Entries tagged with “sal”.


Torta larpeira

 

Ingredientes:

Para a masa:

·      400 g de fariña triga de forza

·      100 ml de leite gordo

·      30 g de lévedo de panadaría

·      60 g de azucre

·      2 ovos tamaño L

·      50 ml de anís

·      60 g de manteiga morna en dados

·      1 culleradiña das de té de sal

·      1 limón, o relado

Para a crema pasteleira:

·      1 ovo

·      125 ml de leite gordo

·      35 g de azucre

·      10 g de maicena

·      1 pau de canela

·      1 casca de limón e outra de laranxa

·      1 culleradiña de vainilla ou 10 g de azucre vainillado

Para o xarope:

·      50 ml de auga

·      50 ml de anís

·      50 g de azucre

Para a decoración:

·      50 g de azucre

·      2 culleradas de auga

 

Preparación:

  • En primeiras desfacémo-lo lévedo no leite morno
  • Logo  facémo-la masa e para iso botamos na cunca do robot de cociña tódolos ingredientes agás a manteiga e amasámolo co trebello amasador por uns 5 minutos; logo diso engadímo-la manteiga, botándoa ós poucos para darlle tempo a que a absorba. Cando estea ben amasada pómo-la masa nunha bandexa das do forno, cuberta con papel de enfornar ou engraxada con manteiga, e estendémola de xeito circular coa man aceitada ata deixala duns 2-3 cm de groso.
  • Tapámola cun pano e deixámola levedar por unhas 1,5-2 horas nun sitio tépedo.
  • Entrementres leveda, facémo-la crema pasteleira e para iso mesturamos o ovo mailo azucre e batémolos ben. Por outra banda, afastamos nunha cunca un terzo do leite e nel desfacémo-la maicena; o resto do leite botámolo nun cazo coa canela, a vainilla mailas cascas de limón e laranxa e pómolo a quentar sen que ferva forte para que colla sabor pero non faga tona.
  • Deixamos arrefriar un pouco o leite, sacámoslle as cascas mailo pau de canela e botámolo sobre a mestura de azucre e ovo, mentres remexemos para que non calle o ovo; logo diso botámoslle a maicena co leite e pómolo de novo ó lume remexéndoo de seguido para que non se apegue nin faga grumos. Cando comece a espesar apagámo-lo lume e seguimos batendo un rato pois adoita apegarse se non remexemos. Pasamos a crema a unha cunca e logo de tapala cun filme transparente metémola na neveira a arrefriar ata que teñamos que empregala.
  • Acendémo-lo forno a 180ºC para que vaia quecendo
  • Pasado o tempo de levedado, imos decorar a torta e para iso  pintámo-la masa con ovo batido e cun coitelo ben afiado, facemos na masa uns cortes, duns 2 cm de fondo, ó longo e ó través formando cadrados. Enchemos estes cortes coa crema pasteleira coa axuda dunha manga pasteleira e logo de mesturar o azucre coa auga repartímola por enriba dos cadrados.
  • Metémo-la torta a cocer polo decurso duns 25-35 minutos. Comprobamos cun espeto que estea cocida, se sae limpo é que o está.
  • Entrementres coce, preparámo-lo xarope: mesturamos tódolos ingredientes nun cazo e pómolo ó lume durante uns minutos ata que espese un pouco.
  • Logo de sacala e aínda morna mollámola co xarope preparado
  •  Servímola fría

Notas:

  • Con robot vas tardar uns 8-10 minutos en face-la-la masa pero se o fas a man tés que votar tódolos ingredientes xuntos e tardarías uns 15 minutos.
  • Os cataláns fan a “Coca de San Xoán” que é coma a esta pero decorada con piñóns e guindas

 

 

Tempo: 1 hora                                                                      Comensais: 6-8 persoas

Sen contar o tempo de levedar

Peixe sapo con berberechos

 

Ingredientes:

 

