Entries tagged with “noz moscada”.


Albóndegas de pataca e pescada

Ingredientes:

  • 400 g de pescada en filetes
  • 400 g patacas (2 mediadas)
  • 30 g de pan reseso
  • ½ vaso de leite
  • 3 ovos
  • Fariña
  • Perexil
  • Noz moscada
  • Aceite
  • Sal

Descrición:

  1. Pomos a remollo o pan no leite
  2. Cocémo-la pescada en auga con sal polo decurso de uns 5 minutos. Sacámoslle a pel mailas arganas, esmigallámola e reservámola
  3. Pelámo-las patacas, cortámolas en cachelos e cocémolas na mesma auga de cocermos a pescada. Escoámolas e reservámolas xunto cun vaso do caldo.
  4. Cando a pescada mailas patacas estean frías, esmagámo-las patacas mailo pan escorrido, engadimos 2  ovos batidos e mesturamos coa pescada esmigallada.
  5. Alixeirámo-la masa para facelas albóndegas con algo de caldo reservado ata ter a masa axeitada.
  6. Engadímo-lo perexil maila noz moscada e pomos a punto de sal.
  7. Facémo-las albóndegas e logo de pasalas por fariña e ovo, fritímolas en abondoso aceite quente.
  8. Deixámolas escorregar sobre papel de cociña e servímolas quentes acompañadas dunha ensalada de escarola, leituga, etc.

Tempo: 50 minutos

Comensais: 4

Croquetas de bacallau

Ingredientes:

Para a masa:

  • 600 g de bacallau desalgado e esmigallado miúdo
  • 50 g de gambas peladas
  • 125 g de fariña
  • 125 g de manteiga de leite
  • 1 l de leite
  • 1 cebola
  • 1 chisco de pementa negra
  • 1 chisco de noz moscada
  • Sal

Para rebozar e fritir:

  • ½ litro de aceite de oliva
  • Ovos batidos
  • Fariña
  • Pan relado

Descrición:

  1. Picámo-la cebola miudiña e botámola nunha pota coa manteiga e deixámola amolecer sen que tome cor.
  2. Logo disto engadímo-la fariña, a noz moscada maila pementa negra e remexermos para que se mesture ben coa graxa da manteiga.
  3. Agora engadímo-lo leite que teremos fervendo e remexemos de seguido para que se desfaga a fariña e non se formen grumos e nin se apegue.
  4. Botámo-lo bacallau esmigallado mailas gambas picadas e deixamos cocer por uns 5 minutos sen deixar de remexer.
  5. Probamos de sal e se cómpre sálgase un pouco.
  6. Sacámo-la masa da pota e botámola nunha cunca fonda para que arrefríe. Tapámo-la masa cun filme transparente para que non seque por fora e colla codia.
  7. Cando xa estea ben fría facémo-las croquetas que rebozamos en fariña, ovo e pan relado.
  8. Fritímolas croquetas en aceite a fogo forte ata que estean ben douradas
  9. Deixámolas escorrer o aceite sobre papel de cociña e servímolas ben quentes.

Notas:

Hai distintos xeitos de facer as bolas das croquetas:

  1. Cunha culler e coa axuda de outra imos collendo anacos de masa para logo coas mans enfariñadas ir facendo bolas alongadas que envolvemos na fariña, ovo e pan relado.
  2. Outra maneira é botar a masa a arrefriar nunha bandexa  ampla e aceitada de xeito que a masa quede estirada e dun groso de 2-3 cm. e tapando a masa co filme transparente para que non colla codia. Logo bótase a masa enriba dunha mesa enfariñada e coa punta dun coitelo córtase a masa ó través cada 2-3 cm. e ó longo cada 5-6 cm.; deste xeito xa quedan as croquetas feitas e só queda rebozalas con fariña e ovo. A diferenza co método anterior é que as croquetas non quedan redondas senón cuadrangulares.
  3. Por último, tamén se poden facer as croquetas metendo a masa, despois de arrefriada, nunha manga pasteleira con unha boquilla duns3 cm. de diámetro e ir facendo unha corda de masa sobre o mesado enfariñado que logo cortaremos á lonxitude desexada. Só queda rebozalas e fritilas.

Tempo: 2 horas

Comensais: varios

Canelóns de filloas con verduras e carne

 


 

Ingredientes:

 

Para as filloas

  • 100 g de fariña
  • 250 ml de leite
  • 1 cullerada de manteiga
  • 2 ovos
  • Sal

Para o recheo:

  • 2 cabaciños
  • 2 cebolas
  • 1 pemento vermello
  • 2 pementos verdes
  • 2 cenorias
  • 100 g de espárragos trigueiros
  • 100 g de cogomelos
  • 5 culleradas (50 ml) de aceite de oliva
  • 1 vaso de viño branco do país
  • 300 g de carne picada
  • Queixo relado
  • Sal

Para o bechamel:

  • 125 g. de manteiga de leite
  • 125 g de fariña
  • 1 litro de leite
  • Noz moscada e pementa

Descrición:

Facémo-las filloas

1.      Batémo-los ovos maila fariña, a manteiga, o leite e o sal, mesturándoo todo ben coa axuda dun batedoiro.

2.      Engraxamos unha tixola quente cun pouco de manteiga ou touciño e engadimos e o mesmo tempo, movendo a tixola, imos repartindo unha ou dúas culleradas da mestura.

