Entries tagged with “pemento piquillo”.


Saquiño de morcilla e mazá

 

Ingredientes:

  • 100 g de morcilla
  • 1 mazá reineta
  • Pasta brick
  • Azucre
  • Aceite de oliva
  • Prebe de piquillos
  • Ceboliño

 

Descrición:

  1. Pelámo-la mazá e picámola non moi miúda e amolecémola nunha tixola con aceite.
  2. Mesturámola coa morcilla esmigallada e botámoslle un pouco de azucre
  3. Repartimos a mestura sobre uns anacos cadrados de pasta brick e xuntando as puntas facemos un pequeno saco atándoos con ceboliño
  4. Pómolos nunha bandexa de forno cun chisco de aceite ou manteiga no fondo para que non se apeguen e grellámolos ata que douren un pouco sen que se queimen.
  5. No vaso do batedor botamos 4 pementos de piquillo e 1 culler de aceite, un chisco de auga e sal; batémolo todo e engadimos 2 culleres de aceite máis e mesturamos sen bater.
  6. Presentámolos sacos regados con fíos de prebe de pementos. Servímolos quentes.

 

Nota:

  • Se queres facelo cun toque galego prepara unhas filloas delgadiñas para face-los sacos.

 

 

 

Tempo: 15 minutos

Tapas: 4

Bocadiño de xamón, pemento e queixo

Ingredientes:

  • 4 pementos de piquillo enteiros en lata
  • 4 panciños pequenos
  • 4 lascas de xamón
  • 2 lascas de queixo
  • 1 dente de allo
  • Aceite de oliva
  • Azucre
  • Sal

Descrición:

  1. Dámoslles ós pementos unha voltas polas dúas caras nunha tixola con aceite de oliva cunhas lascas de allo e un chisco de azucre.
  2. Cortámo-lo pan ó longo pola metade, ten que ser pan tenro do día para que trisque ó mordelo.
  3. Pomos enriba da metade de abaixo media lasca de queixo por riba desta o pemento quente para que amoleza e por riba de todo unha lasca de xamón.
  4. Tapamos coa outra metade de pan deixando que se vexa por fora o que vai dentro do pan.

Nota:

  • Se non temos pementos de piquillo podemos empregar pemento vermello pero antes hai que asalo e logo de pelalo darlle unha volta na tixola coma fixemos co piquillo
  • Podémolo presentar tamén sobre medio pan torrado espetado cun pauciño

Tempo: 15 minutos

Tapas: 4

Receita: Montadiño de piquillo, xamón e ovo de paspallás

Ingredientes

  • 4 rebandadas de pan de barra
  • 2 pementos de piquillo asados
  • 4 lascas de xamón ibérico
  • 4 ovos de paspallás
  • Sal
  • Pementa negra
  • Aceite de oliva.

Descrición

  1. Primeiro cortámo-lo pan, torrámolo un pouco, e refregámolo un chisco con allo.
  2. Cortámolos piquillos pola metade ó longo e dámoslles unha volta na tixola con aceite; botámoslles un chisco de sal e outro de azucre ó cociñalos.
  3. Fritímo-los ovos de paspallás. Abrímolos dándolles un golpe seco e forte co fío dun coitelo, primeiro botámolos nunha cunca e logo na tixola cun pouco de aceite de oliva. Botámoslles unha areas de sal e un pouco de pementa negra moída recente
  4. Para montar a tapa pomos o medio pemento enriba do pan torrado, logo a lasca de xamón e enriba deste un ovo de paspallás fritido.

Tempo: 15 minutos

Tapas: 4

Recipe by on.
Microformatting by hRecipe.