Entries tagged with “pementa moida”.


Alcachofas recheas con champiñóns, paté e ovos de paspallás

 

Ingredientes: 

  • 12 alcachofas frescas
  • 100 g de champiñóns
  • 50 g de cebola tenra
  • 1 dente de allo
  • 30 g de paté
  • 12 ovos de paspallás
  • 20 g de queixo relado
  • 1 grolo de vinagre
  • Perexil
  • Pementa negra moída
  • Aceite de oliva e sal

Para o bechamel:

  • 20 g de fariña
  • 15 g de manteiga
  • 250 ml de leite gordo

Preparación:

  1. Acendémolo forno a 180ºC para que vaia quecendo.
  2. Lavámolas alcachofas, sacámoslle o pé e asámolas no forno  polo decurso unha hora.
  3. Entrementres, picámolos champiñóns en anacos miúdos e refogámolos xunto coa cebola e o allo, picados, nunha tixola con aceite. Cando estean pómolos no seu punto de sal e pementa e reservámolos.
  4. Mentres tamén, facemos o bechamel e para iso desfacémo-la manteiga nunha cazarola; despois, botamos a fariña que cociñamos durante uns 2-3 minutos para sacarlle o gusto a fariña crúa; logo diso, engadímo-lo leite quente e remexemos deseguido coas variñas de man, a fogo medio durante uns 3 minutos, ata que espese. Pómolo no seu punto de sal. Ten que ficar algo lixeira.
  5. Logo de ter asadas as alcachofas, sacámoslle as follas duras, cortámoslle a cabeza case pola metade, baleirámo-lo corazón cunha culleriña e dámoslle un pequeno corte na base para que se teñan en pé.
  6. Reenchémolas cos champiñóns reservados e por enriba pomos algo de paté.
  7. Agora escalfámo-los ovos de paspallás e para iso pomos ó lume forte unha cazarola cun dedo e medio de auga co grolo de vinagre e cando ferva con forza botamos no centro cadanseu ovo cascado e cando a clara este callada por fora afastámolos.
  8. Pómo-los ovos escalfados en cadansúa alcachofa; por último cubrímolas co bechamel e empoámolas co queixo relado.
  9. Metémolas ó forno a grellar durante uns 5 minutos ata que colla algo de cor dourada
  10. Servímolas en pratos chairos decoradas con folliñas de perexil.

 

Nota:

  • Os ovos de paspallás tamén os podes pór fritidos.
  • Os pés das alcachofas pelámolos e gardámolos para outra ocasión

 

 

Tempo: 80 minutos                                                         Comensais: 4

Peixe sapo con berberechos

 

Ingredientes:

 

  • 1 Kg de peixe sapo (a cola coa espiña)
  • 400 g de berberechos
  • 4 dentes de allo
  • 100 g de cebola nova
  • 100 g de pemento piquillo asado
  • 50 ml de viño branco
  • 200 ml de caldo de peixe
  • 1 pementa de Caiena
  • 2 culleradas de perexil picado
  • Pementa negra moída
  • Aceite
  • Sal

 

Preparación        

 

  1. Pómo-los berberechos en auga con sal durante unha hora para que solten ben a area.
  2. Logo diso lavámolos e escoámolos. Pomos unha tixola con aceite ó lume e salteamos nela os berberechos que imos afastando segundo vaia abrindo. Reservámo-los berberechos mailo caldo que soltaron.
  3. Cortámo-la cola do peixe sapo en rodas e salgámolas, botámoslle pementa moída e enfariñámolas. Facémolas nunha tixola cun chisco de aceite case á prancha para que douren por fora pero queden crúas por dentro. Reservámolas nunha pota ampla e baixa
  4. Logo, na mesma tixola e botando algo máis de aceite amolecémo-la cebola xunto cos dentes de allo moi picadiños durante uns 5 minutos a fogo maino sen que se queime, cando estea a medio amolecer, engadímoslle o viño branco, o caldo dos berberechos, o caldo de peixe, a pementa de Caiena en anacos miúdos e unha cullerada de perexil picado. Deixamos que se faga e concentre durante uns 10 minutos.
  5. Botamos  sobre o peixe sapo reservado, este prebe, os berberechos, os pementos de piquillo cortados en aros; dámoslle un fervedela duns minutos para que se faga o peixe e servímolo quente empoado con perexil picado e fresco

 

 

Comensais: 4                                                Tempo: 20 minutos