3.       Fritímolas como unha torta, canto máis delgadiña mellor, dándolle a volta para que se doure polos dous lados.

4.       Deste xeito facemos ata 12 filloas que reservamos.

Facémo-lo bechamel:

  1. Derretémola manteiga e logo engadímoslle a fariña e remexemos ben ata que se desapegue das paredes. Non deixar torrar a fariña.
  2. Logo disto engadímoslle o leite fervendo e remexemos todo a fondo para que non queden grumos. É mais doado se neste intre metedes a batedoiro eléctrico, deste xeito a masa queda moito mais fina. Engadímoslle tamén un chisco de noz moscada e pementa para recender. Deixade que coza ben (3 minutos). Reservámolo

Facémo-lo recheo:

  1. Picamos miudiño tódalas verduras e pómolas a facer ó lume baixo nunha tixola co aceite.
  2. Á medio facer engadimos o vaso de viño e deixamos facer ata que estea todo brando e reduza.
  3. Engadímo-la carne picada e seguimos cociñando ata que a carne quede feita e mesturada coa verdura.
  4. Engadimos, para ligala farsa, unha cuarta parte do bechamel que fixemos . Reservámolo

Facémo-los canelóns:

1.      Estendémo-las filloas e pomos nelas unhas culleradas do recheo, logo enrolámolas e cun coitelo cortámolos extremos ata que apareza o recheo polos bordos.

2.      Colocámo-los canelóns feitos coas filloas no fondo dunha bandexa e cubrímolo co bechamel e empoamos con queixo relado.

3.      Metémolo ó forno quente a 180 ºC (posición de grellado) ata que a parte darriba fique dourada.

4.      Sacámo-los canelóns do forno e servímolos quentes.

 

Tempo: 60 minutos

Comensais: 4

Receita: Empanadiñas de bacallau

Ingredientes:

Para a masa:

  • 125 ml de aceite (½ vaso)
  • 125 ml de auga (½ vaso)
  • sal
  • fariña a que admita

Para o recheo:

  • 300 g de bacallau desalgado e esmigallado.
  • 3 porros  (só o branco)
  • 3 culleres de aceite
  • 2 culleres de fariña
  • 150 ml de leite
  • Noz moscada
  • Pementa branca
  • 2 pementos de asados (en tiras)
  • 1 ovo
  • Aceite para fritir
  • Sal

Descrición

  1. Para face-la masa das empanadiñas pómo-la auga mailo aceite e un chisco de sal nunha pota ó lume e cando estea quente que non fervendo retirámola do lume e engadímo-la fariña, pómola de novo ó lume e remexemos forte ata que estea ben ligada. Botamos esta masa no mesado da cociña enfariñado e seguimos engadindo fariña e amasando ata que non se apegue ás mans. Convén deixala algo máis preta do normal para traballala mellor co rodete e ó estirala non se rompa.
  2. Envolvémo-la masa nun film transparente e deixámola repousar nun sitio tépedo 30 minutos.
  3. Logo diso estirámo-la masa co rodete e coa axuda dun corta moldes ou dunha cunca de boca ancha imos facendo as obleas.
  4. Para face-lo recheo picámo-lo porro e amolecémolo nunha tixola con aceite a lume baixo tapándoa cun testo para que non seque ou queime. No caso de que secara engadimos un pouco de caldo de peixe ou auga.
  5. Cando xa estea o porro brando engadímo-la fariña, remexemos para que se mesture ben co aceite.
  6. Engadimos logo as especias mailo leite quente e mesturamos remexendo ben para que absorba o leite e non queden grumos.
  7. Por último engadímo-lo bacallau esmigallado, mesturamos, probamos de sal, salgamos se fai falla e deixamos arrefriar un pouco antes de facer as empanadiñas.
  8. Collemos a metade das obleas e pomos enriba delas unha cullerada do recheo e unha tira de pemento.
  9. Pintámo-los bordos con ovo batido e tapamos con outra oblea e pegámola á debaixo premendo cos dentes dun garfo.
  10. acémo-las empanadiñas fritíndoas en abondoso aceite ben quente ou meténdoas ó forno a 180 ºC polo decurso de 15 minutos, despois de pintalas con ovo batido.

Notas

  • Para facela masa empregaremos sempre a mesma cantidade de auga que de aceite.
  • Podemos mercar tamén as obleas que venden en calquera supermercado, pero non é o mesmo.
  • As empanadiñas que vos sobren podédelas conxelar sen cociñar e así estarán como feitas ese mesmo día.

Tempo: 1 hora

Comensais: 8

Recipe by on.
Microformatting by hRecipe.

Receita: Cunchas de Vieiras cheas de Marisco

Ingredentes

  • 8 Vieiras
  • 8 lagostinos
  • 8 camaróns
  • 4 rodas de pescada
  • 4 rodas de rape

(máis…)

Receita: Sopa de Castañas (2)

Ingredentes

  • 1 carcasa de ave (pavo, polo, pularda, etc)
  • 1/2 Kg de morcillo de vaca
  • 1 óso de cana
  • 1 anaco de touciño magro salgado
  • 2 porros
  • 2 cenorias
  • 1 nabo
  • 300 g de castañas
  • 1 ovo
  • Canela
  • Pementa negra
  • Noz moscada
  • Faragulla de pan
  • Crema do leite

(máis…)