Entries tagged with “Peixe sapo”.


Peixe sapo con berberechos

 

Ingredientes:

 

  • 1 Kg de peixe sapo (a cola coa espiña)
  • 400 g de berberechos
  • 4 dentes de allo
  • 100 g de cebola nova
  • 100 g de pemento piquillo asado
  • 50 ml de viño branco
  • 200 ml de caldo de peixe
  • 1 pementa de Caiena
  • 2 culleradas de perexil picado
  • Pementa negra moída
  • Aceite
  • Sal

 

Preparación        

 

  1. Pómo-los berberechos en auga con sal durante unha hora para que solten ben a area.
  2. Logo diso lavámolos e escoámolos. Pomos unha tixola con aceite ó lume e salteamos nela os berberechos que imos afastando segundo vaia abrindo. Reservámo-los berberechos mailo caldo que soltaron.
  3. Cortámo-la cola do peixe sapo en rodas e salgámolas, botámoslle pementa moída e enfariñámolas. Facémolas nunha tixola cun chisco de aceite case á prancha para que douren por fora pero queden crúas por dentro. Reservámolas nunha pota ampla e baixa
  4. Logo, na mesma tixola e botando algo máis de aceite amolecémo-la cebola xunto cos dentes de allo moi picadiños durante uns 5 minutos a fogo maino sen que se queime, cando estea a medio amolecer, engadímoslle o viño branco, o caldo dos berberechos, o caldo de peixe, a pementa de Caiena en anacos miúdos e unha cullerada de perexil picado. Deixamos que se faga e concentre durante uns 10 minutos.
  5. Botamos  sobre o peixe sapo reservado, este prebe, os berberechos, os pementos de piquillo cortados en aros; dámoslle un fervedela duns minutos para que se faga o peixe e servímolo quente empoado con perexil picado e fresco

 

 

Comensais: 4                                                Tempo: 20 minutos

Peixe sapo con salsa de ourizos

 

Ingredientes:

 

  • 1 Kg de peixe sapo (a cola coa espiña)
  • 5 ourizos de mar
  • 1 cebola mediana
  • 50 ml de viño branco
  • 200 ml de caldo de peixe
  • 100 ml de nata
  • Aceite
  • Sal

 

Preparación        

 

  1. Cortámo-la cola do peixe sapo en rodas e salgámolas e enfariñámolas.
  2. Facémolas nunha tixola cun chisco de aceite á prancha para que douren por fora pero queden crúas por dentro. Reservámolas nunha pota ampla e baixa
  3. Logo, na mesma tixola e botando algo máis de aceite amolecémo-la cebola picada durante uns 5 minutos a fogo maino sen que se queime, para evitalo engadímoslle o viño branco cando estea a medio amolecer
  4. Entrementres abrímolos ourizos , sacámoslle a carne e reservamos tamén o celme interior.
  5. Cando a cebola estea brandiña engadímoslle a carne dos ourizos mailo zume e refogámolos; logo engadímoslle o caldo e deixamos cocer un uns 10 minutos máis. Logo diso triturámolo co batedor, engadímoslle a nata e deixamos que se fagan xuntos a fogo maino durante uns minutos.
  6. Metemos agora o peixe sapo reservado, dámoslle un fervedela duns 3 minutos e servímolo quente.

 

 

Comensais: 4                                                Tempo: 20 minutos

 

Receita: Arroz á mariñeira

Ingredientes

  • 400 g de arroz bomba
  • 1 cebola
  • ½ pemento vermello
  • 1 pemento verde
  • 1 dente de allo
  • 4 tomates medianos
  • 1 peixe-sapo mediano
  • 150 g de lagostinos pelados
  • 100 g de luras
  • 1 litro de caldo de peixe
  • 2 follas de loureiro
  • 50 ml. de aceite de oliva
  • 1 vaso de viño branco
  • 6 champiñóns pequenos
  • Sal

