Entries tagged with “peituga de polo”.


Tapa de polo con prebe de iogur e queixo.

Ingredientes

  • 1 peituga de polo

Para o adobo:

  • Pementa negra moída
  • 1/2 culleradiña de pemento picante
  • 1 culleradas de pemento doce
  • 1 culleradiña de ourego
  • Aceite de oliva
  • Sal

Para o prebe de iogur e queixo:

  • 75 g de iogur grego
  • 150 g de crema de queixo (de untar)
  • 1 cebola de ensalada
  • 2 culleradas de ceboliño picado.

Descrición

  1. Facémo-lo prebe de iogur e queixo: Picámo-la cebola moi miudiña e amolecémola nunha tixola cun chisco de aceite cando estea mol engadimos  o ceboliño  miudiño e deixámolo facer un chisco máis. Mesturámolo todo co iogur e a crema de queixo, afastamos do lume e reservamos.
  2. Cortámolas peitugas de polo en tiras.
  3. Nunha cunca engadimos todos os ingredientes do adobo e cubrímolos con aceite de oliva, mesturamos ben, engadimos as tiras de peituga e deixámolas en adobo ó menos 24 horas dentro da neveira ou 4 horas fora dela.
  4. Pasado o tempo de adobo, facémolas nunha tixola á prancha case sen aceite e logo espetámolas tiras de peituga nun espeto de pau facendo un “S”
  5. Para monta-la tapa, pomos o prebe no centro dun prato e os espetos co polo ó redor

Tempo: 15 minutos

Tapas: 6

Recipe by on.
Microformatting by hRecipe.

Receita: Empanadiñas de polo e cogomelos

Ingredientes

Para a masa:

  • 125 ml de aceite (½ vaso)
  • 125 ml de auga (½ vaso)
  • sal
  • fariña a que admita

Para o recheo:

  • 100 g de peituga de polo
  • 100 bandexa de cogomelos
  • 1 cebola branca
  • ¼ de pemento vermello
  • 1 pemento verde
  • 1 dentes de allo
  • 1 chorriño do viño branco
  • Pementa e sal
  • Aceite de oliva

Descrición

  1. Para face-la masa das empanadiñas pómo-la auga mailo aceite e un chisco de sal nunha pota ó lume e cando estea quente que non fervendo retirámola do lume e engadímo-la fariña, pómola de novo ó lume e remexemos forte ata que estea ben ligada. Botamos esta masa no mesado da cociña enfariñado e seguimos engadindo fariña e amasando ata que non se apegue ás mans. Convén deixala algo máis preta do normal para traballala mellor co rodete e ó estirala non se rompa.
  2. Envolvémo-la masa nun film transparente e deixámola repousar nun sitio tépedo 30 minutos.
  3. Logo diso estirámo-la masa co rodete e coa axuda dun corta moldes ou dunha cunca de boca ancha imos facendo as obleas.
  4. Cortamos as peitugas en filetes e dámoslle volta e volta na tixola cunha pingada de aceite para que sexa máis doado picalas en anacos miudiños.
  5. Sazonamos o polo ó gusto cun pouco de pementa e sal.
  6. Picamos a cebolas, os pementos en anacos miúdos e botámolos nunha tixola con aceite quente deixándoos amolecer a fogo baixo ata que collan unha pouca cor pero que non se queimen.
  7. Engadímo-lo polo mailo allo picado moi miúdo e deixamos facer uns minutos remexendo de cando en vez
  8. Picámo-los cogomelos e engadímolos tamén e deixamos que se fagan.
  9. Pasados uns 3 minutos engadimos un chorriño de viño branco e deixamos reducir pero non de todo para que as empanadiñas queden zumarentas.
  10. Deixamos que arrefríe ben antes de por o recheo nas obleas.
  11. Pomos unha cullerada de recheo en cada oblea, pintámo-lo bordo con ovo batido e tapamos con outra oblea premendo a xunta cun garfo para selala.
  12. Fritímolas en abundante aceite de oliva ben quente.
  13. Segundo as empanadiñas estean douradas ímolas sacando do aceite e póndoas sobre un papel absorbente para que escorreguen o aceite.
  14. Servímolas quentes

Notas

  • Se non queres facer a masa das obleas podelas mercar xa feitas en calquera tenda, mais no é o mesmo
  • Podes empregar calquera clase de cogomelos, mellor se son collidos no campo pero os de cultivo non están mal.
  • Podes botar se queres brandy, viño de O Porto ou cervexa. O viño branco da terra de cada quen e unha boa opción.
  • Se as obleas son grandes podes pór máis dunha cullerada de recheo ou dobra-la oblea pola metade. Facer empanadiñas redondas ou de media lúa e cousa de cada quen.
  • Podes tamén facer as empanadiñas ó forno a 175ºC e non fritilas

Tempo: 1,5 horas

Comensais: 6 persoas

Recipe by on.
Microformatting by hRecipe.