Entries tagged with “tomate fritido”.


Pudin de pescada

 

Ingredientes

  • 400 g de pescada conxelada ou fresca
  • 150 g de gambas peladas
  • 1 allo porro
  • 1g cebola
  • 1 vaso de pan esfaragullado
  • 4 ovos
  • 150 g de nata líquida de cociñar
  • 70 g de tomate fritido
  • Pementa branca
  • Maionesa ou salsa rosa
  • Manteiga e pan relado
  • Sal

 

Preparación:

  1. En primeiras desconxelámo-la pescada mailas gambas
  2. Pomos as faragullas de pan a mollo coa nata, cando estea escoámolas e reservámolas.
  3. Acendémolo forno a 180ºC para que vaia quecendo.
  4. Nunha cazarola con auga e sal pomos a coce-la cebola mialo allo porro e logo de 5 minutos metémo-la pescada; cando ferva de novo apagámo-lo lume, deixamos un minuto máis e sacámo-la pescada; tirámoslle a pel mailas arganas e esmiuzámo-la en anacos non moi pequenos.
  5. Batemos co batedoiro eléctrico os ovos e a nata; engadímoslle o peixe esmigallado, as gambas crúas picadas, o tomate fritido, as migas de pan remolladas, a pementa branca e mesturamos a man. Probámolo de sal e salgámolo se fose preciso.
  6. Botámolo todo nun molde de pastelería alongado engraxado e empoado con pan relado.
  7. Metémolo no forno ó baño maría polo decurso duns 50 minutos a media altura. Antes de sacalo, probamos que está feito picando cunha agulla ou cun palillo; se sae limpa xa está.
  8. Deixámolo arrefriar ben antes de sacalo do molde.
  9. Servímolo pondo no prato unha rebanda de pastel acompañado con maionesa e unha ramiña de perexil para adornar.

 

Notas:

  1. Tamén sae moi bo con moito recendo a mar, se trocamos as gambas por ourizos de mar.
  2. Podemos facelo en moldes individuais e presentalos decoralos cunha gamba salteada por riba
  3. Gardámo-lo caldo de coce-la pescada para empregalo en calquera outra receita.

 

Tempo: 60 minutos                                                                        Comensais: 4-6

 

 

Pastel de bonito

Ingredientes:
• 300g. de bonito do norte (Thunnus alalunga)
• 4 pementos do piquillo
• 5 culleradas de tomate fritido
• 4 ovos
• 100ml. de nata líquida
• ½ parte branca dun allo porro
• ½ cebola nova
• Manteiga e pan relado
• Pementa branca
• Aceite de oliva e sal
Para a maionesa
• 1 ovo
• 200 ml de aceite de mirasol
• ½ Limón (o zume)
• sal
Para o prebe rosa
• Maionesa
• 2 culleradasde zume de  laranxa
• 1 cullerada de ketchup
• 1 cullerada de brandy

Preparación:
1. Cocémo-lo bonito en auga con sal polo decurso de ½ hora. Sacámolo, arrefriámolo e logo de limpalo, esmigallámolo. Tamén podemos facelo con conserva de bonito en aceite.
2. Picámo-la cebola mailo allo porro e amolecémolos, a fogo maino, ata dourar, sen torralo, nunha tixola con aceite. Logo disto engadímo-los pementos, triturámolos, arrefriámolos e reservámolos.
3. Batémo-los ovos e mesturamos nunha cunca fonda coa nata, o bonito, o tomate fritido, un chisco de pementa branca e o triturado de cebola e pementos.
4. Untamos un molde rectangular con manteiga e empoámolo con pan relado.
5. Vertemos todo dentro do molde e metémolo ó forno xa quentado a 180ºC ó baño maría polo decurso de 90 minuto,s a media altura. Probamos se está feito, picando cunha agulla, se sae limpa xa o está. Deixámolo arrefriar ben antes de sacalo do molde.
6. Facémo-la maionesa botando no vaso do batedoiro eléctrico, o ovo mailo zume de limón, uns 100 ml de aceite e un chisco de sal; batémolo coas coitelas, sen mover o batedoiro do fondo e cando comece a ligar xa podemos move-lo batedoiro darriba abaixo e mentres seguimos batendo imos engadindo aceite ós poucos e de seguido ata o espesor axeitado. Rectificamos de sal se o precisa..
7. Facémo-lo prebe rosa tomando a metade da maionesa feita e engadíndolle o zume de laranxa, o brandy mailo ketchup.
8. Cortámolo en rebandadas e servímolo frío acompañado cos dous prebes.
9. Tamén o podemos servir quente acompañado cunha salsa coma esta:
Nunha tixola con aceite Amolecemos 1 cebola, un dente de allo e 200 g de pementos verdes, engadíndolle logo cando estean brandos 5 pementos de piquillo. Botámoslle logo un vaso de caldo de peixe e cociñamos ata que espese un chisco. Triturámolo todo e coámolo co chino. Pomos no seu punto de sal.
Tempo: 1 ½ hora
Comensais: 4 ou máis