Descrición

  1. Limpámo-las luras e cortámolas en aneles; limpámo-lo peixe-sapo e cortámolo en anacos do tamaño dunha noz; pelámo-los lagostinos. Reservámo-la parte limpa para botar ó arroz e a cabeza, a espiña do peixe-sapo mailas cascas e cabezas dos lagostinos para face-lo caldo de peixe.
  2. Facemos o caldo de peixe nunha pota con litro e medio de auga mailos restos que reservamos para isto, 1 cenoria, 1 porro, ½ cebola, as follas de loureiro e un bo chorro de aceite.
  3. Lavamos moi ben os champiñóns, secámolos partímolos en cuartos. Reservámolos.
  4. Escaldámo-los tomates, sacámoslles a pel, as pebidas e picámolos miúdo. Reservámolos.
  5. Botámo-los 50 ml. de aceite nunha paella, nunha pota ou nunha tixola ampla e cando o aceite estea quente botámo-lo peixe-sapo para darlle unhas voltas no aceite para selalo e non perda substancia; logo disto sacámolo. Logo facémolo mesmo cos lagostinos que tamén reservamos.
  6. Botamos neste mesmo aceite as verduras limpas e picadas miúdo mailo tomate e deixámolo amolecer a fogo medio polo decurso de 10 minutos tendo coidado que non se nos queime a cebola.
  7. Pasado este tempo engadimos o viño branco e deixamos outro pouco máis para que reduza e perda todo o alcohol.
  8. Neste intre engadímo-los aneles de lura e deixamos que se fagan coa verdura uns 5 minutos mais.
  9. Engadímo-lo arroz e remexemos con coidado para que absorba os sabores da fritura. (2-3 minutos)
  10. Engadímo-lo caldo de peixe ben quente para que ferva de seguido. (3,5 partes de caldo por cada parte de arroz) Pómolo a fogo forte ata que empece a ferver e logo baixámo-lo lume; tapamos para que ferva con pouco lume e non se evapore o caldo. Con 20 minutos é dabondo 11. Cando leve 15 minutos fervendo engadímo-lo peixe-sapo mailos lagostinos, probámolo de sal e engadímoslle caldo ou auga quente se cómpre botarllo.
  11. Toda vez que está cocido deixámolo repousar 10 minutos antes de servilo quente.

Tempo: 40 minutos

Comensais: 4

Recipe by on.
Microformatting by hRecipe.

Receita: Peixe sapo con grelos á galega

Ingredientes

  • 8 rodas de peixe sapo
  • 1 mañuzo de grelos
  • 4 patacas
  • 1 cebola branca
  • 4 dentes de allo
  • 1 póla de perexil
  • 1 culler de pemento doce
  • 100ml (½ vaso) de aceite de oliva
  • Sal

Descrición

  1. Lavámo-los grelos e pómo-los a cocer con auga, sal. Ó romper a ferver cambiámo-la auga e botamos unha pingada de aceite antes de polos a ferver de novo. Se son frescos con 15 minutos teñen de abondo. Logo disto escoámolos e reservámolos.
  2. Nunha pota con auga dabondo e sal botámo-las patacas peladas e cortadas en rodas de 2 cm. de groso, é dicir en cachelos, e pómolas a ferver 15 minutos xunto coa cebola cortada en xuliana, 1 dente de allo mailo perexil.
  3. Pasado este tempo pomos por riba as talladas de peixe sapo e deixámolas facer polo decurso de 5 minutos máis.
  4. Logo disto xa están cociñadas as patacas mailo sapo. Escoamos e botámolo todo nunha bandexa de presentación pondo as patacas por baixo do peixe sapo e os grelos quentes a un lado.
  5. Namentres, facemos un rustrido nunha tixola, botámolo allo picado miúdo no aceite, pómola ó lume tendo conta de non queima-lo allo; afastámo-la tixola do lume e deixamos tempera-lo aceite antes de engadir o pemento doce; remexemos e botamos este rustrido por riba da bandexa.

Tempo: 30 minutos

Comensais: 4

Recipe by on.
Microformatting by hRecipe.