Entries tagged with “pemento seco”.


Pote de bacallau

Ingredientes: 4 persoas

* 600 g de lombos de bacallau

* 5 patacas medianas

* 2 pementos verdes

* ½ pemento vermello

* 2 cebolas vermellas

* 2 pementos secos ou pemento doce

* 2 dentes de allo

* Caldo de bacallau

* Aceite de oliva

* Sal

Descrición:

  1. Desalgámo-lo bacallau en auga  48 horas cambiando a auga cada 8 horas. Sacámoslle a pel, cortámolo en anacos medianos e reservámolo.
  2. Facemos un caldo de bacallau coa pel, arganas, colas e outras sobras de bacallau mais unha cebola, porro e cenoria.
  3. Pomos a remollo os pementos secos en auga quente e reservámolo miolo despois de sacarllo rascando cun coitelo.
  4. Nunha pota de tamaño medio con uns 50 ml de aceite botamos a cebola, os pementos mailos dentes de allo picado todo miúdo e deixamos que se fagan ata que estean brandos. Podemos triturala cebola e os pementos cando xa estean feitos.
  5. Namentres pelamos, limpamos e escachámolas patacas (non as cortamos) en anacos do tamaño dunha noz e cando a verdura estea branda engadímolas a pota e refogámolas uns 5 minutos.
  6. Engadimos o caldo de bacallau quente cubrindo as patacas con 1 dedo de auga ou un pouco máis, ten que quedar só un chisco caldoso, mailo miolo dos pementos secos e deixamos cocer uns 20-30 minutos ata que as patacas empecen a esfarelarse un pouco e engorden o caldo.
  7. Afastámolo do lume e engadímo-lo bacallau.
  8. Deixámolo repousar 10 minutos e arranxámolo de sal antes de servilo quente.

Nota:

  • Podemos empregar outra clase de peixe para facer este prato como xurelo, cabala, atún, bonito, pescada só lle temos que cambiar o nome a receita e pasaría a chamarse “Pote de …”

Xoubas guisadas

Ingredientes:

  • 1 Kg. de xoubas
  • 2 pementos verdes
  • 3 cebolas
  • 2 dentes de allo
  • 2 Kg de patacas
  • Caldo de peixe (de cocer mexillóns, ameixas, etc.)
  • Aceite
  • Sal
  • 2 pementos vermellos secos
  • 1 pola de perexil

Descrición:

  1. Pomos a amolecelos pementos secos en auga quente uns 15-20 minutos; pasado ese tempo sacámoslles o miolo cun coitelo e desfacémolo ben.
  2. Picámola cebola, o pemento verde mailo allo e amolecémolos un pouco nunha tixola con medio vaso aceite. Engadimos cara o final o miolo do pemento e  o perexil picado; pomos a punto de sal.
  3. Nunha bandexa de asar, imos dispondo unha capa de verduras amolecidas e outra capa de patacas cortadas en rodas de medio centímetro de grosas. Salgamos cada capa de patacas que poñamos.
  4. Regámolo todo co caldo de mexillóns ata case cubrir, empoámolo con perexil picado e logo tapalo con papel de aluminio, metémolo no forno quente a 180ºC polo decurso de  20 minutos.
  5. Namentres, limpámolas xoubas, sacándolles as arganas, salgámolas e facémolas un pouco a prancha pola parte da carne nunha tixola ben quente. Reservamos
  6. Logo dos 20 minutos, sacámola bandexa do forno e pomos enriba as xoubas e, agora sen cubrir, metémolo todo no forno outros 5 minutos máis.
  7. Servímolo de contado.

Nota:

  • Ó botarmos o caldo na bandexa hai que andar con ollo de non botar moito, pois o guiso non ten que quedar augaxento aínda que tampouco seco. Ó tapalo con papel de aluminio case que non perdemos auga e só se perde pola que absorben as patacas ó coceren.
  • Se non temos xoubas mercamos sardiñas das máis pequenas que haxa.
  • Se non temos pementos secos substituímolos por unha culler de pemento doce.
  • Un chisco de picante vaille moi ben.

Tempo: 30 minutos

Comensais: 4