Entries tagged with “nai”.


Gracias quero dar
pola noite e a chuvia
que nos devolven a memoria da nai,
e pola muller
que dá forma á beleza.
Gracias polo sexo
que une nunha soa carne
dúas soidades
e polo soño que nos permite
a viaxe á morte
e o regreso.
Gracias polo vento
que nos fai estraños de nós mesmos
e pola pedra
que aspira a soñar a eternidade.

Gracias quero dar polos nenos
que non coñecen nin a culpa nin a morte,
e pola música,
alma en epifanía trascendida.
Gracias pola luz
que nos devolve o mar nos ollos da amada
e polo aire, vivificante e saudábel.
Gracias pola beleza,
que nos enche e acovarda,
e polo mencer
que nos ofrece a ilusión
da primeira vez.

Gracias
pola xuventude e polos sentidos.
Polo loureiro e o trigo,
polo viño que nos sume
nun transo sen dolor,
pola herba, máis tenaz que o tempo,
e pola arte,
que nos transcende e sobrevive.

Gracias quero dar
polos días que compartes comigo,
pola caricia e polo beixo.

Gracias polo mar, absoluto e poderoso.

Gracias polo silencio e polo verso.

Fonte: BVG

Miña nai como é tan pobre

cando non ten que me dar,

éncheme a cara de bicos

e despois ponse a chorar.

Ay esperta, adorada Galicia,
D’ese sono en q’estás debruzada;
D’o teu rico porvir a alborada
Po-l’o Ceo enxergándose vay.
Xa cantando os teus fillos te chaman,
E c’os brazos en cruz se espreguizan…
Malpocados! O q’eles cobizan
É un bico d’os labios d’a Nay.

Fonte: BVG

Quixera collerte sola
e contarche o meu querer,
pero ti tes unha madre
que non te me deixa ver.

Fonte: archivo Fillos, enviado por José Mario Vidal