Pastel de bonito

Ingredientes:
• 300g. de bonito do norte (Thunnus alalunga)
• 4 pementos do piquillo
• 5 culleradas de tomate fritido
• 4 ovos
• 100ml. de nata líquida
• ½ parte branca dun allo porro
• ½ cebola nova
• Manteiga e pan relado
• Pementa branca
• Aceite de oliva e sal
Para a maionesa
• 1 ovo
• 200 ml de aceite de mirasol
• ½ Limón (o zume)
• sal
Para o prebe rosa
• Maionesa
• 2 culleradasde zume de  laranxa
• 1 cullerada de ketchup
• 1 cullerada de brandy

Preparación:
1. Cocémo-lo bonito en auga con sal polo decurso de ½ hora. Sacámolo, arrefriámolo e logo de limpalo, esmigallámolo. Tamén podemos facelo con conserva de bonito en aceite.
2. Picámo-la cebola mailo allo porro e amolecémolos, a fogo maino, ata dourar, sen torralo, nunha tixola con aceite. Logo disto engadímo-los pementos, triturámolos, arrefriámolos e reservámolos.
3. Batémo-los ovos e mesturamos nunha cunca fonda coa nata, o bonito, o tomate fritido, un chisco de pementa branca e o triturado de cebola e pementos.
4. Untamos un molde rectangular con manteiga e empoámolo con pan relado.
5. Vertemos todo dentro do molde e metémolo ó forno xa quentado a 180ºC ó baño maría polo decurso de 90 minuto,s a media altura. Probamos se está feito, picando cunha agulla, se sae limpa xa o está. Deixámolo arrefriar ben antes de sacalo do molde.
6. Facémo-la maionesa botando no vaso do batedoiro eléctrico, o ovo mailo zume de limón, uns 100 ml de aceite e un chisco de sal; batémolo coas coitelas, sen mover o batedoiro do fondo e cando comece a ligar xa podemos move-lo batedoiro darriba abaixo e mentres seguimos batendo imos engadindo aceite ós poucos e de seguido ata o espesor axeitado. Rectificamos de sal se o precisa..
7. Facémo-lo prebe rosa tomando a metade da maionesa feita e engadíndolle o zume de laranxa, o brandy mailo ketchup.
8. Cortámolo en rebandadas e servímolo frío acompañado cos dous prebes.
9. Tamén o podemos servir quente acompañado cunha salsa coma esta:
Nunha tixola con aceite Amolecemos 1 cebola, un dente de allo e 200 g de pementos verdes, engadíndolle logo cando estean brandos 5 pementos de piquillo. Botámoslle logo un vaso de caldo de peixe e cociñamos ata que espese un chisco. Triturámolo todo e coámolo co chino. Pomos no seu punto de sal.
Tempo: 1 ½ hora
Comensais: 4 ou máis