  • 1 Kg de peixe sapo (a cola coa espiña)
  • 400 g de berberechos
  • 4 dentes de allo
  • 100 g de cebola nova
  • 100 g de pemento piquillo asado
  • 50 ml de viño branco
  • 200 ml de caldo de peixe
  • 1 pementa de Caiena
  • 2 culleradas de perexil picado
  • Pementa negra moída
  • Aceite
  • Sal

 

Preparación        

 

  1. Pómo-los berberechos en auga con sal durante unha hora para que solten ben a area.
  2. Logo diso lavámolos e escoámolos. Pomos unha tixola con aceite ó lume e salteamos nela os berberechos que imos afastando segundo vaia abrindo. Reservámo-los berberechos mailo caldo que soltaron.
  3. Cortámo-la cola do peixe sapo en rodas e salgámolas, botámoslle pementa moída e enfariñámolas. Facémolas nunha tixola cun chisco de aceite case á prancha para que douren por fora pero queden crúas por dentro. Reservámolas nunha pota ampla e baixa
  4. Logo, na mesma tixola e botando algo máis de aceite amolecémo-la cebola xunto cos dentes de allo moi picadiños durante uns 5 minutos a fogo maino sen que se queime, cando estea a medio amolecer, engadímoslle o viño branco, o caldo dos berberechos, o caldo de peixe, a pementa de Caiena en anacos miúdos e unha cullerada de perexil picado. Deixamos que se faga e concentre durante uns 10 minutos.
  5. Botamos  sobre o peixe sapo reservado, este prebe, os berberechos, os pementos de piquillo cortados en aros; dámoslle un fervedela duns minutos para que se faga o peixe e servímolo quente empoado con perexil picado e fresco

 

 

Comensais: 4                                                Tempo: 20 minutos

 

Torta de mazá e crema de améndoas

 

Ingredientes:

Para a base:

  • 340g de fariña triga
  • 170g de manteiga sen sal
  • 170g de azucre
  • 4 ovos, as claras
  • 1-2 culleradas de auga fría
  • 1 chisco de sal

Para o crema de améndoas:

  • 250g améndoas moídas
  • 200g de manteiga sen sal
  • 150 g de azucre
  • 60 g de fariña triga
  • 4 ovos, as xemas
  • 2 culleradas de nata de montar

Para o recheo de mazá:

  • 4 mazás
  • 20g de manteiga
  • 3 culleradas de azucre
  • 4 mazás máis

Preparación:

  1. En primeiras acendémolo forno a 200ºC para que vaia quecendo.
  2. Facémo-la base mesturando nunha cunca a fariña coa manteiga fría cortada en liscos pequenos, o azucre, mailas claras e o sal; mesturámolo todo esmagándoo entre as palmas das mans ata ter unha masa homoxénea pero non moi traballada engadíndolle a auga  entrementres a amasamos.
  3. Pisamos a masa ata deixala duns 2-3 cm de groso, deste xeito arrefría mellor, envolvémola en filme transparente e deixámola na neveira arrefriando coma uns 30-40 minutos.
  4. Entrementres arrefría, facémo-la crema de eméndoas e para iso mesturamos nunha cunca, coa axuda das variñas de man, tódolos ingredientes da mesma e reservámola.
  5. Entrementres tamén, facémo-lo recheo de mazá: pelámo-las mazás, sacámoslles as pebidas e nunha cazarola facemos unha compota xunto co azucre e a manteiga. Reservámola
  6. Pelámolas outras 4 sacámoslles as pebidas e cortámolas en medias lúas. Reservámolas.
  7. Montámola torta e para iso sacámola masa da neveira, partímola cun coitelo en dúas partes deixando unha delas un pouco máis grande que a outra e estriámolas co rolete ata deixalas delgadiñas, duns 2 mm de groso.
  8. Cubrimos coa parte máis grande o fondo mailas paredes dun molde redondo, desmontable, engraxado e enfariñado; recortamos o sobrante. Dentro do molde botamos a crema de améndoas ben repartida,; logo repartimos a compota ó redor facendo unha coroa e arrombámolas lúas de mazá cubrindo toda a torta de xeito radial. Tapamos todo coa outra masa que tiñamos estirada e recortamos o que sobra polo redor.
  9. Por último, metémola ó forno polo decurso duns 40 minutos ata que doure.
  10. Logo diso quitámola do forno e cando amorne sacámola do molde e empoámola con azucre moído.

