Entries tagged with “mel”.


Mediaslúas ou “croissants” 2

(Receita sinxela)

 

Ingredientes:

  • 550 g de fariña triga
  • 200 ml de leite
  • 25 g de lévedo de panadería
  • 1 ovo “L”
  • 140 g azucre
  • 1 cullerada de mel
  • 1 culleradiña de sal (uns 5 g)
  • 130 g manteiga de leite
  • 1 cullerada de esencia de vainilla
  • 1 ovo para pintar

 

Preparación:

  1. En primeiras imos a activar o levedo e para iso  botámolo esmigallado nunha cunca xunto  cunha cullerada colme de fariña, outra de azucre, mais 100 ml de leite morno e batémolo coas variñas ata que non teña grumos e deixámolo repousar uns 15 minutos.
  2. Pasado este tempo, pómo-lo resto da fariña, mailo sal mesturado, nunha cunca grande e logo de facer un oco no medio, botamos nel o ovo batido, o resto do azucre, o mel, o lévedo o resto do leite morno e mesturamos un pouco; logo diso engadímo-la manteiga derretida e morna, e mesturámolo.
  3. Logo botámo-la mestura no mesado enfariñado e amasámolo ben polo menos10 minutos.
  4. Deixámola levedar, nunha cunca untada de aceite e tapada cun pano de cociña, nun sitio tépedo por unhas 3 horas.
  5. Acendémo-lo forno a 180º C con calor arriba e abaixo e sen ventilador para que vaia quecendo.
  6. Para facer xa as mediaslúas, estirámo-la masa para poder facer un rectángulo duns 20-30 cm de ancho(isto depende do tamaños das mediaslúas) por 5 mm de groso e logo de recortar cun coitelo os bordos, para deixalo deses 20-30 cm, partímolo primeiro pola metade ó longo  e destas metades facemos triángulos duns 6 a 10 cm de base, dependendo do tamaño.
  7. Enrolámo-los triángulos comezando pola parte ancha (estiramos primeiro un pouco as puntas da base) cara a ó vértice oposto e pómolos nunha bandexa do forno cuberto con papel de enfornar curvándoos un pouco para darlles forma de media lúa. Deixámolas repousar uns 30 minutos antes de metelos ó forno, tapadas cun pano de cociña limpo.
  8. Pintámolas con ovo batido e metémolas no segundo nivel do forno, quente, polo decurso duns 15 minutos ou ata que estean douradas.
  9. Logo de sacalas do forno podes empoalas con azucre moído ou darlles brillo con xelatina.

 

Notas:

  • Se a masa ficase un pouco branda botariámoslle máis fariña e se fora ó revés botariámoslle leite ou auga.
  • Estas mediaslúas non saen coma as compradas, é dicir non saen con follado, teñen a forma pero son coma as bolas de leite.

 

 

Tempo: 40 minutos                                                               Comensais: segundo as pezas que saian

 

Mediaslúas ou “croissants”

 

Ingredientes:

  • 500 g de fariña triga  (½ forza + ½ normal)
  • 225ml de leite
  • 25 g de lévedo de pan fresco ou 9 seco
  • 1 ovo “L”
  • 80 g azucre
  • 1 cullerada de mel
  • 1 culleradiña de sal (uns 5 g)
  • 240 g manteiga de leite
  • 25 g de fariña para o empaste
  • 1 ovo para pintar

 

Preparación:

