Ingredientes:

* 4 talladas de bacallau salgado

* 200 g de ameixas

* 12 Camaróns

* ½  cebola

* ½ pemento verde

* 1 tomate maduro

* 50 g touciño febra pouco curado

* ½ vaso de viño branco galego

* 100 ml de caldo de peixe

* Pemento doce

* 2 dentes de allo

* 1 culler de fariña

* Unhas pólas de perexil

Descrición:

  1. Picamos miúdo a cebola, o pemento, o tomate sen pel nin pebidas mailos allos e pómolos nunha pota de barro con 3 culleres de aceite e deixámolos amolecer. A pota de barro ten que ser non moi alta e ampla para que caiban as talladas.
  2. Cando a cebola estea branda, afastamos do lume se está moi quente, e engadimos pemento doce, cunha culler de sobremesa teremos dabondo, tendo coidado que non se queime.
  3. Engadimos a culler de fariña, revolvemos ben e deixamos facerse un pouco; logo disto engadimos o caldo de peixe, o viño branco, o touciño cortado en anacos e unha culler de perexil picado.
  4. Deixamos coce-la salsa ata que engorde e remexendo para que non se apegue.
  5. Nun pota aparte abrímo-las ameixas e engadímo-lo caldo que solten á salsa. Neste intre probámo-la salsa e salgamos se for necesario. Ollo co sal pois o touciño e o caldo das ameixas son salgados.
  6. Engadímo-lo bacallau, as ameixas mailos camaróns, e cando rompa a ferver de seguido apagámo-la placa, esparexemos perexil picado por riba, tapamos e deixamos repousar enriba da placa ata que estea a temperatura de servilo (uns 10-15 minutos).

Notas:

  • Podemos empregar para este prato bacallau fresco e farémo-lo  caldo de peixe co pel, a espiña e outro anaco dun peixe máis corrente.
  • Esta receita fíxena con viño branco galego da bisbarra de Monterrei concretamente con viño do meu amigo Lolo pero podedes empregar calquera outro viño branco.
  • Se non tedes a man touciño de febra podedes empregar xamón, aínda que esta salsa leva touciño e non xamón.
  • E se non tedes camaróns ponde lagostinos ou outro marisco que teñades máis a man.

Tempo: 1 hora

Comensais: 4