Bacallau ó forno con prebe de mexillóns

 

 

Ingredientes:

·         4 lombos de bacallau (800 g)

·         150 g de gulas

·         3-4 patacas

·         Cebola (uns 300-400g)

·          2 dentes de allo

·         1 pementa de Caiena

·         Perexil picado

·         Aceite de oliva e sal

Para o prebe

·         400 g de mexillóns

·         1 allo porro

·         2 dentes de allo

·         Aceite de oliva e sal

 

Preparación:

  1. Desalgámo-lo bacallau e para iso pómolo a remollo en auga, dentro da neveira, polo decurso de 36 horas cambiándolle de auga cada 9 horas. Logo diso escamámolo sacámoslle as arganas e secámolo ben cun pano de cociña.
  2. Pelámo-las patacas e cortámolas en rebandas duns 5-8 mm de groso e confeitámolas xunto cun dente de allo nunha tixola con aceite dabondo para cubrilas, a uns 80 ºC ata que estean feitas. Isto pode levarche unha ½ hora.
  3. Entrementres, noutra tixola cun chisco de aceite amolecémo-la cebola cortada en xuliana a fogo maino e cun chisco de sal para que amoleza mellor.
  4. Para face-lo prebe de mexillóns primeiro amolecemos nunha tixola con aceite, a fogo maino o allo porro mailos dentes de allo picados miúdos.
  5. Entrementres amolece, limpamos e abrímo-los mexillóns nunha cazarola cun chisco de auga; logo diso sacámoslle a vianda e coámo-lo caldo de coceren.
  6. Cando o allo porro estea brando engadímo-las viandas dos mexillóns, o caldo máis 1 vaso de auga e deixámolos coceren xuntos uns 10-12 minutos; log diso triturámolos co batedor e pasámolo polo coador de arame. Se ficara espeso engadiriámoslle algo mais de auga.
  7. Pómo-las patacas confeitadas nunha bandexa de levar ó forno ou na mesma bandexa do forno, cubrímolas coa cebola, pomos enriba os lombos de bacallau regados cun chisco de aceite. Acendemos só a grella do forno a máxima potencia e metémolo, o máis cerca posible da grella, polo decurso duns 10-15 minutos deixando que doure un chisco por riba o bacallau.
  8. Entanto está o bacallau no forno salteámo-las gulas nunha tixola con aceite un dente de allo e unha pementa de Caiena.
  9. Servímolo en bandexas travesas, pondo nunha banda as patacas coa cebola, na outra o lombo de bacallau coas gulas por enriba e regado todo co prebe de mexillóns. Decorámolo cun chisco de perexil picado

 

Nota:

  • Tamén o podes facer con bacallau fresco skrei
  • Podes mercar o bacallau desalgado que o hai e moi bo.
  • Eu acostumo fritir as patacas e polas na bandexa do forno coa cebola amolecida por enriba, deste xeito as patacas non absorben tanto aceite; ou pólas asadas, no forno con papel de aluminio, abertas pola metade e empoadas con sal en escamas; neste caso cómprenche 4 patacas non moi grandes;1 por comensal.
  • Cando fagas a cama de patacas e cebola para asar o bacallau, tés que cubri-la cama coas talladas ou senón tapar as partes non cubertas con papel de aluminio para que non se torre.

 

Tempo: 60 minutos                                                              Comensais: 4  

(sen contar o tempo de  desalgado)