Nota:

  • Se tés ocasión e dispós de nata caseira, obtida de ferver ó leite, podes empregala; é moito máis sabedeira que a nata industrial.

 

 

Tempo: 90 minutos                                                  Comensais: 6 ou máis

Peixe sapo con salsa de ourizos

 

Ingredientes:

 

  • 1 Kg de peixe sapo (a cola coa espiña)
  • 5 ourizos de mar
  • 1 cebola mediana
  • 50 ml de viño branco
  • 200 ml de caldo de peixe
  • 100 ml de nata
  • Aceite
  • Sal

 

Preparación        

 

  1. Cortámo-la cola do peixe sapo en rodas e salgámolas e enfariñámolas.
  2. Facémolas nunha tixola cun chisco de aceite á prancha para que douren por fora pero queden crúas por dentro. Reservámolas nunha pota ampla e baixa
  3. Logo, na mesma tixola e botando algo máis de aceite amolecémo-la cebola picada durante uns 5 minutos a fogo maino sen que se queime, para evitalo engadímoslle o viño branco cando estea a medio amolecer
  4. Entrementres abrímolos ourizos , sacámoslle a carne e reservamos tamén o celme interior.
  5. Cando a cebola estea brandiña engadímoslle a carne dos ourizos mailo zume e refogámolos; logo engadímoslle o caldo e deixamos cocer un uns 10 minutos máis. Logo diso triturámolo co batedor, engadímoslle a nata e deixamos que se fagan xuntos a fogo maino durante uns minutos.
  6. Metemos agora o peixe sapo reservado, dámoslle un fervedela duns 3 minutos e servímolo quente.

 

 

Comensais: 4                                                Tempo: 20 minutos

 

Pudin de pescada

 

Ingredientes

  • 400 g de pescada conxelada ou fresca
  • 150 g de gambas peladas
  • 1 allo porro
  • 1g cebola
  • 1 vaso de pan esfaragullado
  • 4 ovos
  • 150 g de nata líquida de cociñar
  • 70 g de tomate fritido
  • Pementa branca
  • Maionesa ou salsa rosa
  • Manteiga e pan relado
  • Sal

 

Preparación:

  1. En primeiras desconxelámo-la pescada mailas gambas
  2. Pomos as faragullas de pan a mollo coa nata, cando estea escoámolas e reservámolas.
  3. Acendémolo forno a 180ºC para que vaia quecendo.
  4. Nunha cazarola con auga e sal pomos a coce-la cebola mialo allo porro e logo de 5 minutos metémo-la pescada; cando ferva de novo apagámo-lo lume, deixamos un minuto máis e sacámo-la pescada; tirámoslle a pel mailas arganas e esmiuzámo-la en anacos non moi pequenos.
  5. Batemos co batedoiro eléctrico os ovos e a nata; engadímoslle o peixe esmigallado, as gambas crúas picadas, o tomate fritido, as migas de pan remolladas, a pementa branca e mesturamos a man. Probámolo de sal e salgámolo se fose preciso.
  6. Botámolo todo nun molde de pastelería alongado engraxado e empoado con pan relado.
  7. Metémolo no forno ó baño maría polo decurso duns 50 minutos a media altura. Antes de sacalo, probamos que está feito picando cunha agulla ou cun palillo; se sae limpa xa está.
  8. Deixámolo arrefriar ben antes de sacalo do molde.
  9. Servímolo pondo no prato unha rebanda de pastel acompañado con maionesa e unha ramiña de perexil para adornar.

 

Notas:

  1. Tamén sae moi bo con moito recendo a mar, se trocamos as gambas por ourizos de mar.
  2. Podemos facelo en moldes individuais e presentalos decoralos cunha gamba salteada por riba
  3. Gardámo-lo caldo de coce-la pescada para empregalo en calquera outra receita.