  1. En primeiras, nunha cunca botámo-lo lévedo esmigallado xunto  cunha cullerada colme de fariña, outra de azucre, mais 100 ml de leite morno e batémolo coas variñas ata deixalo sen grumos e deixámolo repousar uns 15 minutos.
  2. Pasado este tempo, pómo-lo resto da fariña, mailo sal mesturado, nunha cunca grande e logo de facer un oco no medio, botamos nel o ovo batido, o resto do azucre, o mel, o lévedo mailo resto do leite morno e mesturámolo
  3. Logo botámo-la mestura no mesado enfariñado e amasámolo ben polo menos10 minutos.
  4. Deixámola levedar, tapada cun pano de cociña, nun sitio tépedo por unha hora.
  5. Entrementres, mesturamos ben a manteiga cos 25 g de fariña para facer o empaste.
  6. Pasado o tempo estirámola masa ata deixala duns 5 mm de groso por uns 30 cm de ancho e o longo que saia.
  7. Pondo a parte estreita paralela a nós repartímolo empaste no terzo central dela e dobrámo-los laterais a terzos sobre o empaste, estirámola un pouquiño e dobramos un terzo cara nós e o outro  terzo sobre o primeiro.
  8. Metémolo na neveira uns 60 minutos; logo diso, xirámo-la masa 90º de como a tiñamos antes de arrefriala e estirámola facendo un cadrado que dobramos despois a terzos de esquerda a dereita e o rectángulo formado dobrámolo en terzos cara nós. Metémolo de novo a neveira.
  9. Repetimos isto unha 4-5 veces máis.
  10. Acendémo-lo forno a 180º C para que vaia quecendo.
  11. Para facer xa as mediaslúas, estirámo-la masa para poder facer un rectángulo duns 20-30 cm de ancho (isto depende do tamaños das mediaslúas) por 5 mm de groso e logo de recortar cun coitelo os bordos, para deixalo deses 20-30 cm, partímolo primeiro pola metade ó longo  e destas metades facemos triángulos duns 6 a 8 cm de base, dependendo do tamaño.
  12. Enrolámo-los triángulos comezando pola parte ancha (estiramos primeiro un pouco as puntas da base) cara a ó vértice oposto e pómolos nunha bandexa do forno cuberto con papel de enfornar curvándoos un pouco para darlles forma de media lúa.
  13. Pintámolas con ovo batido e metémolas no segundo nivel do forno, quente, polo decurso duns 15 minutos ou ata que estean douradas.
  14. Logo de sacalas do forno podes empoalas con azucre moído ou darlles brillo con xelatina ou marmelada.

 

Notas:

  • Se a masa ficase un pouco branda botariámoslle máis fariña e se fora ó revés botariámoslle leite ou auga.
  • Estas mediaslúas saen coma as compradas é dicir con follado
  • Como o follado leva moito tempo convén telo feito de antes e conservado na neveira.

 

 

Tempo: 40 minutos                                                                Comensais: segundo as pezas que saian

Sen contar os tempos de espera do follado

Pudin de mazás e galletas de améndoas

Ingredientes:

  • 200 g. de galletas de améndoas
  • 100 ml. (½ vaso)de café feito
  • 2 culleradas de pan relado
  • 3 culleres de mel
  • 50 ml. de viño doce (mistela, oporto,etc)
  • 2 mazás
  • 4 ovos
  • Nata montada
  • 3 culleres de bagos pasos (sen pebidas)
  • 2 culleres de cacao en po
  • Manteiga de leite
  • Pan relado

Descrición:

  1. Pómolos bagos a remollo en auga  morna polo decurso de 1 hora
  2. Desfacemos coa man as galletas de améndoas (non deixalas moi moídas) e botámolas nunha cunca fonda
  3. Engadímoslle o café, o viño, o pan relado mailo mel e mesturamos.
  4. Batémo-los ovos e engadímolos
  5. Pelámo-las mazás; logo de relalas cun relador groso engadímolas ó resto e mesturamos todo
  6. Untamos con manteiga un molde alongado (tipo cake) e empoámolo con pan relado.
  7. Botamos dentro a mestura anterior e tapámolo con papel de aluminio.
  8. Metémolo no forno quente a 110ºC polo decurso de 45 minutos ou a 170ºC pero ó baño maría.
  9. Sacámolo do forno deixámolo arrefriar; cando estea frío quitámolo do molde.
  10. Cortámolo en rebandadas de uns 2cm. de groso e presentámolas nos pratos con nata montada por riba coroada cos bagos  e empoada (coa axuda dun coador) con cacao en po e acompañadas con chocolate quente.

