Bacallau ó xeito da Coruña

Ingredientes:

  • 250 g de bacallau en migas desalgadas
  • 4 patacas medianas
  • 4 porros ( só a parte branca)
  • 2 dentes de allo
  • 1 culler de pemento doce
  • 1 culler de vinagre
  • Un vasiño de pasas sen pebidas
  • Aceite de oliva

Descrición:

  1. Se non temos o bacallau desalgado pómo-las migas a desalgar en auga fría premendo coas mans para que solten o sal e cambiando de auga cada 30 minutos, así polo decurso de 2 horas.
  2. Limpámo-los porro se cortámolos en anacos duns 2 cm.
  3. Pelamos e lavámo-las patacas, cortámolas en cachelos duns 2 cm. de groso e botámolas nunha pota xunto cos porros, cubrímolas con auga e pómolas a ferver durante 20 minutos, sen ou con pouco sal.
  4. Cando leven fervendo 15 minutos engadimos o bacallau desalgado e deixamos ferver 5 minutos máis. Antes de escoalas, probámolas de sal e rectificamos se fixera falla.
  5. Pasado o tempo escoámo-las patacas mailo bacallau e botámolas nunha bandexa de pór á mesa
  6. Nunha tixola, cunhas 5 culleres de aceite, botámo-los allos, cortados en láminas, e cando empecen a dourar botámo-lo pemento doce, pero antes afastamos a tixola do lume para que non se queime o pemento.
  7. Coa tixola afastada engadimos o vinagre e, logo de remexer ben, regamos con esta mestura a bandexa de patacas e bacallau.
  8. Engadimos tamén as pasas sen pebidas que teremos postas a remollo 1 ou 2 horas antes
  9. Deixamos repousar un pouco e servímolo quente.

Notas:

  • Convén que as migas de bacallau queden un chisco salgadas, pois se quedan sen ningún sal perden a gusto e non son tan gorentosas; é por iso que non lles botamos sal ou botamos pouco ó pór a ferver as patacas e probamos e rectificamos de sal antes de escoa-las.

Tempo: 30 minutos

Comensais: 4