Entries tagged with “ovos”.


Galletas de manteiga ó meu xeito

 

Ingredientes:

  • 700 g de fariña triga
  • 200 g de manteiga de leite abrandada
  • 200 g de azucre
  • 2 ovos
  • 1 cullerada de sobremesa de canela en po
  • 1 cullerada de esencia vainilla
  • O relado dun limón ou laranxa
  • ½ limón, o zume
  • 16 g (un sobre) de lévedo en po (Royal)
  • 1 chisco de sal
  • 1 xema de ovo batida e un pouco de azucre
  • 200 g de améndoas en gran para decorar.

 

Preparación:

  1. Nunha cunca fonda ou nunha amasadora botámo-la fariña, xunto cos outros ingredientes agás a xema batida e as améndoas e amasamos a man ou coa amasadora ata ter unha masa ben integrada.
  2. Logo diso, pómo-la masa, en forma de rolo, nun filme transparente e enrolámolo ata ter unha especie de chourizo duns 7 cm de diámetros que meteremos na neveira primeiro e logo uns 30 minutos no conxelador antes de comezar a corta-las galletas
  3. Acendémo-lo forno a 180 ºC para que vaia quecendo
  4. Sacámoslle o filme transparente a parte do rolo de masa e cun coitelo imos cortando rebandas de entre 7-10 mm e repartíndoas nunha bandexa das do forno cuberta con papel de enfornar ou engraxada, poden caber entre 15 a 20 galletas, deixando espazo entre elas para que non se apeguen.
  5. Antes de metelas ó forno durante 7-10 minutos, pintámolas coa xema batida mesturada cun chisco de auga e esparexémoslle unhas améndoas en gran por enriba.
  6. Entrementres están no forno preparamos outra bandexa para metela no forno ó sacar a primeira e non perder moito tempo esperando a que arrefríe para empregala de novo.
  7. Hai que vixialas cando estean no forno para sacalas cando empecen a dourar

 

Notas:

  • Podes trocar algo de fariña triga por fariña milla e engadir na masa chocolate, ou froitos secos picados.
  • Tamén lle pode facer un pequeno oco no medio e pór nel un arando, ou un chisco de marmelada
  • Para darlle forma as galletas, tamén podes facer bolas do tamaño dunha noz e chafalas un pouco para aplanalas, deste xeito ó non estaren todas iguais aparentan seren máis artesanais.

 

 

Tempo: 40 minutos                                                               Comensais:  varias persoas

Goxúa

 

 

Ingredientes:

Para o biscoito:

  • 150 g. de manteiga de leite en pomada
  • 250g. de azucre
  • 4 ovos + as claras da crema pasteleira
  • 250g de fariña triga
  • 1 sobre de lévedo en po

Para a nata montada:

  • 250 ml de nata de montar
  • 1 cullerada colme de azucre moído

Para a crema pasteleira

  • 4 xemas de ovo
  • 4 culleradas colmes de azucre
  • ½ l de leite gordo
  • 1 casca de limón ó gusto
  • 1 culleradiña de esencia de vainilla
  • 50 g de maicena

 

Preparación:

  1. En primeiras farémo-lo biscoito e para iso acendémo-lo forno a 180ºC para que estea quente cando metámo-lo biscoito
  2. Batémo-la manteiga en pomada xunto co azucre empregando as variñas de batedor eléctrico
  3. Cando estea ben mesturado botámo-los ovos mailas claras e seguimos batendo ata que dobren o seu volume e a mestura estea esponxosa.
  4. Mesturamos a fariña co lévedo e botámola peneirada cun coador de arame sobre a amoado mentres o mesturamos cunha culler, unhas variñas de man ou unha espátula, con movementos envolventes, ata que a mestura estea homoxénea.
  5. Botámo-lo amoado nunha bandexa do forno cuberta con papel de enfornar ou engraxada e enfariñada.
  6. Metémolo molde ó forno durante por uns 10-15 minutos; comprobamos cun espeto de madeira ou cun garfo que está cocido.
  7. Sacámolo do forno e logo de que arrefríe desmoldámolo. E reservámolo.
  8. Entrementres esta no forno montámola nata ben fría, se cadra metémola uns 20-30 minutos no conxelador, coas variñas eléctricas e a medio montar engadímoslle o azucre moído. Reservámola.
  9. Para a crema pasteleira pomos a quentar case todo e leite reservando coma ¼ xunto coa esencia de vainilla e a casca de limón sen que chegue a ferver. Entrementres nunha cunca ampla mesturamos, coas variñas de man, as xemas de ovo co azucre; logo diso botámola maicena, mesturamos coas variñas e engadímo-lo leite reservado e mesturamos ben.
  10. Logo diso vertemos, ós poucos o leite quente, sen a casca mentres seguimos mesturándoo coas variñas.
  11. Botamos agora todo na cazarola de quentar o leite e pómolo á lume medio alto, remexendo deseguido, sen que ferva, ata que a crema espese. Sacámola do lume e reservámola.
  12. Agora imos montar esta sobremesa e para iso collemos unhas copas ou tarteiras pequenas e pomos no fondo unhas culleradas de nata por enriba o biscoito cortado en redondo cun aro, cubrímolo  cunhas culleradas de crema pasteleira que empoamos con bastante azucre en gran e torramos cun soprete.
  13. Servímolo frío.

 

 

Nota:

  • O Goxúa é unha sobremesa tipicamente vasca
  • A crema se a mantemos moito tempo no lume vai espesar máis.
  • Se temos biscoito feito podemos empregalo esmigallado.

 

 

Tempo: 80 minutos                                                   Comensais: 6 persoas

Torta ou flan de pan e queixo

 

Ingredientes:

  • 300 g de pan reseso o miolo
  • 4 ovos tamaño L
  • 125 g de azucre
  • ½ litro de leite gordo
  • 250 g de queixo de untar

Para o caramelo:

  • 100 g de azucre
  • 50 ml de auga
  • Unha chisco de zume de limón

 

 

Preparación:

  1. En primeiras quentámo-lo leite e metemos nel o pan en anacos e deixámolo repousar para que se molle ben.
  2. Entrementres facémo-lo caramelo nun cazo ou nunha tixola cos 100 g de azucre maila auga e, sen remexer, deixamos que doure ata que teña a cor que nos guste.
  3. Logo disto botámolo no molde escollido, redondo, alongado ou mesmo en molde de flan, repartímolo polas paredes e reservámolo.
  4. Antes do seguinte paso acendémolo forno, con fogo arriba e abaixo, a 200 ºC para que vaia quecendo
  5. Pasado o tempo e cando a pan estea frío botamos enriba del o azucre, os ovos mailo queixo e triturámolo, ben co as variñas eléctricas ou ben cun batedor de vaso.
  6. Botamos este amoado no molde e metémolo ó baño maría, dentro dunha bandexa con auga quente, no forno de xeito que fique centrado, por uns 45-50 minutos ata que estea dourado. Probamos cunha agulla de madeira, se o cravala sae limpa é que está a torta cocida.

 

Notas:

  • Podes empregar outros queixos ou mesturas deles: un chisco de queixo azul vaille moi ben se vos gusta que se note o sabor a queixo.

 

 

Tempo: Uns 90 minutos                                                  Comensais: 8 ou mais

Torta ou flan de pan e queixo

 

Ingredientes:

  • 300 g de pan reseso
  • 4 ovos tamaño L
  • 125 g de azucre
  • ½ litro de leite gordo
  • 250 g de queixo de untar

Para o caramelo:

  • 100 g de azucre
  • 50 ml de auga
  • Unha chisco de zume de limón

 

 

Preparación:

  1. En primeiras quentámo-lo leite e metemos nel o pan en anacos e deixámolo repousar para que se molle ben.
  2. Entrementres facémo-lo caramelo nun cazo ou nunha tixola cos 100 g de azucre maila auga e, sen remexer, deixamos que doure ata que teña a cor que nos guste.
  3. Logo disto botámolo no molde escollido, redondo, alongado ou mesmo en molde de flan, repartímolo polas paredes e reservámolo.
  4. Antes do seguinte paso acendémolo forno, con fogo arriba e abaixo, a 190 ºC para que vaia quecendo
  5. Pasado o tempo e cando a pan estea frío botamos enriba del o azucre, os ovos mailo queixo e triturámolo, ben co as variñas eléctricas ou ben cun batedor de vaso.
  6. Botamos este amoado no molde e metémolo ó baño maría, dentro dunha bandexa con auga quente, no forno de xeito que fique centrado, por uns 45 -50 minutos ata que estea dourado e metendo un espeto de pau este saia limpo.

 

Notas:

  • Se o pan e de fogaza de codia grosa, o mellor e empregar só o miolo pero se o pan e de barra e de codia é delgadiña non precisamos sacala.
  • Podes empregar outros queixos ou mesturas deles: un chisco de queixo azul vaille moi ben se vos gusta que se note o sabor a queixo.
  • Se non che apetece o sabor a queixo sácao; podes engadirlle un pauciño de canela e unha casca de limón cando quénte-lo leite ou engadirlle unha culleradiña de esencia de vainilla

 

 

Tempo: Uns 90 minutos                                                  Comensais: 8 ou mais

Torta de queixo ó forno

 

Ingredientes:

  • 500 g de queixo de untar
  • 250 g de nata de montar
  • 200 g de azucre
  • 4 ovos
  • 1 cullerada colme de fariña
  • 1 belisco de sal

 

Preparación:

  1. En primeiras acendémo-lo forno a 200 ºC con calor arriba e abaixo para que vaia quecendo.
  2. Nunha cunca fonda botámo-lo queixo mailo azucre xunto co belisco de sal e mesturámolo coas variñas eléctricas ou de man.
  3. Logo diso, engadímo-los ovos e mesturámolos tamén coas variñas
  4. Agora vertémo-la nata mentres seguimos batendo ata tela ben integrada.
  5. Agora toca engadir a fariña peneirada cun coador de arame e mesturala coas variñas.
  6. Preparamos un molde redondo, desmontable duns 20 cm de diámetro por uns 6 cm de alto e para iso mollamos papel de enfornar e logo de escoalo cubrimos con el o molde, sen furalo para que non escape o amoado.
  7. Botamos agora o amoado no molde e metémolo ó forno quente, de xeito que fique centrada en altura, polo decurso duns  40-45 minutos.
  8. Sacámola torta do forno, verás que treme coma se fora un flan pero é así, e deixámola arrefriar ben antes de desmoldala, primeiro volteámola sobre un prato e despois sobre a bandexa de presentación.
  9. Podes cubrila con marmelada de framboesa ou botar unha cullerada dela sobre a ración ó servila.

 

Nota:

  • Podes servila fría da neveira ou morna, do tempo
  • Se che gusta que saiba máis a queixo bátalle un chisco de queixo azul ou algo de queixo curado ou media curación de cabra ou ovella.

 

Tempo: 1 hora                                                          Comensais: 8 ou máis

Torta larpeira

 

Ingredientes:

Para a masa:

·      400 g de fariña triga de forza

·      100 ml de leite gordo

·      30 g de lévedo de panadaría

·      60 g de azucre

·      2 ovos tamaño L

·      50 ml de anís

·      60 g de manteiga morna en dados

·      1 culleradiña das de té de sal

·      1 limón, o relado

Para a crema pasteleira:

·      1 ovo

·      125 ml de leite gordo

·      35 g de azucre

·      10 g de maicena

·      1 pau de canela

·      1 casca de limón e outra de laranxa

·      1 culleradiña de vainilla ou 10 g de azucre vainillado

Para o xarope:

·      50 ml de auga

·      50 ml de anís

·      50 g de azucre

Para a decoración:

·      50 g de azucre

·      2 culleradas de auga

 

Preparación:

  • En primeiras desfacémo-lo lévedo no leite morno
  • Logo  facémo-la masa e para iso botamos na cunca do robot de cociña tódolos ingredientes agás a manteiga e amasámolo co trebello amasador por uns 5 minutos; logo diso engadímo-la manteiga, botándoa ós poucos para darlle tempo a que a absorba. Cando estea ben amasada pómo-la masa nunha bandexa das do forno, cuberta con papel de enfornar ou engraxada con manteiga, e estendémola de xeito circular coa man aceitada ata deixala duns 2-3 cm de groso.
  • Tapámola cun pano e deixámola levedar por unhas 1,5-2 horas nun sitio tépedo.
  • Entrementres leveda, facémo-la crema pasteleira e para iso mesturamos o ovo mailo azucre e batémolos ben. Por outra banda, afastamos nunha cunca un terzo do leite e nel desfacémo-la maicena; o resto do leite botámolo nun cazo coa canela, a vainilla mailas cascas de limón e laranxa e pómolo a quentar sen que ferva forte para que colla sabor pero non faga tona.
  • Deixamos arrefriar un pouco o leite, sacámoslle as cascas mailo pau de canela e botámolo sobre a mestura de azucre e ovo, mentres remexemos para que non calle o ovo; logo diso botámoslle a maicena co leite e pómolo de novo ó lume remexéndoo de seguido para que non se apegue nin faga grumos. Cando comece a espesar apagámo-lo lume e seguimos batendo un rato pois adoita apegarse se non remexemos. Pasamos a crema a unha cunca e logo de tapala cun filme transparente metémola na neveira a arrefriar ata que teñamos que empregala.
  • Acendémo-lo forno a 180ºC para que vaia quecendo
  • Pasado o tempo de levedado, imos decorar a torta e para iso  pintámo-la masa con ovo batido e cun coitelo ben afiado, facemos na masa uns cortes, duns 2 cm de fondo, ó longo e ó través formando cadrados. Enchemos estes cortes coa crema pasteleira coa axuda dunha manga pasteleira e logo de mesturar o azucre coa auga repartímola por enriba dos cadrados.
  • Metémo-la torta a cocer polo decurso duns 25-35 minutos. Comprobamos cun espeto que estea cocida, se sae limpo é que o está.
  • Entrementres coce, preparámo-lo xarope: mesturamos tódolos ingredientes nun cazo e pómolo ó lume durante uns minutos ata que espese un pouco.
  • Logo de sacala e aínda morna mollámola co xarope preparado
  •  Servímola fría

Notas:

  • Con robot vas tardar uns 8-10 minutos en face-la-la masa pero se o fas a man tés que votar tódolos ingredientes xuntos e tardarías uns 15 minutos.
  • Os cataláns fan a “Coca de San Xoán” que é coma a esta pero decorada con piñóns e guindas

 

 

Tempo: 1 hora                                                                      Comensais: 6-8 persoas

Sen contar o tempo de levedar

 

Torta de mazá e crema de améndoas

 

Ingredientes:

Para a base:

  • 340g de fariña triga
  • 170g de manteiga sen sal
  • 170g de azucre
  • 4 ovos, as claras
  • 1-2 culleradas de auga fría
  • 1 chisco de sal

Para o crema de améndoas:

  • 250g améndoas moídas
  • 200g de manteiga sen sal
  • 150 g de azucre
  • 60 g de fariña triga
  • 4 ovos, as xemas
  • 2 culleradas de nata de montar

Para o recheo de mazá:

  • 4 mazás
  • 20g de manteiga
  • 3 culleradas de azucre
  • 4 mazás máis

Preparación:

  1. En primeiras acendémolo forno a 200ºC para que vaia quecendo.
  2. Facémo-la base mesturando nunha cunca a fariña coa manteiga fría cortada en liscos pequenos, o azucre, mailas claras e o sal; mesturámolo todo esmagándoo entre as palmas das mans ata ter unha masa homoxénea pero non moi traballada engadíndolle a auga  entrementres a amasamos.
  3. Pisamos a masa ata deixala duns 2-3 cm de groso, deste xeito arrefría mellor, envolvémola en filme transparente e deixámola na neveira arrefriando coma uns 30-40 minutos.
  4. Entrementres arrefría, facémo-la crema de eméndoas e para iso mesturamos nunha cunca, coa axuda das variñas de man, tódolos ingredientes da mesma e reservámola.
  5. Entrementres tamén, facémo-lo recheo de mazá: pelámo-las mazás, sacámoslles as pebidas e nunha cazarola facemos unha compota xunto co azucre e a manteiga. Reservámola
  6. Pelámolas outras 4 sacámoslles as pebidas e cortámolas en medias lúas. Reservámolas.
  7. Montámola torta e para iso sacámola masa da neveira, partímola cun coitelo en dúas partes deixando unha delas un pouco máis grande que a outra e estriámolas co rolete ata deixalas delgadiñas, duns 2 mm de groso.
  8. Cubrimos coa parte máis grande o fondo mailas paredes dun molde redondo, desmontable, engraxado e enfariñado; recortamos o sobrante. Dentro do molde botamos a crema de améndoas ben repartida,; logo repartimos a compota ó redor facendo unha coroa e arrombámolas lúas de mazá cubrindo toda a torta de xeito radial. Tapamos todo coa outra masa que tiñamos estirada e recortamos o que sobra polo redor.
  9. Por último, metémola ó forno polo decurso duns 40 minutos ata que doure.
  10. Logo diso quitámola do forno e cando amorne sacámola do molde e empoámola con azucre moído.

Nota:

  • Se tés ocasión e dispós de nata caseira, obtida de ferver ó leite, podes empregala; é moito máis sabedeira que a nata industrial.

 

 

Tempo: 90 minutos                                                  Comensais: 6 ou máis

Pudin de pescada

 

Ingredientes

  • 400 g de pescada conxelada ou fresca
  • 150 g de gambas peladas
  • 1 allo porro
  • 1g cebola
  • 1 vaso de pan esfaragullado
  • 4 ovos
  • 150 g de nata líquida de cociñar
  • 70 g de tomate fritido
  • Pementa branca
  • Maionesa ou salsa rosa
  • Manteiga e pan relado
  • Sal

 

Preparación:

  1. En primeiras desconxelámo-la pescada mailas gambas
  2. Pomos as faragullas de pan a mollo coa nata, cando estea escoámolas e reservámolas.
  3. Acendémolo forno a 180ºC para que vaia quecendo.
  4. Nunha cazarola con auga e sal pomos a coce-la cebola mialo allo porro e logo de 5 minutos metémo-la pescada; cando ferva de novo apagámo-lo lume, deixamos un minuto máis e sacámo-la pescada; tirámoslle a pel mailas arganas e esmiuzámo-la en anacos non moi pequenos.
  5. Batemos co batedoiro eléctrico os ovos e a nata; engadímoslle o peixe esmigallado, as gambas crúas picadas, o tomate fritido, as migas de pan remolladas, a pementa branca e mesturamos a man. Probámolo de sal e salgámolo se fose preciso.
  6. Botámolo todo nun molde de pastelería alongado engraxado e empoado con pan relado.
  7. Metémolo no forno ó baño maría polo decurso duns 50 minutos a media altura. Antes de sacalo, probamos que está feito picando cunha agulla ou cun palillo; se sae limpa xa está.
  8. Deixámolo arrefriar ben antes de sacalo do molde.
  9. Servímolo pondo no prato unha rebanda de pastel acompañado con maionesa e unha ramiña de perexil para adornar.

 

Notas:

  1. Tamén sae moi bo con moito recendo a mar, se trocamos as gambas por ourizos de mar.
  2. Podemos facelo en moldes individuais e presentalos decoralos cunha gamba salteada por riba
  3. Gardámo-lo caldo de coce-la pescada para empregalo en calquera outra receita.