 

Tempo: 60 minutos                                                                        Comensais: 4-6

 

 

Pasta “Choux”

 

 Ingredientes:

  • 150g de fariña de trigo coada
  • 200ml de auga
  • 4 ovos grandes (L)
  • 90g de manteiga do leite sen sal
  • 1 culler de azucre
  • 1 chisco de sal

 

Descrición:

  1. Botamos nunha pota a auga, a manteiga, a manteiga, o azucre mailo sal e pómolo a ferver ata que se desfaga a manteiga e comece a ferver.
  2. Cando comece a ferver baixamos o lume, engadímo-la fariña dun golpe e de seguido remexémolo cunha culler de madeira ata que se mesture toda. Uns 5 minutos.
  3. Afastamos do lume pero seguimos traballando a masa ata que estea ben mesturada, compacta e homoxénea. Vén sendo 1-2 minutos.
  4. Deixamos amornar  a masa antes de engadir os ovos.
  5. Engadimos o primeiro ovo e mesturámolo ben na masa axudados pola culler de pau. Cando estea ben integrado engadímolo seguinte e mesturamos e así ata ter incorporados os 4 ovos.
  6. Traballámola ben ata obter unha masa homoxénea compacta e cremosa.
  7. A pasta “choux” xa está feita só resta empregala

 

 

Notas:

  • Segundo en que a vaiamos a empregar podemos engadirlle máis ou menos azucre ou sen el só con sal para facer recheos de verduras con queixo ou sen el, mariscos ou carnes.
  • Con azucre podemos facer boliños de vento fritidos ou ó forno, recheos de chocolate, crema pasteleira, nata montada, marmelada, “mousse” de turrón; cubertos con chocolate ou azucre moído ou sen moer.
  • A primeira receita coñecida de unha masa para boliños foi recollida Marcus Gavius Apicius  na súa obra De re coquinaria.

 

Tempo: 30 minutos

Fabas brancas con luras

 

Ingredientes:

  • 300g de fabas brancas
  • 12 luras pequenas
  • 2 cebolas
  • 1 porro
  • 1 dente de allo
  • 3 culleres de prebe de tomate
  • 1 culler de pemento
  • Aceite
  • Sal

 

Descrición:

  1. Limpa-las fabas e deixalas a remollo en auga fría de véspera.
  2. Botalas nunha pota con ½ cebola, o porro, o allo mailo sal e 1 ½  de auga fría.
  3. Pola a cocer polo decurso de 2 horas a fogo medio, “asustándoas” de cando en vez; é dicir botarlles un pouco de auga fría para que paren de ferver.
  4. Namentres se fan as fabas preparamos as luras.
  5. Limpámo-las luras sacándolles a pel, as tripas a pluma que teñen, dámoslles a volta e metémoslle dentro os tentáculos da cabeza.
  6. Nunha tixola con 6 culleres de aceite amolecemos a cebola restante picada en anacos pequenos cun chisco de sal e tapada cun testo para que non seque e non se torre a cebola.
  7. Cando estea branda engadimos  as luras, as culleres de tomate e o pemento e deixamos facer ata que as luras espeten ben; é dicir estean feitas. Sempre tapadas co testo.
  8. Cando as fabas estean xa cocidas sacamos a cebola mailo porro e engadímoslles as luras coa súa cebola
  9. Remexemos un chisco de vagar e deixamos repousar uns 20 minutos antes de servilo nos pratos.

 

Tempo: 90 minutos

Comensais: 4 persoas

Patacas con ameixas


Ingredientes:

  • 700g de patacas
  • 350g de ameixas
  • 1 cebola
  • 1 tomate maduro
  • 1 pemento vermello seco
  • 1 porro (só o branco)
  • 2 dentes de allo
  • 4 pólas de perexil
  • 1/2 vaso de viño branco
  • 1 folla de loureiro
  • Aceite
  • Sal
  • Fariña e ovo para rebozar

Descrición:

