Entries tagged with “memoria”.


Gracias quero dar
pola noite e a chuvia
que nos devolven a memoria da nai,
e pola muller
que dá forma á beleza.
Gracias polo sexo
que une nunha soa carne
dúas soidades
e polo soño que nos permite
a viaxe á morte
e o regreso.
Gracias polo vento
que nos fai estraños de nós mesmos
e pola pedra
que aspira a soñar a eternidade.

Gracias quero dar polos nenos
que non coñecen nin a culpa nin a morte,
e pola música,
alma en epifanía trascendida.
Gracias pola luz
que nos devolve o mar nos ollos da amada
e polo aire, vivificante e saudábel.
Gracias pola beleza,
que nos enche e acovarda,
e polo mencer
que nos ofrece a ilusión
da primeira vez.

Gracias
pola xuventude e polos sentidos.
Polo loureiro e o trigo,
polo viño que nos sume
nun transo sen dolor,
pola herba, máis tenaz que o tempo,
e pola arte,
que nos transcende e sobrevive.

Gracias quero dar
polos días que compartes comigo,
pola caricia e polo beixo.

Gracias polo mar, absoluto e poderoso.

Gracias polo silencio e polo verso.

Fonte: BVG

Avós
 

Con eles esvaeuse
o mapa que a memoria
precisa na procura
da dignidade oculta,
nas décadas escuras.
Os meus avós calaron.
Cada día calaron
esa historia ocultada
en que foron vencidos.
Unha historia de morte,
historia de presidio,
de sangue e de fuxidas
ao monte clandestino.
Na nosa estirpe están
eses días de espanto,
todo o que non dixeron,
          agochados no monte,
          medrosos na gamela
          que non salvou a illa,
          que só levou palabras
          atravesando a ría
          no segredo máis longo
          que nunca se revela.
O medo fechou bocas,
os fillos non souberon,
nós non imaxinamos
canta dor frecuentou
os días que estiveron.
Agora interpretamos
aqueles días escuros,
comprendemos, agora,
tanto silencio e actos,
e xa non calaremos.
Na rede halaremos
imaxes do pasado,
cada unha das pezas
deste crebacabezas
que cómpre construír,
para recoñecernos.
Hoxe falamos nós
para que a súa memoria
brille sobre o silencio,
para deixar escrito
que o seu era o camiño,
a palabra máis certa
que trae a luz do día,

tesouro de futuro.

Fonte: BVG