Bonito con prebe de tomate e cebola acaramelada

Ingredientes:
• 2 toros de bonito fresco (750g.)
• 4 cebolas brancas
• 2 dentes de allo
• 100 g. de tomate fritido
• Aceite de oliva e sal

Preparación:

1. Pelámo-las cebolas, cortámolas en medias lúas, o mesmo que os dentes de allo e pómolos a amolecer, a fogo maino, nunha tixola cuns 100 ml. de aceite.
2. Logo duns 20-25 minutos sacámolo da tixola, escoámoslle ben o aceite, e reservámolo. Por suposto, salgámolo no seu punto.
3. Dourámo-los os toros de bonito, uns 2 minutos por cadansúa banda e reservámolos.
4. Pomos no fondo do prato o tomate fritido, enriba o bonito e por cima del a cebola acaramelada. Adornamos cun detalle verde coma unha pola de perexil, perifol, amenta, etc

Tempo: 30 minutos
Comensais: 4

Monecos de ovos recheos

 

Ingredientes:

  • 4 ovos
  • 1 lata (80g) de atún en aceite
  • Maionesa
  • Tomate fritido ou Ketchup
  • Pemento vermello asado
  • 4 olivas sen oso
  • Cenoria cocida
  • Unha folla de leituga

 

Descrición:

 

  1. Cocémo-los ovos 10 minutos en auga salgada. Antes de metelos a cocer picámolos cun alfinete o cunha agulla na parte gorda para que sala por alí o aire que teñen dentro e non rebenten. Arrefriámolos e sacámoslles a casca.
  2. Cortamos, ó través, os ovos pola parte máis gorda de xeito que podamos sacar a xema e despois podelos asentar sobre o antedito corte. Reservámo-los anacos cortados
  3. Mesturámo-la metade das xemas coa lata de atún (escorrido o aceite), botándolle un chisco de tomate e unha culler de maionesa.
  4. Enchemos con esta mestura os ocos dos ovos e pómolos de pé sobre unha cama de leituga moi picada.
  5. Cortámo-los o pemento en tiras e pomos unha tira enriba de cadanseu ovo, caendo para os lados, para que asemellen brazos.
  6. Espetamos unha oliva nun pauciño e pómola sobre o pemento coma se fora unha cabeza.
  7. Pomos tamén espetados, no mesmo pauciño das olivas, os anacos que ficaron de corta-los ovos e sacar as xemas, para que fagan de gorra.
  8. Facer bastonciños pequenos de cenoria e espetalos no ventre dos ovos e nas olivas para que semellen botóns e ollos.

 

 

Tempo: 30 minutos

Tapas: 4

Receita: Pastel de escarapote

Ingredientes

  • 1 Kg. de escarapote
  • 1 porro
  • 1 cebola
  • 1 cenoria
  • 6 ovos
  • 150 g de nata líquida
  • 100 g de tomate fritido
  • Pementa branca
  • Manteiga e fariña
  • Sal

Descrición

  1. Cocémo-lo peixe durante 10 minutos cuberto con auga con sal xunto co porro, a cebola maila cenoria.
  2. Sacámo-lo peixe e tirámoslle a pel, limpámolo ben de arganas e esmiuzámolo. (Gardámo-lo caldo de cocelo peixe para empregalo para facer calquera outra receita)
  3. Batemos co batedoiro eléctrico os ovos, a nata, a salsa de tomate, a pementa branca mailo esmigallado do peixe. Probámolo de sal e se fai falla salgamos un chisco.
  4. Botámolo todo nun molde de pastelería alongado engraxado e enfariñado.
  5. Metémolo ó forno quente a 180ºC ó baño maría polo decurso de 90 minutos a media altura. Probamos se está feito uns minutos antes picando cunha agulla, se sae limpa xa está feito.
  6. Deixar arrefriar ben antes de sacalo do molde.

Notas

Escarapote s.m. Peixe mariño de rocha dunha familia á que pertencen distintas especies con espiñas na cabeza e outras provistas de glándulas velenosas na aleta dorsal. Os escarapotes presentan diversas cores segundo o fondo en que viven.No pais vasco chámano Kabracho

Tempo: 2 horas

Comensais: 4 persoas

Recipe by on.
Microformatting by hRecipe.