  1. Amolecémo-lo pemento seco limpo e sen pebidas en auga quente durante 1 hora. Logo disto raspámoslle a carne e reservámola
  2. Picámo-la cebola, o porro mailo allo miúdos e pómolos nunha tixola con aceite para que amolezan a fogo baixo. Logo imos engadindo a carne do pemento e o tomate pelado e sen semente. Deixamos que se faga todo ben.
  3. Namentres, pelámo-las patacas e facemos lasca delgadas como de 5 milímetros.
  4. Rebozamos as lascas de pataca en fariña e ovo e fritímolas en abondoso aceite.
  5. Abrimos as ameixas nunha pota a fogo forte cun chisco de viño branco e a folla de loureiro. Reservamos as ameixas maila auga que soltaron, coada.
  6. Pómo-las patacas fritidas estendidas nunha pota ampla, botámoslle a fritada de verdura, a auga das ameixas, se cómpre engadimos auga quente ata cubrilas, e pómolas a coceren polo decurso de 15 minutos.
  7. Cando queden 5 minutos de coceren as patacas engadímo-las ameixas, repartíndoas pola pota, e esparexemos o perexil picado por riba.
  8. Deixamos repousar 5 minutos e servímolas quentes

 

Tempo: 40 minutos

Comensais: 4 persoas

Bocadiño de xamón e verduras

 

Ingredientes:

  • 4 rodas de berenxena
  • 4 rodas de cabaciño
  • 4  rodas de tomate
  • 2 lascas de queixo
  • 4 panciños pequenos
  • 4 lascas de xamón
  • Aceite de oliva
  • Sal

 

Descrición:

  1. Salgámo-las rodas de berenxena, cabaciño e o tomate, sen pebidas, e facémolas á prancha, ben nunha tixola ou ben nunha prancha de cociñar cun chisco de aceite. Primeiro facemos polas dúas caras a berenxena mailo cabaciño e deixamos o tomate para ó final.
  2. Cortámo-lo pan ó longo pola metade e torrámolo un chisco, non moito só para que trisque un pouco ó mordelo, pomos primeiro as verduras quentes, por riba media lasca de queixo e por riba de todo unha lasca de xamón.
  3. Tapamos coa outra metade de pan deixando que se vexa por fora o que vai dentro do pan.

 

Nota:

  • Podémolo presentar tamén sobre medio pan torrado espetado cun pauciño

 

 

Tempo: 15 minutos

Tapas: 4

Roliños de cabaciño, xamón e gulas

 

Ingredientes:

  • 1 cabaciño
  • 12 medias lascas de xamón
  • 150 g de gulas
  • 1 dente de allo
  • 12 rebandadas de pan
  • 1 cebola
  • 1 culleriña de azucre
  • Fariña
  • Ovo
  • Aceite
  • Sal

 

Descrición:

  1. Se o cabaciño é tenro non o pelamos e cortámolo en tres anacos iguais ó través. Cortamos logo os  anacos cunha mandolina, tomando só as 4 lascas centrais; en total 12 lascas.
  2. Salgámo-las lascas, envolvémolas en fariña e ovo batido e fritímolas en abondoso aceite quente. Logo de fritir escorrémolas en papel de cociña para sacarlles o aceite.
  3. Nunha tixola con dúas culleres de aceite botamos o allo picado miúdo e cando empece a dourar engadimos as gulas que imos facendo durante uns 2 minutos sen deixar de remexer.
  4. Sobre as lascas de cabaciño  pomos as medias lascas de xamón e as gulas repartidas e facemos rolos. Reservamos.
  5. Cortámo-la cebola en medías lúas e acaramelámola a fogo suave nunha tixola con aceite, sal e azucre.
  6. Pomos estes rolos, espetados cun pauciño para que non se desfagan,  sobre as rebandadas de pan lixeiramente torradas e botamos por riba un pouco de cebola acaramelada.

 

Nota:

  • Para que o cabaciño non colla tanto aceite podes facelo a prancha nunha tixola cun chisco de aceite en troques de rebozalo.
  • En troques da cebola acaramelada podes pór enriba un chisco de marmelada de froitos vermellos coma amorodos, arandos ou framboesas.
  • En troques de xamón podes empregar lascas de pa curada, que sae más arranxado de prezo.

 

 

Tempo: 15 minutos

Tapas: 12