Tempo: 1 hora

Comensais: 4

Melindres ó xeito de Melide

Ingredientes

  • 6 xemas de ovo
  • 30 g de manteiga de leite
  • 30 ml de anís
  • 300 g. de fariña de trigo 250 g de azucre
  • 125 ml de auga (1 vaso)

Preparación

  1. Mesturámo-las xemas de ovo, coa manteiga (derretida e tépeda) maila fariña.
  2. Amasámola ben e cando a masa estea ben ligada, xa non se apega ás mans, deixámola repousar unha hora nun sitio tépedo e tapada cun pano de cociña.
  3. Pasado este tempo cortámo-la masa en anacos que imos xirando polo mesado para darlles forma cilíndrica do grosor do dedo maimiño.
  4. Collemos este cordón de masa e enrolámolo ó redor de un ou dous dedos, se as queremos algo máis grandes, pegámo-las puntas e cortámolo sobrante; deste xeito imos facendo roscas.
  5. Pómolas nunha bandexa de forno untada de manteiga  e deixámolas repousar polo decurso de 15 minutos.
  6. Logo diso metémolas no forno aquecido a 220º C ata que collan unha cor dourada non moi escura; uns 10 minutos.
  7. Sacámolas e deixámolas arrefriar.
  8. Xa ben frías e mellor o día seguinte, facemos un xarope pondo a cocer o azucre maila auga polo decurso duns 5 minutos.
  9. Neste intre, estando o xarope aínda quente, engadímo-lo sobre os melindres, remexémolos para repartilo, e sacámolos axiña antes de que seque e se apeguen entre eles; deixámolos secar nun enreixado, nunha bandexa untada con aceite ou manteiga  e afastados uns dos outros para que non se apeguen.

Notas:

  • O dicionario da RAG di que melindre é un doce pequeno feito con mel, de aí o seu nome, polo que se deduce que ó primeiro mergullábanos en mel e logo co tempo pasouse a bañalos con azucre.
  • Tamén as podemos fritir nunha tixola con moito aceite e despois deixalas escorregar sobre un papel absorbente. e envolvelas con azucre en gran
  • En Ponteareas engádenlle un pouco de gran de améndoa; en Silleda bótanlle unha copiña de anís ou unha cullerada de mel e en Allariz trocan a fariña de trigo por améndoa moída ou mesturada ó 50% coa fariña.
  • Probade a facelas os xeitos de Ponteareas, Silleda e Allariz (anaquiños de améndoas, anís, ou améndoas moídas mesturadas por metade coa fariña.
  • Teñen moita sona dende moi antigo as de Ribadavia.

Tempo: 2 horas                                                         Comensais: 8

Recipe by on.
Microformatting by hRecipe.

Receita: Licor de Mel

Ingredentes

  • 1 l. augardente
  • 1/2 l. de auga
  • 1/2 Kg. de mel
  • 1/2 limón (só a casca sen parte branca)
  • 1/2 laranxa (só a casca sen a parte branca
  • 1 pola de canela
  • 2 cravos (especia)
  • 2 follas de menta

(máis…)

Receita: Trufas de Castañas

Ingredentes

  • 500 g de castañas
  • 250 ml de leite
  • 100 g de manteiga
  • 100 g de chocolate fondant(tableta)
  • 2 culleradas de mel
  • 100 g de azucre
  • 1 chorriño de augardente
  • Fideos de chocolate, ao gusto

(máis…)

Receita: Casdielles

Ingredentes para a Masa

  • ½ vaso de aceite de oliva
  • ½ vaso de viño branco
  • 1 xema de ovo
  • 1 culler de café de fermento en po
  • 100 gr. de manteiga ou tona de leite
  • 1 Kg. de fariña (*)
  • sal

(máis…)

Receita: Salame de Chocolate e Noces

Ingredients

  • 200 g de chocolate.
  • 2 culleradas sopeiras de mel .
  • 250grs. de noces partidas en 4 partes cada unha.

(máis…)

Receita: Peras recheas

Ingredientes

  • 4 peras de auga
  • 4 galletas tipo maría dourada
  • 2 xemas de ovo
  • 1 limón (o zume)
  • 4 noces
  • 4 abelás
  • 4 améndoas
  • 12 piñóns
  • 2 culleres de mel