Alcachofas recheas con champiñóns, paté e ovos de paspallás
Ingredientes:
- 12 alcachofas frescas
- 100 g de champiñóns
- 50 g de cebola tenra
- 1 dente de allo
- 30 g de paté
- 12 ovos de paspallás
- 20 g de queixo relado
- 1 grolo de vinagre
- Perexil
- Pementa negra moída
- Aceite de oliva e sal
Para o bechamel:
- 20 g de fariña
- 15 g de manteiga
- 250 ml de leite gordo
Preparación:
- Acendémolo forno a 180ºC para que vaia quecendo.
- Lavámolas alcachofas, sacámoslle o pé e asámolas no forno polo decurso unha hora.
- Entrementres, picámolos champiñóns en anacos miúdos e refogámolos xunto coa cebola e o allo, picados, nunha tixola con aceite. Cando estean pómolos no seu punto de sal e pementa e reservámolos.
- Mentres tamén, facemos o bechamel e para iso desfacémo-la manteiga nunha cazarola; despois, botamos a fariña que cociñamos durante uns 2-3 minutos para sacarlle o gusto a fariña crúa; logo diso, engadímo-lo leite quente e remexemos deseguido coas variñas de man, a fogo medio durante uns 3 minutos, ata que espese. Pómolo no seu punto de sal. Ten que ficar algo lixeira.
- Logo de ter asadas as alcachofas, sacámoslle as follas duras, cortámoslle a cabeza case pola metade, baleirámo-lo corazón cunha culleriña e dámoslle un pequeno corte na base para que se teñan en pé.
- Reenchémolas cos champiñóns reservados e por enriba pomos algo de paté.
- Agora escalfámo-los ovos de paspallás e para iso pomos ó lume forte unha cazarola cun dedo e medio de auga co grolo de vinagre e cando ferva con forza botamos no centro cadanseu ovo cascado e cando a clara este callada por fora afastámolos.
- Pómo-los ovos escalfados en cadansúa alcachofa; por último cubrímolas co bechamel e empoámolas co queixo relado.
- Metémolas ó forno a grellar durante uns 5 minutos ata que colla algo de cor dourada
- Servímolas en pratos chairos decoradas con folliñas de perexil.
Nota:
- Os ovos de paspallás tamén os podes pór fritidos.
- Os pés das alcachofas pelámolos e gardámolos para outra ocasión
Tempo: 80 minutos Comensais: 4
Etiquetas: alcachofas, allo, bechamel, cebola tenra, champiñóns, fariña, leite gordo, manteiga, ovo de paspallás, paté, pementa moida, perexil, queixo relado, vinagre
Bacallau con prebe de champiñóns e queixo
Ingredientes:
- 4 lombos de bacallau desalgado
- 300g. de champiñóns
- 2 culleradas de fariña de millo (Maicena)
- 3 dentes de allo
- 100 gr. de queixo relado
- Aceite de oliva
- Sal
Descrición:
- Fervémolo bacallau en auga 3 minutos, só cubrindo lixeiramente as talladas. Reservamos as talladas por unha banda e pola outra a auga de coceren.
- Facémo-lo prebe: Para iso facemos nunha tixola con 4 culleres de aceite os champiñóns mailos allos laminados ata que perdan a auga de constitución.
- Engadimos logo as 2 culleres de fariña e removemos ata que a fariña mesture co aceite e se faga un chisco.
- Logo disto engadímo-la auga de cocérmo-lo bacallau e deixámolo facer ata que espese o prebe. Se cómpre hai que botar máis ou menos auga reservada ou deixar reducir ata que teña a consistencia axeitada. Axustámolo de sal. Podes triturar parte ou todo este preparado.
- Nunha bandexa, das de levar ó forno, pómo-las talladas de bacallau regadas co prebe e empoadas co queixo relado e metémolo ó forno aquecido a 180º C e coa grella acendida polo decurso de 10 minutos para gratinalo.
- Servímolo quente.
Tempo: 30 minutos Comensais: 4 persoas
Posted by Crisanto under Caldos, cocidos e verduras, Cociña galega
Comentarios desactivados en Canelóns de filloas con verduras e carne
Canelóns de filloas con verduras e carne
Ingredientes:
Para as filloas
- 100 g de fariña
- 250 ml de leite
- 1 cullerada de manteiga
- 2 ovos
- Sal
Para o recheo:
- 2 cabaciños
- 2 cebolas
- 1 pemento vermello
- 2 pementos verdes
- 2 cenorias
- 100 g de espárragos trigueiros
- 100 g de cogomelos
- 5 culleradas (50 ml) de aceite de oliva
- 1 vaso de viño branco do país
- 300 g de carne picada
- Queixo relado
- Sal
Para o bechamel:
- 125 g. de manteiga de leite
- 125 g de fariña
- 1 litro de leite
- Noz moscada e pementa
Descrición:
Facémo-las filloas
1. Batémo-los ovos maila fariña, a manteiga, o leite e o sal, mesturándoo todo ben coa axuda dun batedoiro.
2. Engraxamos unha tixola quente cun pouco de manteiga ou touciño e engadimos e o mesmo tempo, movendo a tixola, imos repartindo unha ou dúas culleradas da mestura.
3. Fritímolas como unha torta, canto máis delgadiña mellor, dándolle a volta para que se doure polos dous lados.
4. Deste xeito facemos ata 12 filloas que reservamos.
Facémo-lo bechamel:
- Derretémola manteiga e logo engadímoslle a fariña e remexemos ben ata que se desapegue das paredes. Non deixar torrar a fariña.
- Logo disto engadímoslle o leite fervendo e remexemos todo a fondo para que non queden grumos. É mais doado se neste intre metedes a batedoiro eléctrico, deste xeito a masa queda moito mais fina. Engadímoslle tamén un chisco de noz moscada e pementa para recender. Deixade que coza ben (3 minutos). Reservámolo
Facémo-lo recheo:
- Picamos miudiño tódalas verduras e pómolas a facer ó lume baixo nunha tixola co aceite.
- Á medio facer engadimos o vaso de viño e deixamos facer ata que estea todo brando e reduza.
- Engadímo-la carne picada e seguimos cociñando ata que a carne quede feita e mesturada coa verdura.
- Engadimos, para ligala farsa, unha cuarta parte do bechamel que fixemos . Reservámolo
Facémo-los canelóns:
1. Estendémo-las filloas e pomos nelas unhas culleradas do recheo, logo enrolámolas e cun coitelo cortámolos extremos ata que apareza o recheo polos bordos.
2. Colocámo-los canelóns feitos coas filloas no fondo dunha bandexa e cubrímolo co bechamel e empoamos con queixo relado.
3. Metémolo ó forno quente a 180 ºC (posición de grellado) ata que a parte darriba fique dourada.
4. Sacámo-los canelóns do forno e servímolos quentes.
Tempo: 60 minutos
Comensais: 4
Etiquetas: aceite, cabaciño, carne picada, cebola, cenoria, Cogomelos, espárragos, fariña, leite, manteiga, noz moscada, ovo, pementos, queixo relado, viño branco