Posted by Crisanto under Cociña galega, Tapas
Comentarios desactivados en Saquiño de morcilla e mazá
Saquiño de morcilla e mazá
Ingredientes:
- 100 g de morcilla
- 1 mazá reineta
- Pasta brick
- Azucre
- Aceite de oliva
- Prebe de piquillos
- Ceboliño
Descrición:
- Pelámo-la mazá e picámola non moi miúda e amolecémola nunha tixola con aceite.
- Mesturámola coa morcilla esmigallada e botámoslle un pouco de azucre
- Repartimos a mestura sobre uns anacos cadrados de pasta brick e xuntando as puntas facemos un pequeno saco atándoos con ceboliño
- Pómolos nunha bandexa de forno cun chisco de aceite ou manteiga no fondo para que non se apeguen e grellámolos ata que douren un pouco sen que se queimen.
- No vaso do batedor botamos 4 pementos de piquillo e 1 culler de aceite, un chisco de auga e sal; batémolo todo e engadimos 2 culleres de aceite máis e mesturamos sen bater.
- Presentámolos sacos regados con fíos de prebe de pementos. Servímolos quentes.
Nota:
- Se queres facelo cun toque galego prepara unhas filloas delgadiñas para face-los sacos.
Tempo: 15 minutos
Tapas: 4
Posted by Crisanto under Cociña galega, Sobremesas
Comentarios desactivados en Pudin de mazás e galletas de améndoas
Pudin de mazás e galletas de améndoas
Ingredientes:
- 200 g. de galletas de améndoas
- 100 ml. (½ vaso)de café feito
- 2 culleradas de pan relado
- 3 culleres de mel
- 50 ml. de viño doce (mistela, oporto,etc)
- 2 mazás
- 4 ovos
- Nata montada
- 3 culleres de bagos pasos (sen pebidas)
- 2 culleres de cacao en po
- Manteiga de leite
- Pan relado
Descrición:
- Pómolos bagos a remollo en auga morna polo decurso de 1 hora
- Desfacemos coa man as galletas de améndoas (non deixalas moi moídas) e botámolas nunha cunca fonda
- Engadímoslle o café, o viño, o pan relado mailo mel e mesturamos.
- Batémo-los ovos e engadímolos
- Pelámo-las mazás; logo de relalas cun relador groso engadímolas ó resto e mesturamos todo
- Untamos con manteiga un molde alongado (tipo cake) e empoámolo con pan relado.
- Botamos dentro a mestura anterior e tapámolo con papel de aluminio.
- Metémolo no forno quente a 110ºC polo decurso de 45 minutos ou a 170ºC pero ó baño maría.
- Sacámolo do forno deixámolo arrefriar; cando estea frío quitámolo do molde.
- Cortámolo en rebandadas de uns 2cm. de groso e presentámolas nos pratos con nata montada por riba coroada cos bagos e empoada (coa axuda dun coador) con cacao en po e acompañadas con chocolate quente.
Tempo: 1 hora
Comensais: 4
Etiquetas: bagios pasos, cacao, café, galletas de améndoas, manteiga de leite, mazá, mel, nata montada, ovo, pan relado, viño doce
Posted by casdeiro under Cantigas tradicionais, Música galega
Comentarios desactivados en Cantiga: Eu subín a unha pereira
Eu subín a unha pereira
e farteime de mazás
ven o dono dos pementos
déixame as uvas, rapaz.