Entries tagged with “olivas negras”.


Ensalada de bonito e patacas

Ingredientes:
• 300g. de bonito fresco (1 roda)
• 300g. de patacas pequenas
• 3 ovos
• 1 cenoria
• 1 cebola verde
• ½ pemento vermello
• ½ pemento verde
• 1 tomate maduro
• Olivas negras
• Vinagre de xerez
• Aceite
• Sal

Preparación:
1. Cocémo-la roda de bonito en auga con sal durante 20 minutos, deixámola arrefriar ma auga e logo de limpalo de peles, sangue e arganas esnacámolo en pedazos un pouco grandes. Reservámolo
2. Lavámo-las patacas e cocémolas enteiras e sen pelar en auga e sal por uns 25 minutos ou más segundo sexan de grandes. Logo de arrefrialas, pelámolas, cortámolas en cuartos ou en rodas se son algo máis grandiñas e reservámolas.
3. Xunto coas patacas cocemos tamén os ovos, picados cun alfinete pola parte gorda para que saia o aire e non rebenten, maila cenoria sen pelar. Os ovos sacámolos logo de coceren 8 minutos e a cenoria logo dos 13. Arrefriámolos.
4. Sacámoslle a casca ós ovos, pelámo-la cenoria e cortámolos en rodas. Reservámolos
5. Cortámo-los pementos, logo de lavalos e sacarlles as sementes, en anacos mediados, duns 2x2cm. Quitámoslle as sementes ó tomate e cortámolo en anacos algo máis pequenos que os pementos. Cortamos a cebola en anacos coma os do tomate. Salgámolo todo e reservámolo.
6. Mesturámolo todo, agás o ovo, nunha cunca fonda e pasámolo a unha bandexa de presentación.
7. Adornámolo cos ovos e as olivas negras e regámolo cunha vinagreta feita con 9 culleradas de aceite de oliva e 3 de vinagre
Notas:
Para esta ensalada empregamos bonito fresco (tunnus alalunga, atún branco) moi saboroso e apreciado pare este tipo de receitas; isto non quita que poidas empregar outra clase de atún, fresco, en aceite ou se che peta en vinagre; neste derradeiro caso ollo logo ó aliñar coa vinagreta.
• Os pementos son dos de asar; neste caso van crus pero podes asalos se non che gustan así.
Tempo: 1 hora
Comensais: 4 persoas

Ovos recheos con atún

Ingredientes:

  • 2 ovos
  • 4 rebandadas de pan
  • 1 lata de atún en aceite
  • 1 cullerada de maionesa
  • 1 cullerada rasa de tomate Ketchup
  • 2 olivas negras sen óso

Descrición:

  1. Cocémo-los ovos 10 minutos dende que botan a ferver, logo de arrefrialos ben pelámolos e partímolos ó longo facendo dúas metades.
  2. Mesturamos a xemas co atún esmiuzado, sen o aceite, e a cullerada de maionesa maila de ketchup.
  3. Con esta mestura enchemos os ovos facendo montón por riba deles; para rematar colocamos enriba dos ovos cadansúa media oliva e adornamos cun fío de maionesa ou ketchup.
  4. Pómolos enriba das rebandadas de pan picados cun pauciño.

Tempo: 15 minutos

Tapas: 4

Receita: Bacallau dourado ou á brás

Ingredientes

  • 300 g. de bacallau desalgado,
  • 2 cebolas
  • 2 follas de loureiro
  • 2 patacas
  • 2 dentes de allo
  • unhas febras de azafrán ou colorante artificial
  • 3 ovos
  • 8 olivas negras sen oso
  • unhas pólas de perexil.
  • Pementa negra moída (recente)
  • Aceite de oliva
  • Sal

Descrición

  1. Cortámo-la cebola mailos allos en xuliana e pómolos a amolecer cuns 50 ml de aceite nunha pota de barro (chan e non moi alta para logo poder meter ó forno), a fogo medio ata que comecen a dourarse un pouco. Engadímoslle tamén as follas de loureiro para que vaia collendo sabor.
  2. Sacamoslle a pel mailas espiñas e cortámo-lo bacallau en lascas cun coitelo ben afiado e reservamos.
  3. Cortámo-las patacas en tiras  moi delgadiñas coma se fora palla, metemolas en auga para que perdan o almidón, escoámolas, secámolas e fritímolas en abondoso aceite de oliva ben quente. Teñen que quedar douradas mais non torradas
  4. Cando teñamos feita a cebola engadímoslle o perexil mailo azafrán e de seguido engadimos o bacallau, remexemos un pouco para mesturar coa cebola e deixamos ó lume uns 2-3  minutos para que se faga o bacallau.
  5. Logo disto engadímo-las patacas fritidas mailas as olivas, revolvemos ben, probamos de sal, salgamos se for necesario e pómoslle un pouco de pementa moída. Neste intre sacamos as follas de loureiro.
  6. Batémo-los ovos e engadímolos por riba e movemos lixeiramente, sen remexer moito, só para callar-lo ovo, e cando comece a callar, quitámola do lume e pasamos ao forno a dourar con grella forte ata que comece a tomar cor lixeiramente dourada.
  7. Esparexemos perexil picado por riba antes de servir

Quick Notes

• En Portugal teñen inventariadas más de 1000 receitas de Bacallau. Esta preparación de bacallau ten moita sona en Portugal.

tempo: 30 minutos

Comensais: 4 persoa

Recipe by on.
Microformatting by hRecipe.