 

Tempo: 60 minutos                                                                        Comensais: 4-6

 

 

Biscoito de chocolate con castañas

 

Ingredientes:

  • 250g. de castañas
  • 175g de chocolate negro
  • 100g. de manteiga de leite
  • 200g. de azucre
  • 100g. de fariña
  • 1/2 sobre de fermento en po (8g)
  • 3 ovos
  • Cacao en po
  • 1 chisco de sal

 

Preparación:

  1. En primeiras acendémo-lo forno a 180ºC para que estea quente cando haxa que meter o biscoito
  2. Rachámo-las castañas cun coitelo ata a metade e cocémolas con auga e sal durante uns 20 minutos. Logo diso pelámolas e reservámolas
  3. Logo de esnacalo chocolate e cortala manteiga en dados, desfacémolos nunha cunca ó baño maría ou no microondas, póndoo os poucos para controlalo, sacándoo e remexéndoo cada vez ata que estea desfeito. Ter ollo co microondas non sexa que queime o chocolate.
  4. Nunha cunca fonda batémolo ovos cun batedor de variñas eléctrico , xunto co azucre, ata que dobre ou triplique o volume. Neste intre engadimos un belisco de sal para potenciar o sabor.
  5. Engadimos entón o chocolate desfeito e morno, mesturando cunha espátula e con movementos envolventes para que non baixe.
  6. Seguimos logo engadindo, os poucos, a fariña mesturada co fermento e coados cun coador de arame ó tempo que imos mesturando coa espátula.
  7. Esnacamos as castaña cocidas en anacos non moi pequenos e engadímolos ó amoado mesturando coa espátula.
  8. Botámo-lo amoado nun molde, mellor desmontable, engraxado e empoado con cacao en po
  9. Metémolo o forno a 180ºC polo decurso duns 25 minutos. Este tempo pode parecer pouco pero este biscoito ten que estar cocido pero ó mesmo tempo húmido.

 

Tempo: 45 minutos                                                   Comensais: 6-8

Torta de castañas e améndoas

 

Ingredientes:

Para a base:

  • 200 g de galletas maría torradas
  • 150 g de manteiga de leite
  • 50 g de fariña de améndoas
  • 1 grolo de brandy

Para o recheo:

  • 4 ovos grandes
  • 4 culleradas de azucre
  • 1 cullerada de azucre vainillado
  • 300 ml de nata líquida
  • 100 g de fariña de castañas
  • 6 ou máis biscoitos de soletilla
  • 1 copiña de brandy
  • 100 g de améndoas picadas e torradas
  • 100 g de castañas cocidas enteiras
  • 10 castañas asadas e cortadas en cuartos
  • Almibre lixeiro (100 ml de auga+50 g de azucre)

 

Preparación:

  1. En primeiras acendémo-lo forno a 180ºC para que vai quecendo
  2. No aparello picador do batedor eléctrico picamos, trituramos por separado as galletas maría, os 50 g de améndoas mailos 100 g de castañas cocidas para deixalas coma fariña.
  3. Nunha cunca mesturámo-las galletas trituradas coa fariña de améndoas maila manteiga abrandada e o grolo de brandy; mesturamos coas mans e cubrimos con esta mestura o forno dun molde redondo, que metemos ó forno durante uns 5 minutos.
  4. Noutra cunca pomos os ovos mailos azucres e batémolos coas variñas eléctricas ata que branquexen e escumen un pouco.
  5. Logo diso engadímoslle a nata, a fariña de castañas, as améndoas picadas os biscoitos de soletilla, máis unha copiña de brandy e mesturámolos ben ata ter un amoado espeso.
  6. Botamos este amoado no molde frío e repartimos por enriba os anacos de castañas tendo coidado que non afundan.
  7. Metémo-lo molde ó forno polo decurso duns 45 minutos ata que a torta estea dourada por arriba.
  8. Quitámola do forno, deixámola arrefriar e pintámola co almibre para que colla brillo.

 

Notas:

  • Se non atopas castañas peladas podes mercalas ó natural, sacarlles a casca de fóra e logo polas nunha tixola a fogo forte ata que poidas afastarlles a pel de dentro.
  • Para facer fariña de castañas coces as castañas peladas o vapor durante uns 30 minutos e logo de secas e frías podes trituralas co aparello do batedor eléctrico.

 

 

Tempo: 90 minutos                                                   Comensais: 6-8