cabaciña en bastóns e cocémolos durante 3 minutos. Por último no momento de servir salteámolos un pouco nunha tixola cun chisco de aceite para quentalos.
  6. Lavámo-la cabaciña e cunha mandolina sacámoslle 8 lisco delgados. Pomos enriba dos liscos de cabaciño cadanseu filete de peixe e enrolámolos; logo diso enrolámolos en cadanseu lisco de touciño e picámolos cun palillo para que non se desfagan.
  7. Pomos estes 8 rolos nunha bandexa de levar ó forno, engadímoslle ½ vaso de viño máis outro medio de caldo e metémolos ó forno polo decurso duns 6-8 minutos.
  8. Servímolo pondo no fondo dos pratos a crema de castañas quente, enriba os rolos de peixe acompañados coa gornición.

 

Nota:

  • Podemos preparar do mesmo xeito outros peixes coma rapantes, pescada, bacallau fresco o calquera outro peixe fileteado.

 

Tempo: 40 minutos                                                  Comensais: 4

Alcachofas asadas

 

Ingredientes:

* 4 alcachofas

* 150 g de touciño magro

* 1 tomate maduro

* Queixo para fundir

* Aceite de oliva

* Pementa negra

* Sal

Descrición:

  1. Limpámo-las alcachofas, sacámoslles as follas de fora e cortámoslles tamén a puntas das follas ata que so quede o corazón tenro. Untamos con un limón para que non ennegrezan.
  2. Cocemos as alcachofas en pouca auga unha media hora nunha pota tapada.
  3. Namentres cortamos o touciño primeiro en lascas logo en tiras e por último en anacos pequeniños.
  4. Pelámo-lo tomate e sacámoslle as sementes. Picámo-lo resto en anacos pequeniños que sazonamos con pementa moída, sal e aceite de oliva. Deixamos macerar.
  5. Sacámo-las alcachofas unha vez cocidas  e sen auga pómolas nunha cunca ou bandexa de asar, abrímolas un pouco sen rompelas e botámoslle sal, pementa moída e aceite de oliva, logo  enchémolas co touciño mailo tomate macerado e cubrímolas co queixo.
  6. Metémolas media hora ó forno quente a 180ºC ata que estean douradas.
  7. Adornamos con perexil e presentamos en cadanseu pratiño unha alcachofa.

Tempo: 1 hora

Tapas: 4